Vítimas de Angrois constatan a "frustración" da UE con España por non investigar aínda o accidente

Vítimas de Angrois e representantes do BNG coa comisaria de Transporte, Violeta Bulc, de negro CC-BY-SA Praza Pública

BRUXELAS - Enviado especial

Un ano despois do accidente do Alvia do 24 de xullo de 2013 a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento concluíu que o único responsable do mesmo fora o seu maquinista que se despistar e non freara a tempo antes da curva de Angrois. Dous anos despois, a Unión Europea constatou que aquela investigación non fora realizada de xeito independente, e reclamou a España que realizase unha nova de acordo coas normas comunitarias. Porén, case cinco anos despois do sinistro esa investigación aínda non se fixo porque Fomento argumenta que a CIAF agora xa si é independente e o Goberno xa non pode darlle a orde de facer unha nova análise do sinistro. E a propia CIAF non considera necesario facelo. Este martes a comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, trasladou ás vítimas do sinistro a súa “frustración” con España por ese bloqueo, que se mantén case cinco anos despois do sinistro.

O BNG facilita un novo encontro entres os afectados e a comisaria de Transporte e transmite a súa incomprensión por que non haxa sancións tras constatarse que Fomento incumpriu normativa comunitaria

A plataforma de vítimas do Alvia foi recibida pola comisaria europea en Bruxelas por mediación do BNG, cuxa eurodeputada Ana Miranda está a actuar como embaixadora de feito dos afectados ante diversos entes comunitarios. No encontro deste martes Bulc trasladoulles que o próximo 10 de xullo ten previsto manter un encontro co novo ministro de Fomento, o socialista José Luis Ábalos, e trasladarlle a necesidade de que España realice esa investigación técnica independente do sinistro á marxe da penal que está en marcha nun xulgado de Santiago e que tampouco rematou cinco anos despois. Pero a Comisión Europea, di, non ten capacidade de obrigar ao Estado español a facelo. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que participou no encontro, amosou a incomprensión polo feito de que a Comisión Europea entenda que un estado membro non está a cumprir coa normativa comunitaria pero que non exista ningunha sanción para ese caso. O mesmo considera Arturo Domínguez, un dos integrantes da plataforma de vítimas, que considera que a UE debe habilitar algún mecanismo legal para desatascar a situación.

A comisaria anunciou que en cuestión de semanas fará público un informe sobre o cumprimento actual por parte de España da normativa ferroviaria europea en xeral e vítimas e BNG confían en que evidencie que a situación era aínda peor en 2013

No encontro deste martes a comisaria Bulc tamén avanzou aos presentes que xa conta cun informe que encargou hai un ano á Axencia Ferroviaria Europea sobre o cumprimento actual por parte de España da normativa comunitaria en xeral en materia de seguridade ferroviaria e que podería abrir a porta un procedemento de infración. Un informe que, segundo dixo, prevé facer público en cuestión de semanas. As vítimas e o BNG confían en que ese informe, malia non facer referencia directa ao accidente de Angrois e a súa época, constate incumprimentos actuais que evidencien que a situación era aínda peor en 2013.

Esta reunión prodúcese uns días despois de que a pasada semana a Axencia Ferroviaria Europea remitise ao xulgado que instrúe a causa penal un informe que tomba boa parte dos argumentos que viña empregando Fomento para atribuír ao maquinista do Alvia a responsabilidade do sinistro. Este martes outro dos portavoces das vítimas, Javier García, considerou “inexplicable que cinco anos despois non dimitise ninguén e non fixesen dimitir a ninguén”, salientando en particular que o director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, un dos imputados na causa xunto ao seu daquela homólogo en Adif, siga a ocupar na actualidade ese mesmo posto de libre designación. As vítimas piden ao novo ministro que o cese.

Non imos tirar a toalla”, di a portavoz do BNG, Ana Pontón, quen fixo súas as palabras das vítimas e apelou a “saber toda a verdade para poder pechar as feridas”

Pola súa banda, a eurodeputada Ana Miranda saíu do encontro optimista co que considera unha nova mostra de compromiso por parte das institucións europeas, tanto da Axencia Ferroviaria como este martes por parte da comisaria, coas vítimas e coa fiscalización por parte comunitaria de como España está a xestionar a investigación do accidente. “Non imos tirar a toalla”, sentenciou a portavoz do BNG, Ana Pontón, quen fixo súas as palabras das vítimas e apelou a “saber toda a verdade para poder pechar as feridas”.

Pola súa banda, as vítimas aproveitaron durante a súa visita á Comisión Europea para informar dos obstáculos que están a ter para pescudar todo o que pasou arredor de Angrois aos secretarios xerais do PSdeG, Gonzalo Caballero, e PSC, Miquel Iceta, cos que se atoparon mentres estes agardaban por reunións sobre outras cuestións que tiñan concertadas no mesmo edificio.

Arturo Domínguez, voceiro da plataforma das vítimas, con Gonzalo Caballero e Miquel Iceta nas instalacións da Comisión / Praza Pública

Declaracións no xulgado

Dous técnicos de Renfe declaran no xulgado que non coñeceron de xeito directo a alerta que lanzara un maquinista e que recomendaron máis formación aos condutores

Por outra banda, este mesmo martes declararon no xulgado de Santiago como testemuñas dous cargos de Renfe en relación coa alerta que un ano e medio antes do sinistro lanzara outro maquinista sobre o risco de que na curva de Angrois ocorrese un accidente xusto como o que sucedeu o 24 de xullo de 2014. Francisco Minayo, director xeral de Operacións e Enxeñaría de Renfe, e Javier Nicolás, xerente da dirección corporativa de Seguridade na Circulación de Renfe, dixeron, segundo varios dos presentes na sala, que eles non coñeceron de xeito directo esa alerta lanzada por aquel maquinista. Segundo a súa declaración, cando analizaron a configuración dos sistemas de seguridade que había por tras daquela advertencia comprobaron que todo cumpría coa normativa e concluíron que recomendando máis formación sobre a liña aos maquinistas.

O historial formativo do maquinista do Alvia non recolle ningunha formación a maiores sobre a liña Ourense-Santiago tras a alerta que lanzara outro condutor

Esas declaracións, que se producen despois de que o seu superior imputado, Antonio Lanchares, dixese no xulgado que os seus subordinados non o informaran desa alerta previa sobre Angrois, son similares ás que hai xa catro anos fixeron tamén no xulgado outros cargos relacionados coa xestión daquela alerta. Xa naquela altura quedou constatado que esa formación a maiores dos maquinistas decidida por Renfe non chegara ao condutor do Alvia sinistrado, que pertencía ao departamento de longa distancia e non ao de media distancia que foi ao que supostamente se impartiu. O seu historial formativo non recolle nada ao respecto.

A delegación das vítimas, con Pontón e Miranda na sede da Comisión Europea en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.