A Comisión Europea, que desliga o seu procedemento de infracción de ningún accidente concreto, dille á eurodeputada do BNG Ana Miranda que ve “deficiencias” na “avaliación correcta de riscos”, elemento polo que está imputado un cargo de Adif
O pasado 24 de xaneiro a Comisión Europea anunciou que viña de abrir un procedemento de infracción contra España por considerar que “non cumpre os requisitos da lexislación da UE sobre seguridade ferroviaria”. O executivo comunitario esforzouse en desligar a súa decisión de ningún accidente concreto, en particular do de Angrois, malia que todas as fontes consultadas admiten que a loita insistente das vítimas dese sinistro está detrás desa investigación europea. Agora a Comisión Europea revela que unha das cuestións polas que está a investigar a España é se están a facerse “avaliacións de risco adecuadas”, elemento clave polo que está imputado un cargo de Adif na causa xudicial sobre o accidente de Santiago.
A referencia expresa da Comisión Europea ás súas dúbidas sobre a adecuación das avaliacións de posibles riscos existentes nas liñas ferroviarias españolas aparece nunha carta coa que o executivo comunitario vén de responder á denuncia que presentou contra España en 2017 a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que está a actuar como representante de feito das vítimas de Angrois en Bruxelas. Nese escrito o executivo comunitario ofrece máis explicacións sobre o procedemento sancionador aberto hai dúas semanas que as que fixo públicas daquela.
O 24 de xaneiro a Comisión dixo que identificara "deficiencias" nas en como España investiga os accidentes e na supervisión da seguridade ferroviaria polo Estado, pero agora cita expresamente as "avaliacións de riscos"
O 24 de xaneiro a Comisión Europea dixo que identificara “deficiencias” en como España investiga os accidentes ferroviarios (cuestión sobre a que a UE se vén amosando moi crítica con España desde 2016 polo caso concreto de Angrois) así como “deficiencias” tamén na supervisión da seguridade ferroviaria por parte dos organismos estatais encargados desa cuestión. Pero agora, na carta remitida á eurodeputada do BNG, engade que tamén ten dúbidas sobre se España está a facer avaliacións de riscos adecuadas, ou avaliacións correctas de riscos (“proper risk assessments”, no orixinal en inglés), elemento que non mencionara hai dúas semanas.
Na causa penal o instrutor propón xulgar a un cargo de Adif por rebaixar a seguridade da curva de Angrois "sen que conste que previamente se tivese avaliado o risco que ditos cambios puideran comportar"
Esa cuestión, as análises de riscos que se deben facer antes de poñer en servizo as liñas ferroviarias ou cando se producen cambios significativos na súa seguridade, é o elemento clave polo que na causa xudicial polo accidente de Angrois está imputado, ademais do maquinista do Alvia que se despistou e non freou a tempo antes da curva, tamén o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte.
Hai dous meses o xuíz instrutor, apoiado despois polo fiscal, deu por rematada a investigación penal e propuxo xulgar tanto ao maquinista como ao cargo de Adif como responsables en igual grao do accidente. O maxistrado considera que Cortabitarte autorizou en 2011 a posta en servizo do AVE Ourense-Santiago no que ocorreu o sinistro e en 2012 a desconexión nos Alvia do control automático de velocidade “sen que conste que previamente se tivese avaliado o risco que ditos cambios puideran comportar para a seguridade”. Unha conclusión á que o xuíz chegou apoiándose, entre outras probas, nun informe moi crítico coa actuación de Adif no caso de Angrois remitido ao xulgado pola Axencia Ferroviaria Europea.
Na súa carta, asinada pola directora xeral de Transporte Elisabeth Werner, a Comisión insiste, como xa fixo hai dúas semanas, en desligar o actual procedemento de infracción contra España de ningún accidente concreto. Porén, a propia Comisión relaciona a carta de resposta ao BNG emitida con data do pasado luns, dez días despois de facer pública a investigación contra España, coa queixa enviada en 2017 por Miranda ligada ao caso de Angrois. A Comisión Europea insiste en que a súa preocupación non é que o sistema ferroviario español sexa inseguro senón en que os procedementos cos España supervisa esa seguridade non sexan tan efectivos como esixe a regulamentación comunitaria.
Tras coñecerse hai dúas semanas o procedemento de infracción contra España, tanto as vítimas de Angrois como Miranda sinalaron que, malia que a investigación europea analizará a situación actual e non a pasada, deixa en evidencia as eivas de seguridade existentes no accidente de Santiago. “Se a UE di que España aínda non cumpre as normas de seguridade, como sería cando o accidente?”, salientaron.