Ana Miranda volve ao escano do BNG na Eurocámara coa investigación de Angrois como prioridade

Miranda, tras recoller a súa acta de eurodeputada no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

O vindeiro 28 de febreiro Ana Miranda volverá tomar posesión do seu escano no Parlamento europeo no nome do BNG. Fano en virtude dos acordos electorais do Bloque no marco da coalición Os pobos deciden, segundo os cales remudará a Josu Juaristi (EH-Bildu) ata o remate da lexislatura europea, en maio de 2019. Miranda cumpriu este xoves na Xunta Electoral Central co trámite previo á toma de posesión, a recollida da credencial, e situou a investigación do accidente de Angrois como prioridade.

Despois de que, como voceira do BNG ante as institucións comunitarias, Miranda mediase ante a Axencia Ferroviaria Europea para que a plataforma de vítimas do accidente puidesen acceder ao seu informe sobre o acontecido e o documento fose público -a institución ditaminou, entre outros aspectos, que a investigación oficial non foi independente-, a eurodeputada resalta que teimará en "chegar ata o final" do acontecido. Acompañada por familiares das vítimas no acto celebrado no Congreso, Miranda afirma que ten a intención de "utilizar toda a capacidade do euroescano" para "esixir unha investigación independente que permita coñecer toda a verdade".

O 1 de marzo Miranda manterá unha xuntanza coa Comisión Europea sobre a súa "petición de apertura dun procedemento de infracción ao Estado Español" polo incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria en Angrois

Neste sentido, resalta, tras impulsar o devandito contacto entre as vítimas e a Axencia e mais a participación da súa plataforma na comisión de peticións da propia Eurocámara, xa prevé novas accións para procurar "resarcir as vítimas" e "reclamar que se adopten todas as medidas para que non volva repetirse nada parecido". Neste sentido, anuncia que o vindeiro 1 de marzo ten xa prevista unha xuntanza con representantes da Comisión Europea para abordar a "petición de apertura dun procedemento de infracción contra o Estado español" polo "seu incumprimento da normativa europea en materia da seguridade ferroviaria", un dos aspectos que tamén se está a revelar como clave nas pescudas xudiciais sobre o descarrilamento do Alvia.

Alén do accidente de Angrois, di Miranda, outras das súas "primeiras iniciativas" terán "carácter social" en eidos como as pensións ou a defensa da sanidade pública. Como no seu anterior período no Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG integrarase no grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea.

Miranda regresa ao Parlamento europeo despois de ocupar xa un escano nel entre 2011 e 2013 e previamente formara parte do equipo de Camilo Nogueira durante a súa etapa como eurodeputado. Coa súa chegada serán xa catro os membros da Eurocámara de orixe galega; ademais de Miranda no nome do Bloque continúan na institución Lidia Senra (AGEe), José Blanco (PSOE) e Francisco Millán-Mon (PP).

Ana Miranda, en Estrasburgo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.