0 Gardados para despois

“Síntome fracasado”: Así falou a porta pechada no Congreso o director de Renfe que o martes declara por Angrois

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Documentos relacionados

En xuño de 2012, aos poucos días de que os trens Alvia comezasen a circular pola liña de AVE Ourense-Santiago, Antonio Lanchares, director de Seguridade na Circulación de Renfe, pediu permiso ao seu homólogo de Adif, Andrés Cortabitarte, para desconectar a bordo deles, porque funcionaba mal, o sistema de control constante da velocidade (o ERTMS) e que circulasen só co sistema convencional de control puntual (ASFA). A reparación que ía durar un mes prolongouse e máis dun ano despois, o 24 de xullo de 2013, un tren Alvia descarrilaba na curva de Angrois, á entrada de Santiago, e deixaba 80 mortos porque o seu maquinista se despistou e non freou a tempo sen que o ASFA puidese evitar ou paliar o erro humano. Lanchares está citado a declarar no xulgado de Santiago como investigado, antiga figura do imputado, este martes, máis de catro anos despois do sinistro, como consecuencia da declaración que en xullo fixo Cortabitarte, tamén imputado. Antes, en outubro de 2014, comparecera no Congreso dos Deputados: “Como responsable de seguridade síntome, digamos, fracasado, e lamento o accidente”, dixo daquela a porta pechada.

Antonio Lanchares está citado a comparecer no xulgado pero en 2014 xa deu a súa versión de por que o sistema de seguridade dos Alvia estivo avariado máis de dous anos

Tras o accidente de Angrois, PP e PSOE opuxéronse a crear unha comisión de investigación política como a que agora vén de ser aprobada no Congreso. A cambio, puxeron en marcha unha subcomisión de estudo e mellora en xeral do sistema ferroviario español. A subcomisión desenvolveu os seus traballos a porta pechada, pero as intervencións dos 39 comparecentes que por ela pasaron foron transcritas. Entre elas, a de quen naquela altura, e aínda hoxe, seguía sendo o máximo responsable da seguridade dos trens de Renfe.

Na súa comparecencia no Congreso, o 28 de outubro de 2014, Lanchares centrou a súa intervención inicial na necesidade de mellorar a interoperabilidade dos distintos tipos de vías e trens da rede española sen dedicar unha soa palabra ao sinistro de Angrois. Tiveron que ser os deputados galegos do PP e do BNG Guillermo Collarte e Rosana Pérez os que lle pedisen unha valoración sobre o accidente que motivara a creación daquela subcomisión.

Lanchares xustificou a decisión de desconectar o ERTMS a bordo dos trens Talgo S-730 que prestaban o servizo Alvia explicando que, cando fallaba de súpeto co tren xa circulando, este freábase e quedaba tamén sen a seguridade convencional do ASFA, recaendo toda a responsabilidade da condución no maquinista. Porén, esa decisión de desconectar o ERTMS para que o ASFA seguise a funcionar se o primeiro fallaba non evitou o accidente de Angrois porque o sistema convencional de respaldo non estaba configurado para evitar un exceso de velocidade nese punto, como si se habilitou xusto despois do accidente.

"Xa nos gustaría que fose tan fácil como cando compramos o frigorífico en casa", xustificou Lanchares as demoras dos fabricantes dos sistemas de seguridade

Lanchares tamén se pronunciou sobre a demora que sufriu a reparación do ERMTS. A súa desconexión mentres se axustaba a comunicación do sistema embarcado a bordo dos Alvia coas balizas existentes nas vías ía durar só un mes, pero non volveu a estar operativo ata agosto de 2014, máis de dous anos despois de detectarse os primeiros fallos e máis dun ano despois do accidente. Esa será unha das principais cuestións polas que o xuíz instrutor quere preguntarlle, segundo xa avanzou no auto de imputación. Segundo dixo Lanchares no Congreso, “cando llo pides ao fabricante, diche 'mire vostede, eu quero darllo, pero ten que pasar unhas probas de validación; e cando cando fago as probas, dá mal'. Pois non se pode pór. E mentres tanto, que facemos? Pois circular co ASFA, señorías”. Lanchares tamén engadiría noutro momento da súa intervención que “os fabricantes teñen o seu ritmo, intenteino reflectir na ponencia, e xa nos gustaría, efectivamente, que unha vez que se contratan as cousas fose tan fácil como que o fabricante... como cando compramos o frigorífico en casa”.

