Medio ano de parálise xudicial e política atoan a investigación do accidente de Angrois

Vítimas de Angrois, no lugar do accidente o pasado xullo CC-BY-SA Praza Pública

Nunca como agora a plataforma de vítimas do accidente de Angrois avanzara tan lonxe na consecución dos seus obxectivos. Paradoxalmente, poucas veces como no último medio ano se acumularan tantas demoras ao mesmo tempo tanto na vertente xudicial como na política das súas reivindicacións para aclarar o ocorrido no sinistro que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos ás portas de Santiago despois de que o maquinista do tren Alvia non frease a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu erro humano.

Estancamento xudicial

As vítimas amosan a súa esperanza en que a comisión do Congreso bote á fin a andar esta semana

No plano xudicial, tras catro anos de altibaixos con erros e demoras, a investigación avanzou notablemente o pasado ano, cando foron imputados e pasaron polo xulgado a declarar os directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, aos que o xuíz instrutor considera posibles responsables de delitos de homicidio imprudente por non dispor medidas correctoras do risco previsible de accidente que existía na curva de Angrois. Xunto con eles tamén declararon tres técnicos da empresa pública Ineco que ratificaron que Adif non lles pedira avaliar os riscos da curva. Pero desde ese momento, a principios de novembro, a causa xudicial ralentizouse.

Para establecer a responsabilidade penal da inacción dos cargos de Adif e Renfe implicados, o xuíz instrutor pediu á Axencia Ferroviaria Europea que aclare se era ou non obrigatorio segundo a normativa comunitaria avaliar o risco da curva, pero o xulgado trabucouse no enderezo ao que enviou a súa petición e tardou cinco meses en remitila de novo correctamente. Logo, a principios de febreiro, o xuíz instrutor decidiu aceptar varias peticións que había tempo que lle formularan as partes presentes na causa para tomar declaración a unha ducia de persoas implicadas no deseño e supervisión da liña e peritos. Porén, o 7 de febreiro o persoal da administración de Xustiza en Galicia iniciou unha folga indefinida durante a que só puideron declarar tres deles. A folga continúa sen visos de solución máis de dous meses despois e non hai data para retomar as declaracións pendentes nin as partes saben aínda nada do informe da Axencia Ferroviaria Europea.

Estancamento político

A folga da xustiza e un erro do xulgado nun enderezo ao pedir un informe á Axencia Ferroviaria Europea demoran a investigación penal

De xeito paralelo ás responsabilidades penais, as vítimas piden que se depuren tamén as responsabilidades políticas polo deseño da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente así como pola xestión posterior do sinistro. A plataforma de afectados viña reclamando desde poucos meses despois do sinistro a creación dunha comisión de investigación política no Congreso dos Deputados, pero a maioría absoluta do PP primeiro e despois a complicidade do PSOE impediron durante catro anos a súa creación. O cambio na dirección do PSOE permitiu que o Pleno do Congreso finalmente aprobase esa comisión o 28 de setembro do ano pasado, pero aínda non comezou a traballar porque durante todo este medio ano os grupos políticos non foron quen de poñerse de acordo sobre quen a debe presidir.

O pasado xoves a presidenta do Congreso, Ana Pastor, recibiu o presidente da plataforma de vítimas e informouno de que a sesión de constitución da comisión está fixada para o próximo mércores día 18 de abril. Pastor era ministra de Fomento cando Adif e Renfe decidiron que os trens Alvia circulasen entre Ourense e Santiago co sistema de control da velocidade desconectado, e con ela no cargo o seu ministerio realizou unha investigación oficial do sinistro que fixo responsable só ao maquinista e que foi descualificada tanto pola Xustiza como pola Axencia Ferroviaria Europea. Por eses e outros motivos as vítimas queren que a propia Pastor dea explicacións políticas na comisión, ao igual que o seu antecesor, o socialista José Blanco.

A data do 24 de xullo, e con ela o quinto aniversario do accidente, segue a aproximarse sen que as vítimas teñan expectativas de pronta resposta a todas as súas preguntas pendentes

Máis de seis meses despois da súa aprobación, a sesión de constitución da comisión de investigación será este mércores, pero coa incógnita de cal será o resultado da primeira votación que teñan que realizar os seus membros, a de quen a vai presidir, se ben diversas fontes apuntan o PDeCAT como opción máis probable. Despois chegará outra loita política, a de cantos grupos aceptan as comparecencias que reclaman as vítimas. Loita similar á que se desatará no xulgado entre as partes implicadas cando remate a folga da xustiza, comecen as declaracións pendentes e se coñeza o informe europeo. Mentres, a data do 24 de xullo, e con ela o quinto aniversario do accidente, segue a aproximarse sen que as vítimas teñan expectativas de pronta resposta a todas as súas preguntas pendentes tanto por parte da xustiza como da política.

Protestas de vítimas de Angrois ante o xulgado e o Congreso dos Deputados CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.