O letrado do condutor de Angrois di que a falta de seguridade da liña esixía aos maquinistas ser “infalibles”
O avogado do maquinista do tren Alvia sinistrado en Angrois vén de recorrer contra o auto emitido a pasada semana polo xuíz instrutor do caso no que propón rematar a investigación levando a xuízo ao seu defendido, Francisco José Garzón, e ao ex-director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, como responsables en igual grao de 80 delitos de homicidios por imprudencia. Ao primeiro o instrutor considérao responsable dunha condución desatenta e ao segundo de non revisar e paliar os riscos que existían na curva de Angrois. Porén, o avogado do primeiro reclama que se arquive a causa contra el por considerar que “non é responsable final do resultado producido, polo que non cabe imputarlle delitos de imprudencia” senón que “é outra vítima máis” da falta de seguridade da liña permitida por Adif e Renfe.
O avogado sinala no seu recurso que no auto do xuíz “amósase o mesmo menosprezo ao factor humano que o que realizaron as organizacións [Adif e Renfe] e que deu lugar á catástrofe agora instruída"
O auto do xuíz xa foi recorrido pola plataforma de vítimas do sinistro, que reclama que non se arquive a imputación que pesaba ata o de agora sobre o daquela director de Seguridade na Circulación de Renfe, Antonio Lanchares, ao que consideran igual de responsable de non revisar a seguridade do AVE Ourense-Santiago que o seu homólogo de Adif. Agora o avogado do maquinista sinala no seu recurso que no auto do xuíz “amósase o mesmo menosprezo ao factor humano que o que realizaron as organizacións [Adif e Renfe] e que deu lugar á catástrofe agora instruída, xa que estase esixindo aos maquinistas un deber de dilixencia superior ao das empresas que puxeron en servizo un servizo de ferrocarril cun risco de fallo humano previsible, sen sistema de seguridade algún, sen posibilidade de aviso, sen posibilidade de recuperación do fallo humano, polo que é contraditorio que se non se evaluara o risco de fallo humano se esixa un comportamento non humano aos maquinistas e sexan infalibles nas condicións en que se lles obrigou a circular”.
O avogado considera que o seu defendido, imputado desde que se produciu o accidente, non incumpriu ningunha norma ferroviaria senón que a configuración da seguridade da liña Ourense-Santiago non estaba preparada para facer que frease a tempo antes da curva de Angrois. O letrado recorre na súa argumentación ao declarado por diversos comparecentes na comisión de investigación sobre o accidente aberta no Congreso dos Deputados, en particular á comparecencia dun alto cargo da Axencia Ferroviaria Europea, crítico coa falta de seguridade da liña Ourense-Santiago. No seu recurso, o avogado conclúe dicindo que o seu defendido debe ser exculpado e apartado da causa aberta polo sinistro ou, no seu defecto, acusado non como autor de delitos de homicidio imprudente senón só de faltas de imprudencia leve.