O directivo de Renfe dixo que en Angrois se cumpría coa normativa de seguridade pero que “desgraciadamente, nos accidentes compróbase que non sempre a normativa é a adecuada"

Foi tras estas explicacións, cara o final da súa réplica aos deputados, cando Lanchares amosou o seu pesar polo accidente: “Vaia desde aquí a miña lamentación e a miña condolencia coas vítimas. Como responsable de seguridade síntome, digamos, fracasado e lamento o accidente”, dixo. O director de Seguridade de Renfe rematou a súa intervención na subcomisión asegurando que no caso do accidente de Angrois “cumpríase a normativa vixente ata eses momentos” e engadindo que “desgraciadamente, nos accidentes compróbase que non sempre a normativa é a adecuada, e nestes casos o que se fixo [...] é cambiar a normativa”.

Lanchares foi un máis dos 39 comparecentes naquela subcomisión a porta pechada que rematou concluíndo, entre outras cuestións, que a rede ferroviaria española é segura, pero que aínda o pode ser máis e que sería desexable que o custo das súas melloras se adecúe ao volume de tráfico de cada liña. Isto é, pedindo máis seguridade pero máis barata.

Tanto Lanchares como o seu homólogo de Adif tamén imputado seguen en postos directivos de confianza das dúas empresas públicas

Agora, tras a imputación de Lanchares e a súa citación a comparecer este martes no xulgado de Santiago, Renfe manteno no cargo de máximo responsable da seguridade dos seus trens e eloxia a súa experiencia e profesionalidade. O aval de Renfe a Lanchares é mesmo maior que o de Adif a Cortabitarte, o seu directivo imputado, que foi quen autorizou a petición de Lanchares de desconectar o ERMTS. Cortabitarte, cuxa declaración do pasado xullo motiva en grande medida a actual imputación de Lanchares e doutros tres técnicos da consultora pública Ineco, deixara de ser director de Seguridade na Circulación de Adif unhas semanas antes do sinistro, pero desde aquela a empresa pública xestora das vías recolocouno noutros cargos directivos de confianza. Ningún dos dous volveu aos postos básicos que lles correspondan como traballadores públicos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Vítimas de Angrois piden ao directivo de Renfe imputado que dimita e colabore coa xustiza

Os afectados critican que Lanchares desconectou o sistema de máxima seguridade dos Alvia sen que conste que avaliase o risco desa decisión, como obriga a normativa europea

A Plataforma de Vítimas de Angrois emitiu este luns, un día antes da citación de Antonio Lanchares para declarar no xulgado como investigado, un comunicado no que piden que o directivo de Renfe colabore coa xustiza e dimita. Os afectados critican que Lanchares pediu no seu momento que se desconectase o sistema de máxima seguridade a bordo dos Alvia sen que conste que previamente avaliase o risco que esa decisión supuña, como obriga a normativa europea. Tamén censuran que tampouco realizou esa avaliación do risco cando un xefe de maquinistas de Ourense advertiu por escrito aos seus superiores na empresa pública do risco que supuña a curva de Angrois para un accidente como o que se acabou producindo.

As vítimas do Alvia solicitan no seu comunicado que Lanchares dimita despois do que cualifican como “amago” de hai duas semanas, cando a empresa pública o ratificou no seu cargo de director de Seguridade na Circulación. “As vítimas estamos realmente indignadas por esta farsa do señor Lanchares e de Renfe; unha vez máis os responsables das empresas públicas ferroviarias manifestaron a súa auténtica cara desprezando ás vítimas e a sociedade en xeral”, din.