Cuarto "non" do PP galego a investigar o accidente de Angrois

Deputadas e deputados do PP, durante o debate CC-BY-SA PPdeG

Por cuarta vez, "non". Os votos do PP rexeitaron este martes a creación dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia sobre o accidente ferroviario de Angrois, no que faleceron 80 persoas o 24 de xullo de 2013 na compostelá curva da Grandeira. O clima de cada vez maior incomodidade para os conservadores galegos pola vertente política do sinistro agudizouse pola petición dos grupos propoñentes, En Marea e BNG, dunha votación secreta que permitise votar "en conciencia" a deputadas e deputados, fundamentalmente coa intención de sumar algún voto socialista. No entanto, e malia a ausencias como a do presidente da Xunta, a proposta foi tombada polo PP, mentres que os representantes do PSdeG optaron, como nas tres ocasións anteriores, pola abstención.

"De que teñen medo? Que hai tan forte que teñan que ocultar para que, tendo maioría, neguen a comisión de investigación? Quizais, teñen medo de que se coñezan as súas mentiras", formulou a voceira do BNG, Ana Pontón. Mentiras tras o sinistro e "escusas mentireiras" para non investigalo, acrecentou o vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, quen censura que os populares manteñan como cerna do seu argumentario que o Parlamento galego carece de "competencias" para investigar o sucedido co Alvia en Santiago. O Regulamento da Cámara permite indagar en "calquera asunto de interese público" pero o PP, censura, permite afondar na "súa negra historia" como xa fixo no Congreso a través de Rafael Hernando, o "camisa azul" que cualificou esta petición como "miserable", reprocha -o presidente da Cámara, Miguel santalices, chamouno á orde por ese cualificativo e retirouno da acta da sesión-.

O PP reiterou a negativa na votación secreta promovida por En Marea e BNG, mentres que o PSdeG mantivo a abstención

O encargado de levar á tribuna a negativa do PP foi neste caso o deputado Martín Fernández Prado, voceiro de infraestruturas, quen instou a ter en conta a "solidariedade coas vítimas e as súas familias" de "xeito colectivo" pero "tamén indivudal, xa que eu, como moitos galegos, tiña amigos entre as vítimas". "Esclarecer as causas" do accidente "coa maior profundidade e rapidez" é "unha demanda xusta", asegura o deputado conservador. Pero facelo "nos foros adecuados" e non abrindo unha comisión parlamentaria en Galicia que responde, ao seu entender, a "usos demagóxicos e partidistas".

O "ámbito competencial" da Xunta rematou no "socorro ás vítimas" e por iso o Parlamento non debe investigar o accidente nunha comisión que "tería pouca capacidade para investigar", máis aínda porque "os directivos da Administración Xeral do Estado non responden ante os parlamentos autonómicos". Por todo isto o PP propuxo, como nas últimas semanas, substituír a apertura da comisión por pactar unha declaración institucional para "solicitar a redacción dun informe independente" sobre o accidente. Isto é, o mesmo que demandou o Parlamento Europeo, lembra. Pero o mesmo que, tamén, rexeita impulsar o Ministerio de Fomento.

Ana Pontón: "De que teñen medo? Que hai tan forte que teñan que ocultar?"

A negativa dos populares foi, precisamente, un dos piares da postura do PSdeG para se manter na abstención. "É o PP quen ten a decisión, non nós" e "se o noso grupo votase a favor, non garantiría que se crease", argumentou Xoaquín Fernández Leiceaga, quen di concordar con que a esixencia e depuración de responsabilidades polo accidente "ten que ir máis alá das penais e das avaliacións técnicas" para chegar á política, pero "non é no Parlamento de Galicia onde hai que facer este traballo". "Outras comisións que xa se produciron aquí" -en referencia implícita á do Prestige" amosan que a Cámara galega carece de "capacidade para que os informes pertinentes sexan emitidos e as testemuñas necesarian se produzan" e isto conduciría á "frustración" das vítimas. "O ámbito adecuado é o Congreso dos Deputados", conclúe.

Antón Sánchez: "Non poñan escusas, votan isto aquí e en Madrid tamén impiden a investigación"

A postura de PP e PSdeG foi lamentada por Pontón e Sánchez. "Este non é un Parlamento de segunda, temos o dereito a traballar para coñecer un accidente ocorrido en territorio galego", sinalou o vicevoceiro de En Marea. "Non poñan escusas, porque votan isto aquí e en Madrid tamén impiden a comisión de investigación" para, coida, ocultar "cousas moi graves" como a retirada do sistema de freado automático "co que non se tería producido o accidente". "Lamento que PP e PSOE perdan a oportunidade de que fagamos algo útil", agrega Ana Pontón, quen ve claro que "o problema non son as competencias, senón que o PP "se nega" e decide "inhabilitar este Parlamento". "Se non hai control político sobre os gobernos non hai democracia", conclúe.

Xuntanza coas vítimas

As vítimas reiteraron tras a xuntanza con Rueda que ven "clave" a investigación para "facer xustiza"

A nova negativa a abrir unha comisión de investigación estivo precedida, desta volta, cunha recepción a representantes da Plataforma Víctimas Alvia 04155 por parte do vicepresidente Rueda na súa calidade de presidente en funcións -está previsto que Feijóo si estea na Cámara este mércores para a sesión de control, xa que non se acolleu á licenza por paternidade-. Alén de tentar amortecer o efecto político do novo veto atendendo á petición da plataforma, o encontro non foi alén das posturas xa coñecidas de antemán.

Para Carlos Vázquez Padín, voceiro do colectivo nesta ocasión, sería bo que os grupos acordasen a declaración institucional suxeriada polo PP, pero o "clave" para "facer xustiza" é a apertura dunha comisión de investigación, subliña. Limitarse a impedila en Galicia mentres "os mesmos partidos" a bloquean tamén no Congreso "é trampa", censura a plataforma, que "agradece as intervencións" de Ana Pontón e Antón Sánchez. No momento da votación representantes das vítimas increparon os membros do PP con berros de "asasinos".

Luís Villares e Antón Sánchez, coas vítimas nos corredores do Parlamento CC-BY-SA En Marea
Ana Pontón, defendendo a creación da comisión CC-BY-NC-SA Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.