Por 20 e por 100 segundos: o azar por tras dos dous peores accidentes da alta velocidade española

Trens Alvia accidentados en Adamuz e Angrois © Fotos: Guardia Civil / CIAF

Se o Alvia non pasase por Adamuz xusto tras o descarrilamento do Iryo, frearía de xeito automático para evitar o choque, mentres que en Angrois unha chamada do interventor despistou o maquinista xusto no punto máis perigoso e sen seguridade da liña

En Angrois a xustiza xa sentenciou que o accidente se debeu a dúas imprudencias, do maquinista por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois e dun cargo de Adif por rebaixar a seguridade dese punto. No accidente de Adamuz, Córdoba, aínda se está a investigar a causa do primeiro descarrilamento do tren de Iryo nunha recta, contra o que despois chocou un tren Alvia en sentido contrario. 

Pero nos dous casos houbo coincidencias no tempo que agravaron o que noutras circunstancias puido saldarse só cun susto. Se o Alvia non pasase por Adamuz apenas 20 segundos despois do descarrilamento do Iryo, daría tempo a que frease de xeito automático evitando o choque, mentres que en Angrois unha chamada do interventor despistou o maquinista durante 100 segundos xusto no punto máis perigoso e sen seguridade da liña Ourense-Santiago.

Segundo o presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, e outras fontes consultadas por Praza.gal, o tren Alvia en sentido sur chocou en Adamuz co tren Iryo apenas 20 segundos despois de que este descarrilase por motivos aínda descoñecidos -estanse a investigar posibles fallos nas vías, entre outras posibilidades-. Se os trens se cruzasen antes ou pasasen algúns segundos máis, o accidente é posible que se puidese evitar ou as súas consecuencias serían menores.

En Adamuz 20 segundos foron pouco para que o Alvia frease e non chocase co Iryo descarrilado, e en Angrois a chamada de 100 segundos coa que o interventor despistou ao maquinista durou demasiado

Os trens e as vías teñen sistemas de seguridade automáticos que detectan se hai outro tren por diante no percorrido que deben seguir ou as vías están interrompidas por diversas circunstancias. Ante esa situación, os trens frean de xeito automático. Pero no caso de Adamuz o descarrilamento do Iryo produciuse tan inmediatamente antes de que chegase ao lugar o Alvia que non deu tempo a que este frease. Con dous trens de varios centos de toneladas circulando en sentidos contrarios a máis de 200 quilómetros por hora, 20 segundos non son tempo suficiente.

No caso do accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, a xustiza sentenciou hai ano e medio que o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif non xestionou os riscos como debía na liña de alta velocidade Ourense-Santiago deixando desprotexida de sistemas automáticos de freada a curva de Angrois, o punto máis perigoso, onde os trens debían pasar de 200 a 80 quilómetros por hora. 

En Angrois o maquinista tiña a obriga de coller a chamada do interventor que o despistou pero a sentenza confirmou que esta fora "totalmente innecesaria"

A freada quedaba en mans dos maquinistas, pero o do Alvia recibiu unha chamada do interventor do tren que o despistou. Esa chamada, que o maquinista tiña a obriga de coller, iniciouse máis de 6 quilómetros antes da curva de Angrois e durou 100 segundos. Pero co tren a 200 quilómetros por hora, cando a chamada rematou o maquinista, despistado, atopouse de súpeto coa curva de Angrois e aínda que activou todos os freos posibles acabou descarrilando a 176 por hora.

Se en Adamuz 20 segundos foron clave para que un descarrilamento dun tren nunha recta acabase converténdose nun choque de dous trens, en Angrois 100 segundos de chamada fixeron que a falta de seguridade da curva tornase en crítica ao non ser paliada polo despiste do maquinista. Unha chamada na que o interventor lle preguntaba pola configuración dunha estación, a de Pontedeume, para a que faltaba máis dunha hora para chegar e que segundo a sentenza foi "totalmente innecesaria".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.