O ex-xefe de Seguridade na Circulación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), Andrés Cortabitarte, e o maquinista Francisco José Garzón foron culpables en igualdade de condicións do accidente do Alvia en Angrois que causou a morte a 79 persoas e lesións de diversa gravidade a 143. Esta é a conclusión da primeira sentenza xudicial sobre o sinistro ferroviario acontecido na véspera do Día Nacional de Galicia do ano 2013.
A primeira sentenza xudicial polo accidente do Alvia impón cadanseus dous anos e medio de prisión aos acusados e afástase da versión oficial sobre o acontecido
Once anos e dous días despois do descarrilamento, a xuíza do Xulgado do Penal número 2 de Santiago, María Elena Fernández Currás, asina un ditame que condena a Garzón e Cortabitarte a cadanseus dous anos e medio de prisión. E que, alén da magnitude concreta das penas, fixa nunha primeira verdade xudicial un relato do acontecido notablemente distinto á que foi sostida como verdade oficial dende as horas seguintes do accidente: a causa do accidente de Angrois non foi unicamente un descoido do condutor do tren.
Un ano despois da fin do complexo xuízo, a maxistrada conclúe á luz das probas que o descarrilamento do Alvia na curva da Grandeira "non se produciría" non só "se o maquinista estivese atento á condución". "Senón tamén se se adoptasen medidas que controlasen a velocidade do tren nunha zona cunha limitación de velocidade moi acusada ou mesmo que chamasen a atención do maquinista da súa obriga de reducir a velocidade". E esta, advirte, era a responsabilidade do daquela xefe de Seguridade do Adif.
O descarrilamento do Alvia "non se produciría" non só "se o maquinista estivese atento á condución", senón tamén "se se adoptasen medidas que controlasen a velocidade" do tren que non existían porque o proxecto orixinal da liña foi modificado e Cortabitarte o "certificou" sen avaliar os riscos da mudanza
Cortabitarte, detalla a sentenza, "certificou" que a liña de alta velocidade Ourense-Santiago "e o seu subsistema estrutural de control, mando e sinalización" tiñan as "condicións de seguridade para a súa explotación ferroviaria". E fíxoo malia que as empresas que instalaron eses sistemas "identificaron o risco de que un tren circule a excesiva velocidade ao paso por zonas con limitación de velocidade como unha das posibles causas de que se xere un accidente potencialmente catastrófico" como un descarrilamento.
Por iso consideraron preciso "mitigalo" mediante o sistema de control constante da velocidade ERTMS nas vías, que frea o convoi no caso de exceso de velocidade e que os Alvia coma o sinistrado levaban ademais a bordo, pero foi desconectado en xuño de 2012 porque provocaba atrasos. Pero o proxecto da liña foi modificado o ERTMS "foi suprimido nese punto" e substituído por outro sistema, o ASFA, no que a redución da velocidade -neste caso, de máis de 190 a un máximo de 80 quilómetros por hora- depende "exclusivamente" do maquinista.
Cortabitarte, "polo seu cargo", estaba "legal e contractualmente obrigado a garantir a explotación segura" da liña ferroviaria. Pero, a través del, o Adif "omitiu a avaliación do risco de exceso de velocidade dos trens que circulasen con ASFA" pola curva da Grandeira e tampouco adoptou "medidas para evitalo" malia seren "tecnicamente viables e aptas para excluír a posibilidade de descarrilamento".
A xuíza ve "gravemente neglixente" que o maquinista atendese a chamada do interventor do tren, que o desconcentrou e provocou que "non vise algún dos sinais que lle permitirían decatarse de que se estaba aproximando" á curva
E, evidencia a sentenza, "desgraciadamente", o risco non avaliado por Cortabitarte "concretouse o 24 de xullo de 2013", cando nunha actuación que cualifica como "gravemente neglixente", o maquinista "se concentrou no contido cunha chamada telefónica carente de urxencia" de 100 segundos de duración. Quen o chamaba era o interventor do tren "para preguntarlle se o tren collía na vía 2 da estación de Pontedeume", onde o tren "tiña prevista parada con entrada pola vía 1", para así "facilitar a baixada do tren e saída da estación a unha familia".
"É evidente", indica o ditame, que a "concentración" nesa conversa provocou que o maquinista "perdese a súa localización na vía" e "non vise algúns dos sinais que lle permitirían decatarse de que se estaba aproximando á curva de Angrois", caso dun "cartelón" que advertía do cambio ao sistema ASFA. O condutor, considera, incorreu na "omisión da máis elemental das precaucións dun profesional formado coma el de confirmar, mesmo antes de contestar a chamada, do lugar no que estaba".
En calquera caso, enfatiza a sentenza, resulta "incomprensible" que "se conciba unha liña de alta velocidade dotada dun dos sistemas de protección do tren máis seguro que existía no momento" para despois "modificar o proxecto orixinal" e "deixar uns quilómetros da liña sen tal protección". Esa remuda deixou a curva de Angrois integramente dependente doutro sistema de "protección puntual", que non frea automaticamente o tren no caso de exceso de velocidade e no que a "responsabilidade recae sobre o condutor do tren". E fíxose "sen analizar e xestionar os riscos".
As condenas e as indemnizacións
Cortabitarte e Garzón son sinalados coautores de 79 delitos de homicicio e 143 de lesións, en ambos casos por imprudencia grave. As aseguradoras de Renfe e Adif deben afrontar compensacións ás vítimas que suman máis de 25 millóns de euros
Por razóns coma estas, a xuíza considera adecuado impoñer exactamente as mesmas condenas a Garzón e Cortabitarte. Atribúe a ambos 79 delitos de homicidio e 143 de lesións, en ambos casos por imprudencia grave, que castiga con cadanseus dous anos e medio de prisión e catro anos e medio de inhabilitación. A cifra de persoas falecidas non se eleva a 80 porque o ditame considera probado que unha das persoas afectadas polo descarrilamento morreu 73 días despois a causa dunha enfermidade que padecía previamente.
Alén das condenas, a sentenza realiza a complexa concreción das indemnizacións para cada unha das vítimas. En conxunto, estas compensacións económicas suman algo máis de 25 millóns de euros que corren por conta das empresas QBE e Allianz Global, aseguradoras de Renfe e do Adif, respectivamente. Concretamente, ambas empresas deben abonar 12,8 millóns ás familias de 61 vítimas; a QBE correspóndenlle en solitario outros 2,42 millóns por outros 15 falecidos. A maxistrada indica ademais 134 indemnizacións para persoas lesionadas que suman 10 millóns e 1,9 millóns que as devanditas empresas terán que achegar a outra compañía do grupo Allianz, encargada do seguro de viaxe, polos gastos de asistencia sanitaria das vítimas.
Todas estas son conclusión dunha sentenza que, en calquera caso, non é firme. Cabe recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña e, mesmo antes de ser coñecida, as diversas partes daban por seguro que será recorrida.