Un responsable de verificar por parte do ministerio que o AVE Ourense-Santiago cumpría a normativa non é quen de detallar no Congreso que informes entregou Adif para certificar a súa seguridade
Pouco máis dunha hora foi o que tardou o Ministerio de Fomento en autorizar a posta en servizo da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente da curva de Angrois despois de recibir a petición de Adif un día antes da súa inauguración o 10 de decembro de 2011 polo daquela ministro socialista de Fomento en funcións, José Blanco. Así o revelou este mércores En Marea, con documentación achegada polas vítimas, na comisión de investigación sobre o accidente no Congreso, na que compareceu un cargo de Fomento que asegurou que nesa hora só revisou que os documentos de seguridade da liña presentados por Adif se correspondían cos que el mesmo e os seus colaboradores viñan xa supervisando desde días antes.
No Congreso compareceu este mércores Eduardo Santiago, subdirector de Coordinación de Seguridade Ferroviaria de Fomento que no seu momento participou desde o ministerio no proceso de autorización da posta en servizo da liña Ourense-Santiago. Segundo dixo, fíxose de acordo coa normativa e sen recibir presións para acelerar a súa inauguración, pero non foi quen de contestar que documentos integraban o dosier de seguridade que Adif lle entregou a Fomento. A plataforma de vítimas vén criticando que esa documentación presentaba carencias, e así o está a investigar o xulgado, que ten imputados a seis técnicos de Adif, Renfe e Ineco, ademais do maquinista do Alvia, por como avaliaron ou non o risco existente tanto na curva de Angrois como na decisión que tomaron posteriormente, en 2012, de desconectar o sistema de control da velocidade a bordo dos trens.
Sobre o proceso de posta en servizo da liña en decembro de 2011, a plataforma de vítimas conseguiu os documentos de petición por parte de Adif e autorización por parte de Fomento coas horas de entrada e saída respectivas que revelan que a autorización foi emitida en pouco máis dunha hora. Eses documentos foron revelados este mércores no Congreso pola deputada de En Marea Alexandra Fernández, pero o cargo de Fomento insistiu en que o traballo de supervisión de se Adif cumprira coa normativa xa se viña desenvolvendo desde varios días antes e esa autorización non foi máis que o paso final formal.
Unha experta insiste en que os cambios de condicións na explotación dunha liña requirían unha análise de seguridade pero Adif e Renfe veñen mantendo que non era necesario no caso de Angrois
Na sesión deste mércores no Congreso tamén compareceu Marta Carvajal, directora en España de Belgorail, empresa especializada en análises de riscos ferroviarios e certificación de sistemas de seguridade. Na súa intervención insistiu en que Adif e Renfe deberon analizar internamente os riscos que supuxeron decisións que cambiaron as condicións de explotación da liña, como reducir a seguridade da curva de Angrois ou desconectar o sistema de control da velocidade a bordo dos Alvia. Se considerasen que eses cambios eran significativos, dixo, debían pedir unha avaliación independente, pero en todo caso debera quedar constancia escrita da súa propia avaliación previa interna. Adif e Renfe veñen mantendo, pola contra, que as súas decisións ou non requirían dunha avaliación de riscos ou non era necesario encargala a unha auditora independente.
A comisión de investigación pospón a súa decisión sobre se chama a comparecer a un cargo de Fomento que desmentiu o argumento oficial de que unha norma obrigaba a desprotexer a curva de Angrois
Por outra banda, a comisión decidiu este mércores pospoñer ata o 5 de decembro a súa decisión sobre se chama a comparecer a un cargo do Centro de Experimentación de Obras Públicas (Cedex) do Ministerio de Fomento que remitiu unha carta aos deputados desmentindo o argumento oficial de que unha norma obrigaba a desprotexer a curva de Angrois. Ese cargo, Jorge Iglesias Díaz, director do Laboratorio de Interoperabilidade Ferroviaria, é o segundo do Cedex que rexeita as explicacións de Adif de por que se deixou toda a responsabilidade de frear en mans do maquinista. En Marea reclamou que compareza para que ratifique verbalmente o contido da súa carta e a comisión optou por pospoñer a súa decisión ata o 5 de decembro.