Vítimas de Angrois pídenlle a Feijóo que marche por negarlles a entrada á homenaxe

Policías impiden o acceso á homenaxe a varias vítimas Dominio Público @victimastren

Vítimas do accidente ferroviario de Angrois seguen a protestar polo trato recibido pola Xunta. A Plataforma Víctimas Alvia 04155 vén de enviar unha dura carta ao presidente Núñez Feijóo na que denuncian que se lles impedise a entrada ao acto no que se entregaban as Medallas de Galicia do pasado xoves a aqueles que se negaran a recibir este recoñecemento. A misiva, feita pública no blog deste colectivo, deixa claro o seu sentimento xa no encabezado: Medallas para a minoría. Antidisturbios e secreta para a maioría de vítimas e familiares.

"Señor Feijóo, a súa conduta é contraria aos dereitos humanos, aos máis mínimos sentimentos de piedade e humanidade", din as vítimas

"Señor Feijóo, a súa conduta é contraria aos dereitos humanos, aos máis mínimos sentimentos de piedade e humanidade e o pobo galego non se merece ter un presidente que actúa con tamaña vileza. Marche, señor Feijóo, as vítimas, o pobo galego, os españois de ben e toda a Humanidade agradeceranllo", remata esta dura carta, na que a plataforma denuncia que tiveron que soportar ese xoves "a última das afrentas".

"Vostede organizou un acto na Cidade da Cultura para entregar unhas medallas ás vítimas do accidente, pero os seus asesores non debían ter máis que oito enderezos, xa que ese foi o total de vítimas e familiares asitentes, xa que ao resto, non só da nosa asociación, non nos chegou convite ningún", asegura este colectivo, que aclara que, malia que algunhas vítimas expresaron que non querían a medalla "e menos ese día", pensaron que estarían convidadas de forma indirecta, xa que "o acto estaba organizado para nos honrar". "Queriamos explicarlle de forma pacífica cal quera a nosa postura e o motivo da nosa negativa".

A plataforma quéixase de que tan só oito vítimas e familiares fosen convidadas ao acto da Cidade da Cultura

A plataforma denuncia que, logo de viaxar ata Compostela, atopáronse "cunha auténtica muralla de fornidos policías, armados con pistolas e porras" que les impediu a entrada, malia "portar os certificados de defunción dos familiares falecidos ou certificados do hospital". "Os axentes dixéronnos que cumprían ordes (...) pero ningúen veu a darnos explicacións", seguen.

As vítimas denuncian que un policía secreta seguiunos durante toda a xornada

"Tivemos que aturar durante todo o día un policía da secreta, algo confesado por el mesmo, queu nos seguiu durante toda a xornada aló onde iamos", continúa a carta, na que critican tamén que Feijóo acudise á misa funeral á Catedral malia "non estar convidado porque as vítimas queriamos que fose íntima e sen políticos". Nin tan sequera se puideron achegar ao presidente, segundo se queixan.

Por todo isto, a plataforma pide a Feijóo que marche e critica con dureza a súa actitude ante as homenaxes ás vítimas da traxedia ferroviaria da que se vén de cumprir un ano.

Policías impiden o acceso á homenaxe a varias vítimas Dominio Público @victimastren
Manifestación da plataforma 04155 © PVA04155

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.