Técnicos que instalaron a seguridade do AVE Ourense-Santiago ratifican que Adif non pediu avaliar o risco da curva de Angrois

O avogado do maquinista do Alvia entre dous avogados das vítimas este martes en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A folga do persoal da Xustiza non impediu que este martes se producisen novas declaracións de testemuñas na instrución xudicial do accidente do tren Alvia, que se está a centrar na pescuda de se Adif e Renfe analizaron e trataron como debían o risco previsible que existía dun exceso de velocidade como o que se produciu na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013, cando morreron 80 persoas. Técnicos das empresas que executaron os sistemas de seguridade da liña de AVE Ourense-Santiago, na que ocorreu o sinistro, ratificaron que Adif non pediu avaliar o risco dese punto.

As testemuñas ratifican que a empresa pública centrou os seus esforzos no corpo central da liña de alta velocidade, unha longa recta, pero obviou os quilómetros finais, onde se atopaba a primeira curva do traxecto

Na súa declaración o pasado xullo, o principal imputado da causa, Andrés Cortabitarte, que foi director de Seguridade na Circulación de Adif, derivou as responsabilidades desa análise do risco da curva de Angrois cara a Renfe e outros departamentos de Fomento. Iso fixo que fose citado tamén como imputado o seu homólogo director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, que á súa vez apuntou a subordinados seus e devolveu en parte a pelota a Adif. Tras esas declaracións, o pasado 1 de febreiro o xuíz instrutor citou como imputados a outros dous técnicos de Adif: Fernando Rebón Sartal, xerente da Área de Seguridade na Circulación para o Noroeste, e Fernando García Díez, xefe de inspección desa mesma xerencia, este último xa falecido. Tamén citou como testemuñas, a petición de varias das partes presentes na causa, a peritos e diversos técnicos de Renfe e das empresas construtoras da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro.

Técnicos da unión temporal de empresas (UTE) formada por Siemens e Thales dixeron que no marco do seu contrato Adif non lles encargou avaliar o risco de exceso de velocidade na curva de Angrois.

Tres destes últimos, técnicos da unión temporal de empresas (UTE) formada por Siemens e Thales, que executou os sistemas de seguridade da liña, declararon este martes. Na súa comparecencia dixeron, segundo varias fontes presentes na sala, que no marco do seu contrato Adif non lles encargou avaliar o risco de exceso de velocidade na curva de Angrois. Ratificaron así declaracións similares realizadas en novembro por técnicos da empresa pública Ineco, supervisora independente das instalacións de seguridade, que tamén aseguraran que Adif lles encargara supervisar a liña desde Ourense ata só uns metros antes da curva de Angrois, que xa era considerada, a efectos de seguridade, parte do encravamento técnico da estación de Santiago. Porén, tras aquelas declaracións as vítimas do sinistro evidenciaron con documentos que Adif sabía que tiña que revisar tamén a curva e decidiu non facelo.

Máis alá do traballo que se lles encomendou a eles, as testemuñas deste martes relataron como en ningunha das reunións que mantiveron con Adif e Ineco se falou do risco da curva de Angrois, polo que consideraron que tampouco a supervisora independente tiña ese encargo. Un deles tamén sinalou que no seu traballo non analizan curvas senón velocidades, o que motivou unha réplica do fiscal, que salientou, en liña con apreciacións similares que xa veu realizando en declaracións previas, que no punto do accidente se producía unha redución notable de velocidade de 200 a 80 quilómetros por hora sen que estivese activo ningún sistema de seguridade. 

As testemuñas sinalaron que non analizan curvas senón velocidades e que non teñen que ter en conta o factor humano

Os técnicos que declararon este martes tamén indicaron que o seu traballo non tivo en conta o factor humano como orixe de riscos, cuestión na que fai fincapé a defensa do maquinista do Alvia, que se despistou e non freou a tempo antes da curva sen que existise ningún sistema automático que evitase ou paliase ese risco previsible. Un dos técnicos, cuxa función era de índole máis económica, tamén apuntou que a decisión de modificar o proxecto orixinal da liña e que o sistema de control constante da velocidade (ERTMS) rematase varios quilómetros antes da curva de Angrois supuxo un aforro dun 19%. Porén, documentación previa existente na causa indica que malia que ese cambio supuxo un aforro, outras mudanzas derivadas del, e que segundo Adif se realizaron para evitar que os trens tivesen que cambiar de ancho de eixos en Santiago, supuxeron un encarecemento.

Este martes tamén declarou como testemuña outra técnica de Thales que non participou na liña Ourense-Santiago e cuxa declaración foi solicitada por Adif. Na súa intervención, segundo varios dos presentes na sala, explicou o funcionamento dos diversos sistemas de seguridade, que en Angrois non estaban configurados para evitar o exceso de velocidade que se produciu. A testemuña recoñeceu que se o ERTMS estivese activo, aínda que non estivese instalado xusto na curva senón só ata uns quilómetros antes, frearía o tren nese punto se o maquinista non o facía. Porén, o sistema fora desconectado coa autorización do director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

Con estas declaracións, o foco da instrución volve cara a Adif, que foi quen encargou tanto os traballos concretos que quería que executasen as construtoras como o tipo de supervisión independente da liña que realizou Ineco. Tras as desta semana, as próximas declaracións de testemuñas, neste caso doutros dous técnicos de empresas construtoras da liña e de dous cargos de Renfe, están previstas para o vindeiro luns.

Queda no aire cando serán recolocadas as declaracións que non se poidan realizar pola folga nunha instrución xudicial que se achega xa aos cinco anos

As declaracións destes martes, ante unha ducia de avogados das partes desprazados na súa maioría desde Madrid, producíronse malia a folga do persoal da Xustiza que se vén rexistrando en toda Galicia desde hai máis dun mes. A pasada semana, cando estaba citado a declarar o novo técnico de Adif imputado, Fernando Rebón Sartal, a súa comparecencia non se produciu por non haber persoal dispoñible. Porén, este martes o xulgado si contou co persoal necesario para poder tomar as declaracións. Queda no aire cando serán recolocadas as declaracións que non se poidan realizar pola folga nunha instrución xudicial que se achega xa aos cinco anos.

Acta na que Adif admite a necesidade dunha avaliación independente de riscos para o treito de Santiago no que está a curva de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.