0 Gardados para despois

Vítimas de Angrois piden ao novo ministro de Fomento que cese os cargos imputados de Adif e Renfe

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A plataforma de vítimas do accidente de Angrois vén de remitir unha carta ao novo ministro de Fomento, o socialista José Luis Ábalos, na que lle solicitan unha reunión e avanzan as peticións que formularán nese encontro, entre elas a de que destitúa dos seus postos de "libre designación" aos dous cargos de Adif e Renfe imputados actualmente na causa xudicial que investiga o sinistro. Son Andrés Cortabitarte, que foi director de Seguridade na Circulación de Adif e hoxe segue a ocupar outro posto de inferior nivel pero igualmente de libre designación, e Antonio Lanchares, que segue a ser director de Seguridade na Circulación de Renfe. O xuíz instrutor considera que puideron non facer todo o que lles esixía a normativa para evitar o risco dun accidente que existía na curva de Angrois.

A plataforma de afectados envía unha carga a José Luis Ábalos pedíndolle unha reunión e que cumpra coa esixencia da Comisión Europea a España de realizar unha análise técnica independente do sinistro

Tanto Cortabitarte como Lanchares veñen ocupando postos de libre designación en Adif e Renfe desde hai anos, con gobernos socialistas e populares. Andrés Cortabitarte estivo no cargo de director de Seguridade na Circulación de Adif mentres se deseñou e autorizou a posta en servizo da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos despois de que o maquinista do Alvia non frease a tempo antes da curva de Angrois e descarrilase sen que houbese activa ningunha medida de seguridade que evitase ou paliase o seu previsible erro humano. Un ano antes do sinistro Lanchares, director de Seguridade na Circulación de Renfe, pedira (e obtivera) autorización a Cortabitarte para que os trens Alvia circulasen co sistema de control constante da velocidade (ERTMS) desconectado a bordo porque daba fallos, e así estivo ata un ano despois do accidente. Malia iso, Renfe vén eloxiando o seu directivo, que segue a ocupar o mesmo posto.

Correo de Lanchares (Renfe) a Cortabitarte (Adif) pedindo permiso para desconectar o sistema de seguridade nos Alvia

As vítimas piden que Fomento faga pública a auditoría sobre a seguridade ferroviaria supostamente encargada pola ex-ministra popular Ana Pastor tras o accidente

As vítimas de Angrois tamén reclaman ao ministro que cree unha comisión independente de investigación técnica do sinistro (á marxe da comisión política do Congreso) como lle esixiu a Comisión Europea a España. A Axencia Ferroviaria Europea considera que a investigación que realizou no seu momento a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento nin foi independente nin analizou todas as causas do sinistro máis alá do despiste que tivo o maquinista. Fomento viña argumentando que agora a CIAF xa si é independente (agora é nomeada polo Congreso e non polo Goberno) e xa non pode darlle ordes, mentres que esa comisión négase a facelo por iniciativa propia. Eses argumentos, en todo caso, non impiden que a Comisión Europa siga considerando que España aínda non realizou unha análise técnica independente do sinistro como obriga a normativa europea.

As vítimas tamén solicitan a Ábalos que se lles facilite a auditoría sobre o cumprimento da lexislación en materia de seguridade ferroviaria que a daquela ministra popular de Fomento Ana Pastor anunciou no Congreso que se realizaría xusto despois do accidente de Angrois pero da que nunca máis se soubo. Por último, as vítimas piden ao novo ministro socialista que o seu departamento colabore tanto coa investigación xudicial (Renfe e Adif foron apercibidas en varias ocasións polo xuíz durante o mandato popular malia a promesa de Pastor de colaboración coa xustiza) como coa investigación política que agora comezará no Congreso. “Esta é a única forma de obter verdade e xustiza pola que loitamos e así poidamos descansar e non se xere máis dor”, remata a carta das vítimas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.