0 Gardados para despois

A investigación xudicial de Angrois volve estancarse aos dous anos da súa reapertura

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O 26 de maio de 2016, hai agora dous anos, a Audiencia Provincial da Coruña emitía un auto que supuña a reapertura da investigación xudicial sobre o accidente de Angrois que case tres anos antes deixara 80 mortos e cuxo segundo xuíz instrutor quería pechar co maquinista, Francisco José Garzón, como único imputado. Dous anos despois desa reapertura a causa conta con seis imputados máis, pero volve estar estancada desde hai meses porque a folga na Xustiza paralizou as tomas de declaración e está pendente de coñecerse un informe pedido á Axencia Ferroviaria Europea clave para aclarar se, como sospeitaba a Audiencia hai agora dous anos, Adif non analizou como debía o risco existente na curva de Angrois.

O 26 de maio de 2016 a Audiencia da Coruña ordenaba ao xulgado pescudar se Adif analizou como debía os riscos da curva. Dous anos despois a causa conta con seis imputados ademais do maquinista pero volve demorarse.

Nin o xuíz instrutor nin o fiscal vían hai dous anos relevantes penalmente as decisións de Adif de reducir en 2010 a seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente e de autorizar en 2012 a Renfe a desactivar o control de velocidade ERTMS a bordo dos Alvia. Porén, naquel auto do 26 de maio de 2016 a Audiencia si consideraba que había dúbidas fundadas sobre se a empresa pública analizara como debía o risco previsible que había na curva de Angrois de descarrilamento por exceso de velocidad tras un erro humano como o que tivo o maquinista, que se despistou e non freou a tempo sen que houbese activo ningún sistema que o evitase ou paliase. Esa análise de riscos realizárase, cando menos, de xeito "fragmentario", dicía a Audiencia.

Nestes dous anos, ao pescudar en como se elaborou e validou esa análise de riscos, o director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, foi imputado e desviou responsabilidades cara outros departamentos, o que provocou a imputación doutras cinco persoas: o seu homólogo en Renfe, Antonio Lanchares, un subordinado e tres técnicos da consultora Ineco. Ao tempo, dous peritos xudiciais, que tiveron que ampliar os seus informes previos e non foron chamados a declarar ata xullo de 2017, un ano despois da reapertura da causa, discreparon sobre se esa análise de riscos foi elaborada como esixía a normativa ferroviaria ou non, o que deixou o desempate en mans da Axencia Ferroviaria da Unión Europea (ERA, nas súas siglas en inglés).

A folga na Xustiza paralizou varias declaracións pendentes de imputados e testemuñas e aínda non se coñece un informe clave da Axencia Ferroviaria Europea

Pero aí aumentaron os atrancos e demoras. Por unha banda, o xulgado trabucouse no enderezo ao que enviou a petición de axuda á axencia europea, o que provocou unha demora de polo menos cinco meses. Por outra banda, as declaracións de imputados e testemuñas paráronse co inicio o pasado 7 de febreiro da folga dos traballadores da administración de xustiza en Galicia. Así que dous anos despois de que a Audiencia ordenase ao xuíz instrutor pescudar se os riscos existentes na curva de Angrois se analizaran como establecía a normativa, aínda está pendente de coñecerse a visión que ao respecto ten a Axencia Ferroviaria Europea e aínda teñen que declarar no xulgado un imputado e seis testemuñas e peritos. Dentro de dous meses cumpriranse cinco anos do accidente e as vítimas seguen sen obter xustiza.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.