Hai case un ano que rematou o xuízo polo accidente do Alvia. Á xuíza correspóndelle sentenciar a responsabilidade dos dous acusados e a complexa concreción das indemnizacións de cada vítima
O 27 de xullo de 2023, tres días despois do décimo aniversario do accidente de Angrois, a xuíza María Elena Fernández Currás deixou visto para sentenza o xuízo polo accidente de Angrois. "Tratarei de estar á altura", agregou a maxistrada. Tras dez meses de vista oral emprendeu a tarefa de decidir se condena ou exculpa o maquinista do tren, Francisco José Garzón, e o ex-director de Seguridade na Circulación do Adif, Andrés Cortabitarte.
O xuízo rematou coa expectativa de que a sentenza chegaría na contorna da primavera deste ano 2024 e a convicción de, sexa cal for, será recorrida ante a Audiencia da Coruña e, de ser o caso, as sucesivas instancias xudiciais. Así o ven claro as partes, dende as representación dos acusados aos colectivos de vítimas, que chegan ao undécimo aniversario do accidente no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas de diversa consideración coa expectativa dun ditame xudicial inminente.
Pero o labor da xuíza Currás non é só ditaminar sobre a culpabilidade dos procesados a partir do inxente material probatorio e testifical presentado no xuízo. Tamén ten que decidir sobre as contías exactas das indemnizacións de cada unha das persoas afectadas polo descarrilamento do Alvia, unha concreción para a que vén manexando abondosísima documentación -dende informes médicos a papeis das compañías de seguros- e que é clave para que a tardanza da sentenza fose dada por suposto en todas as frontes.
As aseguradoras de Adif e Renfe manobraron para tentar aforrar nos pagamentos ás persoas afectadas polo sinistro
A contía global esas indemnizacións é unha incógnita, se ben a Fiscalía estimounas nuns 57 millóns de euros. Ignórase polo momento canto será e tamén quen terá que pagar: a aseguradora do Adif ou a de Renfe, en función de se os condenados son os dous encausados ou só un deles. Mentres isto non sucede, como informou Praza.gal, as compañías (Allianz S.A para o seguro obrigatorio de viaxeiros de Renfe, QBE para o seguro de responsabilidade civil da operadora e Allianz Global, para o de Adif) xa realizaron diversos movementos para tentaren aforrar nos pagamentos.
Novidades do último ano e lembranza ás persoas falecidas
Neste ano de espera pola primeira sentenza xudicial do accidente de Angrois seguíronse producindo novidades, non obstante, noutras vertentes ligadas ao sinistro. Así, por exemplo, a finais de 2023 o Tribunal Supremo avalou a comisión oficial de accidentes de tren que se nega a realizar unha nova investigación técnica independente do accidente, tal e como reclama a UE e en febreiro de 2024 este xornal revelou que o Goberno de Rajoy mobilizou dous ministros para defender ante as institucións europeas a súa versión do acontecido, segundo a cal o maquinista foi o único culpable.
Pouco despois, en marzo deste ano, a Comisión Europea pechou o procedemento de infracción aberto contra España tras a denuncia interposta polo BNG despois do accidente de Angrois ao considerar que, agora si, a normativa europea de seguridade ferroviaria si está a ser cumprida. O que non cren as autoridades comunitarias que estea cumprida é a devandita investigación técnica independente e así, o pasado xuño, a comisaria de Transportes reiteraba que é "obriga" das autoridades españolas garantir que se realice.
A principal plataforma de vítimas vólvese mobilizar en Santiago este 24 de xullo
Mentres todo isto sucede, a Plataforma Víctimas Alvia 04155 volverá lembrar as persoas falecidas e feridas no accidente cadrando co aniversario. Así, persoas afectadas polo sinistro e as súas familias reuníronse en asemblea este martes en Rois e teñen previsto, na propia xornada do aniversario, volver concentrarse ante a estación ferroviaria de Santiago e manifestarse polas rúas da capital galega.
Pola tarde, como en anos anteriores, asistirán a unha misa na Colexiata de Sar na memoria das persoas falecidas. A continuación, contra as 19h30 da tarde, desprazaranse a Angrois para homenaxear as vítimas na contorna da propia curva da Grandeira.