O ministerio público rexeita o recurso de Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación, cuxa responsabilidade por non dispoñer medidas de seguridade na curva o maxistrado equiparou coa do maquinista por despistarse e non frear a tempo
O fiscal que leva o caso do accidente de Angrois, no que o 24 de xullo de 2013 morreron 80 persoas, vén de rexeitar diversos recursos presentados polas partes contra a proposta do xuíz instrutor do caso de dar por rematada xa a investigación e levar a xuízo ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, e ao maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón. As defensas dos dous imputados pedían o arquivo da causa contra eles mentres que as vítimas pedían aumentar os acusados, e agora o fiscal se pronuncia en contra desas dúas opcións. O fiscal, Mario Piñeiro, xefe da fiscalía en Santiago, secunda así de momento a proposta do xuíz á espera de presentar o seu propio escrito de acusación contra o cargo de Adif e o maquinista.
A comezos do pasado decembro o xuíz instrutor do caso propuxo dar por rematada a investigación penal e abrir xuízo contra o maquinista e o cargo de Adif, o primeiro por despistarse e non frear a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese activo ningún sistema que evitase ou paliase o seu previsible erro humano, eivas das que considera responsable ao segundo. No seu auto, o instrutor equiparou a actuación de Cortabitarte á do condutor, polo que considera os dous responsables de oitenta delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e de 144 delitos de lesións polo mesmo tipo de imprudencia.
A aquel auto responderon os avogados defensores do maquinista e do cargo de Adif intentando exculpar os seus defendidos así como avogados das vítimas intentando estender as responsabilidades tamén a Renfe. Agora o fiscal pronúnciase en contra deses recursos, á espera de que el mesmo formule o seu propio escrito de acusación ao longo das próximas semanas, segundo varias fontes consultadas por este diario. Nun escrito de só cinco folios, o fiscal limítase a avalar os argumentos do xuíz de que hai indicios suficientes de que Cortabitarte non cumpriu coa súas obrigas de "garantir que a liña era segura" ao igual que o maquinista tampouco o fixo co seu "deber máis fundamental: unha condución atenta".
O anterior fiscal do caso rexeitara en 2016 buscar responsabilidades máis alá do maquinista
A instrución de Angrois xa se deu por rematada outra vez no pasado con outro fiscal á fronte, Antonio Roma, que a comezos de 2016 propuxera xulgar só ao maquinista como único responsable penal do accidente tras rexeitar en diversas ocasións analizar outras responsabilidades. Roma deixou o posto a mediados de 2017 e a causa de Angrois foi asumida por Piñeiro, que amosou un maior interese por pescudar responsabilidades máis alá do maquinista.
O auto co que en decembro o xuíz deu por rematada a fase de instrución puxo o foco na falta de avaliación de riscos por Cortabitarte da liña antes da súa inauguración en 2011 e da desconexión do sistema de control da velocidade a bordo dos Alvia en 2012, un ano antes do sinistro
O auto co que en decembro o xuíz deu por rematada a fase de instrución puxo o foco na falta de avaliación de riscos da liña previa á súa inauguración en 2011 e da desconexión do sistema de control da velocidade a bordo dos Alvia en 2012, un ano antes do sinistro, pedida polo director de Seguridade de Renfe, Antonio Lanchares, e que foi autorizada por Cortabitarte nunhas poucas horas. Segundo o xuíz, Cortabitarte, igual que non avaliou o risco da liña antes de autorizar a súa posta en servizo, tamén “autorizou a devandita desconexión sen previamente realizar unha avaliación do risco que tal desconexión puidera comportar para a seguridade na circulación”.
Unha vez presentados os escritos tanto das partes persoadas como da Fiscalía, a Audiencia Provincial da Coruña deberá decidir se a proposta do xuíz instrutor de convocar xa o xuízo vai adiante ou se, como xa fixera en 2016, ordena investigar algunha outra cuestión concreta dun caso que nos cinco anos e medio que pasaron desde que se produciu o accidente viuse entorpecido por diversas ocultacións de Adif e Renfe e pola lentitude do sistema xudicial.