Dez anos despois de Angrois a UE considera que España cumpre coa normativa europea de seguridade

Sinalización e sistemas de seguridade na curva de Angrois © Adif

A Comisión Europea pecha o expediente que abriu hai cinco anos polas avaliacións de riscos ferroviarios tras unha denuncia do BNG, que se congratula do "plan de acción de seguridade ferroviaria" supervisado por Europa

A Comisión Europea vén de pechar, con data deste mércores 13 de marzo, o procedemento de infracción contra España por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria que abriu hai cinco anos tras unha denuncia do BNG polo accidente de Angrois. Ese expediente analizou, entre outras cuestións, se España estaba a avaliar ben os riscos ferroviarios, cuestión clave no xuízo penal polo accidente de Santiago pola que está acusado un ex-cargo de Adif, ademais do maquinista polo seu despiste. 

Agora, tras anos de negociacións e intercambio de información co Goberno de España, que na última década foi mellorando a seguridade e implantou un "plan de acción de seguridade ferroviaria" específico supervisado pola Comisión Europea, esta considera cumprida a normativa comunitaria.

Carta da Comisión Europea a Ana Miranda hai cinco anos revelando que vía "deficiencias" nas "avaliacións de riscos" ferroviarias elaboradas por España CC-BY-SA Praza Pública

En xullo de 2017 o BNG, a través da súa eurodeputada Ana Miranda, presentou unha denuncia contra España por incumprir as normas europeas de avaliación de riscos. Ano e medio máis tarde, en xaneiro de 2019, a Comisión Europea abría un procedemento de infracción por esa cuestión, expediente que ela mesma admitía que estaba ligado á denuncia do BNG. Entre outras cousas, a Comisión Europea vía "deficiencias" na "avaliación correcta de riscos". Desde aquela Goberno de España e Comisión Europea levan anos de intercambio información ata o peche do expediente decidido agora por considerar cumprida a normativa comunitaria.

A eurodeputada do BNG Ana Miranda dise "orgullosa de ter defendido ás vítimas do Alvia e contribuír a un cambio para que nunca máis se produza un accidente así"

Tras coñecer este peche, Ana Miranda congratúlase de que "grazas á denuncia do BNG o Estado español fixo o plan de acción de seguridade ferroviaria demandado por Europa" para rematar o procedemento. Un plan que o Goberno de España recoñeceu que adiara entre outras cuestións pola pandemia da COVID-19.

"Agardamos que os cambios normativos que nós propiciamos coa denuncia que presentamos sirvan para evitar no futuro un accidente como o do Alvia", engade a eurodeputada galega, que se di "orgullosa de ter defendido ás vítimas do Alvia e contribuír a un cambio para que nunca máis se produza un accidente así".

Ana Miranda con vítimas de Angrois nunha reunión con responsables da Axencia Ferroviaria Europea CC-BY-NC-SA BNG

Antes deste expediente xa houbera outro ligado co accidente de Angrois. Tras o sinistro de xullo de 2013 a Comisión Europea abriu, en setembro daquel ano, un primeiro procedemento de infracción contra España, entre outras cuestións porque o órgano estatal encargado de investigar os sinistros ferroviarios, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), non era independente

Ese expediente foi pechado en 2016 logo de que España mudase o xeito en que se elixe a CIAF, pero coa súa composición previa esa comisión emitira xa o seu informe sobre Angrois atribuíndo a causa do accidente exclusivamente ao maquinista sen analizar outras cuestións como esixe a normativa europea. Desde aquela a UE vén reclamando unha nova investigación de Angrois pero a nova CIAF, xa independente, négase.

Malia as súas eivas, aquela investigación da CIAF concluíra recomendando melloras no procedemento de avaliación de riscos. Esa era unha das nove recomendacións que emitiron tras o accidente, e logo de dar por cumpridas o resto ao longo da última década, seguía estando pendente a finais de 2022, como reflicte a súa última memoria anual publicada

Recomendación de mellora das análises de riscos emitida tras o accidente de Angrois que agora vén de darse por cumprida © CIAF

A falta dunha confirmación oficial coa publicación da seguinte memoria, a de 2023, fontes da CIAF sinalan que a comezos do pasado ano foi finalmente considerada cumprida esa última recomendación ao trasladarllo así a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF). E agora chega o peche do procedemento de infracción europeo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.