A comisión de investigación do accidente de Angrois leva catro meses bloqueada no Congreso

Vítimas de Angrois piden unha investigación política do accidente CC-BY-SA Plataforma Víctimas Alvia 04155

Hai máis de catro meses o Congreso decidiu por ampla maioría crear unha comisión de investigación do accidente ferroviario de Angrois no que faleceron 81 persoas e 150 resultaron feridas. Saíu adiante co voto favorable de Unidos Podemos, Ciudadanos e o PSOE, que rectificou o seu rexeitamento tras a volta ao liderado de Pedro Sánchez. No inicio de 2018 permanece bloqueada e sen traza de que os seus traballos vaian comezar de forma inminente, xusto cando o xuíz que leva o caso Angrois vén de imputar outros dous cargos de Adif e de devolver o tren sinistrado a Renfe

A comisión de investigación nin tan sequera se constituíu. Está aprobada a súa creación pero polo momento non se creou formalmente. Non ten membros. Ninguén integra a Mesa que terá que pilotar os traballos. Fontes parlamentarias sinalan a eldiario.es que "os grupos non se puxeron de acordo en cales van ser os membros da Mesa". Non hai nin candidato a presidir a devandita comisión. É unha versión na que coinciden varios grupos consultados.

"Os grupos non se puxeron de acordo en cales van ser os membros da Mesa", coinciden varias fontes parlamentarias

Desde o PSOE sinalan que eles xa elixiron os tres membros que formarán parte da comisión -Odón Elorza, Pilar Cancela e César Ramos- e que a presidencia debería recaer nun dos partidos minoritarios do Grupo Mixto. Un "acordo non escrito" de longa tradición no Congreso no referente ás comisións de investigación. É a mesma posición que mantén o PP, que rexeitou no seu día a constitución da comisión e que, polo tanto, non ten présa en pola en marcha.

Por quenda debería recaer no deputado de Foro Asturias, Isidro Martínez Oblanca. Contactado por eldiario.es, Martínez rexeita presidir a comisión xa que é o único deputado do seu partido: "Estou desbordado de traballo, así que non podo asumir novas obrigas e deixar relegadas as que xa teño", explica.

A outra formación do Grupo Mixto que, por cota, integra a comisión é o PDeCAT. Os cataláns intercambiárona temporalmente con Compromís, que pediu o seu oco na comisión territorial despois de que o PDeCAT rexeitase participar ata que se normalizase a situación en Catalunya e se revertese o artigo 155 da Constitución.

Cando iso suceda, segundo fontes da coalición valenciá, ambos os dous partidos terán que negociar se manteñen o actual acordo ou o reverten.

Unidos Podemos deu un paso á fronte e ofreceuse a presidir a comisión

No Grupo Mixto miran agora ao PDeCAT como posible presidente da comisión. Fontes do grupo que dirixe Carles Campuzano aseguran descoñecer que lles toque ocupar ese posto. "Non nos consta", aseguran. "É algo que non falamos", resolven.

O grupo que si deu un paso á fronte é Unidos Podemos, que se ofreceu para presidir a comisión. "Ciudadanos non quere e a nós non nos deixan", aseguran fontes do grupo confederal. "O problema está entre o PP e o PSOE e os acordos que teñen entre eles", resolven.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.