0 Gardados para despois

Varios técnicos de Ineco ratifican que Adif non lles pediu avaliar a curva de Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Adif, a empresa pública responsable do AVE Ourense-Santiago, non encargou á consultora tamén pública Ineco que avaliase os posibles riscos de toda a liña senón só ata uns 300 metros antes da curva de Angrois, onde o 24 de xullo de 2013 descarrilou un tren Alvia provocando 80 mortes. Así o reiteraron este mércores no xulgado dous técnicos de Ineco que ratificaron o xa avanzado este martes por unha terceira compañeira. Porén, segundo documentos agora desvelados, nunha fase previa Adif si considerara necesario avaliar tamén o treito final da liña.

Actas internas sinalan que o director de Seguridade de Adif, o imputado Andrés Cortabitarte, autorizou a liña prescindindo dun informe da consultora pública que previamente si considerara necesario

En decembro de 2011, xusto antes da inauguración do AVE Ourense-Santiago, a empresa pública Ineco emitiu un informe de avaliación de riscos do AVE Ourense-Santiago elaborado por Salvador Arriaga, revisado por Jorge Merino e aprobado por Laura López. Os tres técnicos da consultora foron citados a declarar como imputados polo xuíz instrutor do caso. Este martes, tras a comparecencia do director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, fíxoo Laura López, mentres que Arriaga e Merino compareceron este mércores. Os dous ratificaron o que dixera o día anterior a súa compañeira, que Ineco non avaliou a seguridade da curva de Angrois porque Adif só lle encargou facelo do resto da liña de alta velocidade ata xusto antes dese punto.

A comparecencia dos tres técnicos de Ineco prodúcese como consecuencia da declaración realizada en xullo polo director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, quen deitou neles a responsabilidade de analizar os riscos existentes na liña ferroviaria, como esixe a normativa europea. Porén, tanto López o Martes como Arriaga e Merino este mércores indicaron que Adif só encargou a Ineco que analizase o denominado encravamento do Irixo, unha das tres divisións a efectos técnicos da liña ferroviaria Ourense-Santiago, a situada no seu punto medio entre o encravamento de Ourense e o de Santiago. Ese treito remata no punto quilométrico 84,144, xusto antes da curva de Angrois e do punto 84,413 no que descarrilou o tren Alvia.

"Adif tiña que facer unha análise integral de riscos de todos os elementos de toda a liña e agora queda claro que nin sequera a fixo da sinalización no encravamento de Santiago”, di o avogado do maquinista do Alvia

Arriaga e Merino, segundo varias fontes presentes na súa declaración, dixeron que non analizaron ningunha cuestión referente ao encravamento de Santiago no que se produciu o accidente e que sobre o treito previo se limitaron a analizar, como é a súa competencia, que a documentación que lles transmitiu a empresa construtora fose correcta, sen avaliar tampouco os riscos derivados do factor humano. Ao remate da súa declaración, o avogado do maquinista do Alvia imputado salientou que “Adif tiña que facer unha análise integral de riscos de todos os elementos de toda a liña e agora queda claro que nin sequera a fixo da sinalización no encravamento de Santiago”. Ao seu ver, o xuíz instrutor podería agora chamar a declarar a responsables da empresa construtora para saber se alguén fixo esa análise de riscos integral que reclama a normativa europea e que se bota en falta a instrución.

Non queda claro por que a dirección de Seguridade de Adif deixa de considerar necesaria unha avaliación externa da entrada a Santiago e autoriza entrada en servizo da liña

A declaración dos técnicos de Ineco prodúcese despois de que este martes Europa Press desvelase actas internas, ás que tivo acceso Praza.gal, de reunións entre varios departamentos de Adif, as empresas construtoras que instalaron os sistemas de seguridade e Ineco que volverían poñer o foco sobre o director de Seguridade na Circulacion de Adif, Andrés Cortabitarte, como máximo responsable da autorización de entrada en servizo da liña.

Segundo esas actas, o departamento de Seguridade de Cortabitarte reclamou en varias ocasións desde abril de 2011 a outros departamentos da empresa pública a necesidade de contar con avaliación externa tamén dese último treito de Santiago no que ocorreu o accidente antes de poñer en servizo toda a liña desde Ourense. Porén, nunha acta do 26 de setembro de 2011 esa petición dunha avaliación externa deixa de figurar e acéptase a cambio un informe de seguridade elaborado pola propia empresa construtora. Non queda claro o motivo polo que a dirección de Seguridade ou Cortabitarte aceptaron ese cambio e este último permitiu que dous meses e medio despois a liña entrase en servizo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.