0 Gardados para despois

PSOE e En Marea pactan a comisión de investigación de Angrois

Aitor RiveiroAitor Riveiro | @ikaitor


O Congreso debate e vota este xoves iniciar a análise das responsabilidades políticas do sinistro

Catro anos despois do accidente do Alvia en Santiago no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, o Congreso dos Deputados aprobará a creación dunha comisión de investigación que analice as causas do sinistro. PSOE e Unidos Podemos-En Comú-En Marea alcanzaron un acordo para levar ao Pleno deste xoves unha única proposta, que contará co apoio maioritario da Cámara.

O acordo anunciouno a portavoz de En Marea na Comisión de Fomento, Alexandra Fernández, e confirmouno o PSOE. Ambos os grupos presentaran a súa propia iniciativa o que obrigaba a un entendemento para asegurarse que a comisión recibe o visto e prace do Pleno. Ciudadanos e o Grupo Mixto, que asinaba tamén a proposta de En Marea, votarán a favor.

Os dous grupos fusionaron nun “acordo de mínimos” as dúas iniciativas que presentaran por separado

Fernández asegurou en declaracións aos medios que se trata de "unha proposta de mínimos e aberta" que permita sacar adiante unha votación que perigaba. As diferenzas nos obxectivos e amplitude da investigación que ambos os grupos presentaran podía bloquear a aprobación da comisión. As diferenzas persisten, pero apostouse por pospoñer a súa discusión para priorizar a aprobación da comisión. Será máis adiante, cando se discuta o plan de traballo no seo da propia comisión, cando se determine a duración, profundidade e marxes da investigación.

Fernández lembrou nunha rolda de prensa que é a terceira vez que En Marea, integrada no grupo confederal, promove unha investigación parlamentaria. A portavoz asegurou que cando se inicie a negociación do plan de traballo centraranse en "garantir a independencia" da comisión, en que se chegue "á raíz do problema" e en determinar "as responsabilidades políticas que hai detrás do accidente".

A portavoz de En Marea confiou en que durante a elaboración dese plan de traballo se dea voz ás vítimas do accidente. Fernández lembrou que a Comisión Europea xa denunciou as carencias da investigación técnica sobre o accidente que realizara Fomento. Entre os motivos que alegou o Executivo europeo estaba precisamente a ausencia da voz das vítimas.

As propostas de PSOE e o grupo confederal diferían en múltiples aspectos. Desde a duración dos traballos da comisión (catro meses fronte a 10 prorrogables) ata a definición do obxectivo

As propostas de PSOE e o grupo confederal diferían en múltiples aspectos. Desde a duración dos traballos da comisión (catro meses fronte a 10 prorrogables) ata a definición do obxectivo. Aínda que os socialistas estaban abertos a buscar "as responsabilidades políticas que puidesen derivarse" do accidente, no seu escrito limitábanse a sinalar como obxectivo o "establecer as causas do accidente e especificamente a adecuación da avaliación de riscos de seguridade".

En Marea tamén pedía investigar "o sistema de seguridade" que se utilizaba na chamada curva da Grandeira, onde descarrilou o tren. Pero tamén apelaba a "avaliar todas as decisións e os cambios producidos no proxecto de construción da liña", "revisar o estado das infraestruturas ferroviarias" galegas" ou pedir "unha auditoría independente da xestión económica e en materia de seguridade de Fomento, Adif e Renfe" na construción do tramo Ourense-Santiago.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.