AGE pide que o Parlamento sexa acusación popular polo accidente do Alvia

Antón Sánchez, no Parlamento © AGE

Alternativa Galega de Esquerda propón ao Parlamento de Galicia presentarse como acusación popular no procedemento penal en trámite no Xulgado de 1ª instancia e instrucción número 3 de Santiago polo accidente de tren en Angrois o pasado 24 de xullo. Afirman que o obxetivo "non é só o de investigar e depurar as responsabilidades penais dos causantes" senón tamén de consideralo "como un acto nocivo para o interese xeral que xustifica por si o exercizo da acción pública por parte do Parlamento" facendo especial fincapé en que é o Parlamento de Galicia, como máxima expresión e representación do pobo galego, quen "está obrigado a investigar as causas do accidente así como o estado xeral de seguridade da rede de alta velocidade". 

"Os poderes públicos teñen a obriga legal, ética e de compromiso público a investigar as causas e depurar as responsabilidades"

Esta iniciativa do seu deputado e voceiro, Antón Sánchez García, quere denunciar que á cidadanía galega "déuselle gato por lebre co suposto AVE" e que o accidente se puido ter evitado "de estar dotado o tramo das medidas de seguridade e sinalización axeitadas a unha rede de alta velocidade". A información que se vai coñecendo e máis aínda tras as comparecencias da ministra de Fomento, Ana Pastor, e dos responsables de ADIF-Renfe "confirman que o accidente non se tería producido se as medidas de seguridade activas e pasivas asociadas a unha rede de alta velocidade estivesen en pleno funcionamento operativo". Afirman que a feito de culpabilizar en exclusiva e xa dende un principio ao maquinista "trata de eludir a evidente responsabilidade, administrativa, civil e tamén penal dos responsables de Renfe e Adif así como dos administradores das concesionarias de mantemento de seguridade e sinalización da rede"

Por estes motivos, AGE acordou someter á consideración do Pleno do Parlamento a adopción do acordo de persoarse como acusación popular no procedemento penal xa que "os poderes públicos teñen a obriga legal, ética e de compromiso público a investigar as causas e depurar as responsabilidades así como de realizar todas cantas medidas, actividades e actuacións poidan contribuír a investigar e determinar as causas do accidente así como a evitar que se poidan volver a producir". 

Antón Sánchez, no Parlamento © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.