A plataforma de afectados polo sinistro e a eurodeputada Ana Miranda, que nestes anos actuaron da man en Bruxelas, congratúlanse da investigación aberta pola Comisión Europea sobre as deficiencias do sistema ferroviario español
Tras máis de cinco anos de xestións ante diversas institucións comunitarias nas que a plataforma de vítimas de Angrois, con afectados de todo o Estado, foi da man da eurodeputada do BNG Ana Miranda, este xoves uns e outra congratulábanse da decisión da Comisión Europea de abrir un procedemento de infracción contra España tras constatar que “os procesos de seguridade en dito país non cumpren os requisitos da lexislación da UE sobre seguridade ferroviaria”. Tanto Miranda como o portavoz da plataforma, Jesús Domínguez, coincidían este xoves en preguntarse cal sería o nivel de incumprimento en 2013, cando ocorreu o accidente, da normativa comunitaria de seguridade de 2004 que a Comisión Europea considera que aínda non está cumprida por parte de España en 2019. “Se a UE di que España aínda non cumpre, moito máis incumpría daquela”, din os dous con palabras semellantes.
Domínguez, que nos máis de cinco anos que pasaron xa desde o sinistro está a recibir máis respostas e atención por parte das autoridades europeas que das españolas e galegas, considera “triste” que a seguridade ferroviaria en España teña que ser mellorada pola iniciativa das vítimas do seu maior accidente sufrido no sector nas últimas décadas, con 80 mortos, e non por iniciativa dos sucesivos gobernos de populares e socialistas. O portavoz das vítimas agarda que agora o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, os reciba novamente e lles ofreza algunha saída para que se poida realizar a nova investigación técnica do sinistro que vén reclamando a UE. Igualmente, o feito de que durante todos estes anos España non fose quen de cumprir a normativa europea sobre seguridade ferroviaria é para Domínguez outra proba da responsabilidade política “in vigilando” dos ex-ministros José Blanco e Ana Pastor.
Pola súa banda, a eurodeputada Ana Miranda, que neste tempo actuou como representante de feito das vítimas ante diversas institucións europeas, cunha actuación directa mesmo na obtención de informes comunitarios para a causa xudicial do sinistro, espera que a decisión agora tomada pola Comisión Europea poida contribuír a que esa instrución penal volva ser reaberta, como xa o foi en 2016, e continúe estendendo responsabilidades por distintos departamentos gobernamentais. Hai un mes e medio o xuíz instrutor, co apoio posterior do fiscal, decidiu dar por rematada a instrución e propuxo levar a xuízo non só ao maquinista do tren Alvia por despistar e non frear a tempo antes da curva de Angrois senón tamén a un cargo de Adif por non dispoñer das medidas de seguridade necesarias para evitar o accidente. Agora Miranda considera que se a Comisión Europea constata que España no está a aplicar correctamente a normativa comunitaria de seguridade ferroviaria, as responabilidades penais poderían ir máis alá dese cargo de Adif.
Comparecerá o 'número 2' de Fomento pero En Marea pide que o faga o ministro
Fomento anuncia que comparecerá no Congreso o 'número 2' do ministerio pero En Marea reclama que o faga o propio ministro Ábalos
Tras coñecerse a apertura do procedemento de infracción por parte da Comisión Europea, este mesmo xoves o Ministerio de Fomento anunciou a próxima comparecencia no Congreso do secretario de Estado de Infraestruturas, Pedro Sáura, número 2 do ministro Ábalos. Porén, a deputada de En Marea Alexandra Fernández, especialmente activa na comisión de investigación sobre o sinistro aberta no Congreso, vén de reclamar que sexa o propio ministro o que compareza e considera que o anuncio comunitario “é moi grave, é un mazazo para o Estado español que debe facer as modificacións pertinentes”. Tamén houbo reacción á decisión comunitaria por parte do grupo de En Marea no Parlamento de Galicia, onde o vicevoceiro Antón Sánchez, outro dos deputados que máis apoio vén amosando ás reclamacións das vítimas, volveu insistir na súa reclamación de que tamén a Cámara autonómica acolla unha comisión de investigación, á que se vén negando o PP de xeito reiterado.
Feijóo, que durante os anos de goberno do PP en Madrid xustificaba os seus compañeiros de partido, di agora que a competencia ferroviaria é competencia do Estado e “alguén terá que responder” ante Bruxelas
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que durante os anos de goberno do PP en Madrid se esforzaba en xustificar os comportamentos dos seus compañeiros de partido, evitou este xoves pronunciarse sobre a cuestión, argumentou que “todo o que se refire a materia de seguridade ferroviaria é competencia exclusiva do Estado, e polo tanto corresponde ao Estado dar conta” e dixo que “alguén terá que responder” das deficiencias que detecte a Comisión Europea.