0 Gardados para despois

O xuíz imputa o director de Seguridade de Renfe polo accidente de Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

Antonio Lanchares e tres técnicos da consultora pública Ineco súmanse como investigados ao director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, cuxa declaración o pasado xullo provoca esta ampliación do número de imputados

O director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares Asensio, vén de ser chamado a declarar como investigado -antiga figura de imputado- polo xuíz instrutor do accidente de tren de Angrois para que aclare a súa posible responsabilidade na análise de riscos da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro e na que a ausencia de medidas de seguridade de respaldo deixaba toda a responsabilidade en mans do maquinista. Lanchares está citado a comparecer no xulgado o día 7 de novembro. Xunto con el tamén están citados para ese día e o seguinte tres técnicos da consultora pública Ineco para que aclaren igualmente a súa responsabilidade nesa análise de riscos.

A citación destas catro persoas prodúcese tras a declaración do tamén imputado director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, que na súa comparecencia no xulgado do pasado 27 de xullo desviou responsabilidades sobre as carencias de seguridade do AVE Ourense-Santiago a outros departamentos do Ministerio de Fomento, nomeadamente a Renfe e a consultora pública Ineco. Segundo di agora o xuíz, “resulta imprescindible recabar a testemuña do Director de Seguridade na Circulación de Renfe ao que o señor Cortabitarte situou en idéntico grao de responsabilidade que o seu”.

No sinistro do 24 de xullo de 2013, no que morreron 80 persoas, o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, tamén imputado na causa, despistouse e non freou a tempo antes da curva de Angrois sen que existise ningún sistema automático que evitase ou paliase o erro humano e malia que existía unha advertencia dun xefe de maquinistas de Renfe aos seus superiores de que podía ocorrer un sinistro así.

“Resulta imprescindible recabar a testemuña do Director de Seguridade na Circulación de Renfe ao que o señor Cortabitarte situou en idéntico grao de responsabilidade que o seu”, xustifica o xuíz

Antonio Lanchares é xefe de Seguridade na Circulación de Renfe desde antes de que se puxese en servizo a finais de 2011 o AVE Ourense-Santiago. El foi quen solicitou ao seu homólogo en Adif, Andrés Cortabitarte, autorización para desconectar a bordo dos Alvia entre Ourense e Santiago o sistema de control constante da velocidade propio do AVE (o ERTMS) e circular só co sistema convencional de control puntual (o ASFA), que non estaba programado, como si se fixo despois, para evitar un exceso de velocidade en Angrois. O ERTMS daba fallos e Cortabitarte autorizou a Lanchares en xuño de 2012, máis de un ano antes do sinistro, a desconectalo e circular só co ASFA mentres Renfe non arranxaba o problema. O sistema non sería reparado e conectado de novo nos Alvia entre Ourense e Santiago ata o verán de 2014, máis de dous anos despois.

O xuíz di agora que “non podemos obviar” que Lanchares foi quen solicitou esa desconexión “sen que conste que, con carácter previo, se realizase unha previa avaliación do risco que podería representar para a seguridade na circulación tal desconexión que, se ben en principio prevíase temporal, á postre mantívose durante case un ano e estaba vixente á data do accidente”.

En outubro de 2014 Lanchares compareceu no Congreso e asegurou que no accidente cumprírase coa normativa pero que esta non era "a adecuada"

Lanchares, malia solicitalo varias das partes persoadas na causa, aínda non comparecera no xulgado nestes máis de catro anos de instrución. Si o fixo o 28 de outubro de 2014 no Congreso dos Deputados, na subcomisión de análise do sistema ferroviario español creada tras o sinistro. Nesa comparecencia, a porta pechada pero da que se coñecen as transcricións das intervencións, Lanchares dixo que no accidente se cumprira coa normativa ferroviaria pero que esta non era “a adecuada”.

“Como responsable de seguridade síntome, digamos, fracasado e lamento o accidente”, dixo daquela, para engadir que antes do sinistro de Angrois a normativa non prevía sistemas de freado automático en reducións bruscas da velocidade como a que requiría Angrois senón que as deixaba en mans dos maquinistas. “A veces nos accidentes o único que se pode sacar é aprender das causas e tomar medidas para que non volvan suceder, e isto é o que cremos que se conseguiu”, salientou.

Tres técnicos de Ineco

“Partindo da declaración prestada polo señor Cortabitarte, é necesario tomar declaración aos técnicos de Ineco encargados de realizar o informe de avaliación independiente Laura López , Salvador Arriaga e Jorge Merino”, di o xuíz

Xunto con Lanchares, o xuíz tamén cita a declarar como investigados a tres técnicos da empresa pública Ineco, dependente do Ministerio de Fomento. “Partindo unha vez máis da declaración prestada polo señor Cortabitarte, é necesario tomar declaración aos técnicos de Ineco encargados de realizar o informe de avaliación independiente Laura López, Salvador Arriaga e Jorge Merino”, di o xuíz, que engade que “a función de tales técnicos non se limitaba a unha mera función auditora exenta de capacidade decisoria ou propositiva senón que eran ditos técnicos os encargados de efectuar a avaliación de riscos”.

O auto co que o xuíz instrutor establece estas citacións ordena tamén volver formular á Axencia Ferroviaria Europea diversas preguntas sobre a obrigatoriedade desa análise de riscos que xa se lle intentaran formular hai uns meses pero que foran remitidas polo xulgado a unha dirección errónea. Agora vólvese facer o envío engadindo outras cuestións que neste tempo pediron incorporar varias das partes presentes no proceso.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.