O presidente do Goberno de España gábase de que permitiu unha comisión de investigación parlamentaria sobre o Alvia pero obvia que leva anos sen emitir as súas conclusións
A comparecencia este mércores do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, para dar conta da crise ferroviaria tras os accidentes mortais de Andalucía e Catalunya e as numerosas incidencias que se veñen producindo en toda a rede permitiu revivir no Congreso o accidente de Angrois, desaparecido dos debates parlamentarios estatais hai tempo. Logo de que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, asegurase que Sánchez é o máximo responsable do accidente de Adamuz, con 46 mortes, e que acabará nos tribunais, o socialista retrucoulle co accidente de Angrois, ocorrido en 2013 con 79 mortes e co PP á fronte do Ministerio de Fomento e Feijóo na Xunta.
"Quérome centrar no accidente de Angrois porque creo que o ten vostede que recordar", comezou Sánchez, mentres se podía comprobar como no seu escano Feijóo dicía "perfectamente" fóra de micrófono. "Vostedes taparon probas, señor Feijóo, vostedes taparon probas, puxeron obstáculos á publicación do informe da Axencia Ferroviaria Europea que denunciaba a falta de independencia nesta investigación", lembrou Sánchez. Unha afirmación coa que se referiu ás diversas manobras do Goberno de Mariano Rajoy, con Ana Pastor como ministra de Fomento, para que a Comisión Europea non desvelase un documento crítico coa versión oficial de que o maquinista fora o único responsable do accidente.
Unha investigación de Praza.gal revelou que o Goberno de Rajoy chegou a apelar ao daquela presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, para que non desvelase as súas críticas ao sistema ferroviario español. Porque segundo vén mantendo a Axencia Ferroviaria Europea, en contra do que agora vén de sentenciar a Audiencia Provincial da Coruña, a responsabilidade de frear o tren Alvia antes da curva de Angrois na que descarrilou non podía ser só do maquinista.
Sánchez tamén lembrou as reiteradas negativas do PP a crear comisións de investigación política tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados. Nesa última sede acabouse creando unha cando o propio Sánchez chegou ao liderado do PSOE e fixo mudar de postura ao seu partido, pero tras completarse todas as súas comparecencias hai anos que segue pendente de emitir as súas conclusións.
Feijóo considera que o máximo responsable do accidente de Adamuz, con 46 mortes, é Sánchez, que lle retruca que en Angrois, con 79 falecidos, o PP non compareceu no Congreso
O presidente do Goberno contrapuxo a negativa do PP a investigar Angrois no Congreso coa reclamación que fai agora de que se investigue o accidente de Adamuz. Sánchez lembrou, sen citalo, que o daquela voceiro do PP, Rafael Hernando, chegou a dicir que crear unha comisión de investigación política de Angrois era "absurdo" e un xeito de rebaixar o Congreso "á nada". Tamén lembrou que o propio Feijóo argumentaba a súa negativa porque dicía que non tiña sentido facer ningún "xuízo paralelo" fóra dos tribunais, como o que agora quere facer co sinistro de Adamuz.
"79 falecidos no caso do accidente ferroviario do tren de Angrois e a daquela ministra de Fomento, a señora Pastor, e tampouco o presidente do Goberno, o señor Rajoy, tiveron a mínima decencia de comparecer ante as Cortes para dar conta", concluíu Sánchez.
O BNG di que "non pode acontecer o que ocorreu co accidente de Angrois" onde "houbo un pacto de silencio entre PP e PSOE"
No debate deste mércores o deputado do BNG, Néstor Rego, tamén pediu que cos accidentes de Analucía e Catalunya "non pode acontecer o que ocorreu co accidente de Angrois" onde "houbo un pacto de silencio entre PP e PSOE para tapar as responsabilidades compartidas de Ana Pastor e José Blanco". Rego considerou que "o peor foi o abandono das vítimas e das familias sen que fosen debidamente atendidas nin recibidas por ministras e ministros do PP e do PSOE, sen que se tivese realizado unha investigación en profundidade realmente independente".