0 Gardados para despois

Fomento manipula datas para argumentar a negativa á investigación de Angrois

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Os membros da Plataforma Víctimas Alvia 04155 saíron este xoves do Ministerio de Fomento sumidos na indignación. O novo titular do Ministerio, Íñigo de la Serna, viña de negar as investigacións técnica e política sobre o accidente de Angrois ás que dera "apoio expreso" como alcalde de Santander apenas medio ano antes. Mentres as vítimas reprochaban ante a prensa o que consideran todo un exercicio de "cinismo" o departamento gobernamental facía pública a súa versión dos feitos tras unha xuntanza que evitara revelar previamente que se ía producir. E para explicar o porqué da mudanza da postura de De la Serna o Ministerio deu en incorrer nunha manipulación de datas.

Alén de indicar que a recepción se producira para "escoitar as peticións" da plataforma Fomento detense a sinalar o que o ministro "indicou" certos aspectos "en relación coa moción" aprobada en Santander. Así, di, na proposta apoiada por De la Serna na capital cántabra reclamábase unha nova investigación técnica "independente". A este respecto o agora ministro "recorda" que "xa se realizou unha investigación técnica" por parte da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento e, segundo a Avogacía do Estado, "o Ministerio non pode solicitar que se inicie unha nova investigación". Estes "feitos", asegura o Ministerio, "eran descoñecidos no momento de aprobarse a moción no Concello de Santander". Velaquí a manipulación.

Fomento afirma que os atrancos para unha nova investigación técnica "eran descoñecidos" cando De la Serna a apoiou, pero xa existían dúas semanas antes

A proposta aprobada unanimemente polo pleno santanderino e lida por De la Serna saíu adiante o pasado 29 de xullo, tal e como acredita a acta daquela sesión. No entanto, os devanditos supostos atrancos para que o Ministerio pida unha nova investigación aludidos pola Avogacía do Estado eran xa coñecidos dúas semanas antes por Fomento, tal e como avanzou Praza.gal o 14 de xullo ao fío dunhas declaracións públicas nas que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desvelou "dificultades legais" para poñer en marcha esa nova comisión técnica.

Efectivamente, segundo a Unión Europea a CIAF é agora un órgano independente, pero non o era cando investigou o sucedido en Angrois. Así o constatou a Axencia Ferroviaria Europea a comezos do propio mes de xullo nun informe oculto ata ese momento por presións do Goberno de España. Antes desa análise do traballo da CIAF no accidente de Santiago, realizada a instancias das propias vítimas, a Comisión Europea abrira xa un procedemento de infracción contra España por non aplicar a directiva comunitaria que esixía, precisamente, que a CIAF fose independente. Esas mudanzas non foron aplicadas ata despois do accidente de Angrois e, en todo caso, as vítimas non reclaman unha nova indagación da CIAF, senón outra investigación independente que analice especificamente o accidente de Compostela. A lexislación, afirman, non impide que isto suceda.

O "non" á investigación política

O ministro apela ao rexeitamento da investigación no Congreso, que tamén é anterior ao seu "apoio expreso" a crear a comisión

Xunto a esa alteración de datas sobre a investigación técnica Fomento achega tamén os seus argumentos para o "non" á comisión política que De la Serna tamén apoiou en xullo. O ministro "recorda" agora que "a creación da comisión de investigación solicitada xa foi debatida" na lexislatura frustrada pola falta de Goberno "e foi rexeitada co 60% dos votos". Efectivamente, isto sucedeu coa petición formulada por En Marea e rexeitada en pleno por PP e PSOE despois de que o voceiro popular, Rafael Hernando, considerase a solicitude como "miserable" e "absurda". Este debate produciuse en abril, polo tanto, tres meses antes de que De la Serna apoiase a investigación en Santander. Obviamente, o "apoio expreso" do daquela alcalde da capital cántabra é tamén posterior ás peticións de investigación formuladas na anterior lexislatura estatal polo BNG, tamén rexeitadas en pleno.

Neste escenario, mentres o novo ministro se limita, como os seus antecesores, a manifestar "colaboración e respecto pola investigación xudicial" do accidente que "continúa aberta" -foi reaberta pola Audiencia da Coruña despois de que a pechase o xuíz instrutor co maquinista como único acusado- a Plataforma Víctimas Alvia 04155 lamenta o seu "trato cínico e hipócrita", en verbas da súa vogal Teresa Gómez-Limón. "Moita manciña por aquí e por alá, pero era todo mentira", resume. Ao seu xuízo, sería preferible que De la Serna "dixese dende o principio que non había nada que facer", pero "este cinismo por interese persoal é unha afrenta ás vítimas e a todos os cidadáns".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

En Marea censura a nova "proba do cinismo do PP" coas vítimas de Angrois

A negativa do ministro de Fomento a promover a comisión de investigación sobre o accidente de Angrois á que deu "apoio expreso" como alcalde de Santander suscita xa reaccións políticas. A primeira chegou dende o grupo de En Marea, no Parlamento, que a través do seu vicevoceiro, Antón Sánchez, lamentou o que considera unha "nova proba do cinismo do PP" coas vítimas do accidente ferroviario de Santiago.

"O PP quere que non se saiba quen foron os responsables dunha decisión que custou 80 vidas" e isto, afirma, é "intolerable nun Estado que se considere democrático". Cómpren, agrega o parlamentario, "mecanismos de depuración de responsabilidades políticas ante cuestións da gravidade como o accidente de Angrois".

Antón Sánchez: "O PP quere que non se saiba quen foron os responsables de decisións que custaron 80 vidas"

Neste contexto En Marea avanza que volverá solicitar que se constitúa a comisión de investigación para "coñecer quen tomou e como se tomaron as decisións relativas á liña ferroviaria" Santiago-Ourense ao seu paso por Angrois. "Estamos a falar do accidente ferroviario máis grave da historia de Galicia e non podemos deixar que pase sen, polo menos, tomar medidas para mellorar a transparencia das nosas administracións e restituír o dano causado" no canto de deixalo "impune".