0 Gardados para despois

A UE escoita as vítimas de Angrois antes que os parlamentos galego e español

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Tres anos e medio despois, a esixencia de responsabilidades polo accidente de Angrois foi escoitada de primeira man, por boca das vítimas, en sede parlamentaria. Non foi no Parlamento de Galicia nin tampouco no Congreso dos Deputados ou no Senado, onde nunca puideron intervir ata o momento, senón na Eurocámara. Nomeadamente, na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, onde a Plataforma Víctimas Alvia 04155 puido expoñer este martes as súas denuncias tanto polo que consideran un "incumprimento da normativa europea en materia de seguridade ferroviaria por parte do Estado español" como por padeceren, ao seu xuízo, un exercicio de publicidade enganosa sobre a liña ferroviaria Ourense-Santiago, anunciada como alta velocidade malia non dispor de todos os requisitos técnicos para selo no momento do sinistro.

O paso pola Comisión de Peticións saldouse cun chamado do órgano parlamentario a prol dunha nova investigación sobre o sinistro ao ficar constatado novamente -como xa fixeran a Audiencia Provincial da Coruña e a propia UE- que o informe elaborado pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento non foi independente nin profundou nas causas e riscos da liña Ourense-Santiago. O apercibimento é "dos máis duros" entre os lanzados por este órgano da Eurocámara, asegurou a súa presidenta, a liberal sueca Cecilia Wikström, que despediu con agarimo a representación da Plataforma Víctimas Alvia 04155: "Teñen a nosa simpatía", díxolles.

As vítimas interviñeron ante a Eurocámara e foron recibidas na Axencia Ferroviaria Europea por terceira vez

Tras compareceren no Parlamento as vítimas aínda foron escoitadas noutro ente europeo máis. Volveron ser recibidas, coa compaña da voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, pola Axencia Ferroviaria Europea (ERA). No que xa é o seu terceiro encontro coas vítimas os responsables do organismo ferroviario comunitario amosáronse dispostos a colaboraren coa investigación xudicial que continúa nos xulgados de Santiago se o xuíz Andrés Lago Louro llelo solicita. "Actúan por profesionalidade e non por presión dos gobernos", cren na plataforma.

As persoas afectadas polo accidente non foron atendidas na investigación oficial, aínda que a normativa obriga a facelo, e tampouco na subcomisión política do Congreso

A escoita da que foron obxecto as vítimas na capital comunitaria contrasta cos atrancos que atoparon nos organismos do Goberno de España que ata o momento indagaron no accidente. A investigación oficial realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento foi duramente criticada pola UE por non darlle voz ás vítimas, como obrigaba a normativa comunitaria. Tampouco puideron participar na comisión técnica de mellora da seguridade que creou o Ministerio despois do accidente, en cuxo informe final nin se cita o sinistro. E nin sequera se lles deu voz na subcomisión política impulsada no Congreso dos Deputados para mellorar o sistema ferroviario en xeral, pola que pasaron ata 39 comparecentes de todo tipo.

Encontros de indignación

Policías impiden o acceso da Plataforma Víctimas Alvia 04155 ao acto das Medallas de Galicia, no Gaiás en xullo de 2014

A percepción de "empatía" coa que as vítimas regresan de Bruxelas contrasta coa sensación agre coa que remataron o seu anterior encontro institucional, o mantido a finais de decembro co novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. Cinco meses despois do "plantón" da anterior ministra, Ana Pastor, que non acudiu á cita que fixara coa plataforma porque no día acordado foi nomeada presidenta do Congreso, o Ministerio abriu as súas portas e acudiron cunha reclamación ben concreta: que De la Serna apoiase a apertura dunha investigación política e doutra técnica "independente". Ou, o que é o mesmo, que referendase o "apoio expreso" que dera a ambas peticións poucos meses antes, cando aínda era alcalde de Santander

A plataforma lamenta o "cinismo" do novo ministro de Fomento por negar a investigación que apoiou como alcalde e sitúan como unha das maiores "ofensas" o acto da Xunta no que foi recibida con antidisturbios

A negativa do ministro, cuxa explicación oficial foi sustentada en datas manipuladas, indignou a plataforma de persoas afectadas polo acciente. "Utilizou a nosa dor", afirmou un dos seus voceiros, Jesús Domínguez, para quen a actitude "cínica" e "hipócrita" do ministro De la Serna foi unha mostra máis da "tomadura de pelo" que veñen padecendo durante "tres anos de loita".

Entre as sucesivas negativas á investigación política tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados -o voceiro do PP, Rafael Hernando, chegou a cualificar a solicitude de "absurda" e "miserable"- a Plataforma Víctimas Alvia 04155 subliñan un fito concreto como unha das maiores "ofensas" que, din, levan padecido. Foi en xullo de 2014, un ano despois do accidente, cando a Xunta deu en conceder a Medalla de Ouro de Galicia ás propias vítimas e aos servizos de emerxencia que as atenderon en Angrois.

Colectivos de persoas afectadas e a veciñanza da parroquia compostelá lamentou a data elixida para a entrega, toda vez que nesa xornada estaban previstas homenaxes e lembranzas na intimidade. No entanto, o Goberno galego decidiu seguir adiante e organizou o evento, como estaba previsto, nas instalacións da Cidade da Cultura. A Plataforma que esta semana viaxou a Bruxelas estivo tamén no Gaiás, onde reclamou acceder ao acto para explicar "o motivo" polo que rexeitaban o galardón. Ao chegaren o que atoparon foi "unha auténtica muralla de fornidos policías, armados con pistolas e porras" que os retiveron e impediu que entrasen. Mesmo "tivemos que aturar durante todo o día un policía da secreta, algo confesado por el mesmo, queu nos seguiu durante toda a xornada alí onde iamos", aseguraran.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo proclama que "o goberno europeo máis interesado" en saber a verdade sobre Angrois é o seu

O presidente da Xunta evitou este xoves apoiar a apertura dunha investigación independente sobre o accidente de Angrois nos termos expresados pola Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e mais a Axencia Ferroviaria da UE. No entanto, a preguntas da prensa Alberto Núñez Feijóo proclamou que "o goberno europeo máis interesado" en coñecer a verdade do acontecido na curva da Grandeira é o que el preside.

Despois de opoñerse á apertura dunha comisión de investigación política sobre o accidente e, asemade, tras non cuestionar a independencia da investigación oficial da CIAF do Ministerio de Fomento, como si fixeron a Audiencia Provincial da Coruña e a propia UE, Feijóo asegura que a Xunta "sempre está e estivo a favor de que calquera tipo de inspección sexa independente" e "acredite todas e cada unha das posibles cuestións que afectaron a este accidente".

Feijóo asegura que a Xunta "sempre estivo a favor de calquera tipo de inspección independente" sobre o sinistro do Alvia

Así e todo, o presidente advirte de que, "lamentablemente", a "causa principal" do sinistro "xa a sabemos": "Os 193 quilómetros por hora", sinala, en referencia á velocidade do convoio. "Se hai algunha causa adicional, dentro de todos os gobernos europeos o máis interesado en coñecer por que se produciu ese accidente é o Goberno galego".

Neste escenario, Feijóo considera que "entre o Parlamento [Europeo], a Comisión e o Ministerio de Fomento" terán que "buscar a fórmula", porque "todo o que sexa transparentar esta investigación é fundamental". En calquera caso, a "importancia definitiva" para dilucidar o acontecido será "o que diga o xulgado" que instrúe o caso tras a orde de reapertura ditada pola Audiencia. "Podemos investigar paralelamente o que se queira, pero será o que a Xustiza queira que sexa", conclúe o titular da Xunta.