A UE abre outro procedemento de infracción a España por seguridade ferroviaria coa loita de fondo das vítimas de Angrois

A comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, de negro, con vítimas de Angrois e representantes do BNG nunha das varias reunións que levan mantidas nestes anos CC-BY-SA Praza Pública

“Os procesos de seguridade en España non cumpren os requisitos da lexislación da UE sobre seguridade ferroviaria”, di a Comisión Europea

“Os procesos de seguridade en España non cumpren os requisitos da lexislación da UE sobre seguridade ferroviaria”. Con esa frase a Comisión Europea vén de abrir este xoves un novo procedemento de infracción contra España por non cumprir a normativa comunitaria de 2004 en materia de seguridade ferroviaria. Entre outras cuestións, o procedemento volve poñer en dúbida o traballo da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento, cuxas actuacións están baixo o foco de diversos organismos comunitarios desde que en 2014 concluíu que a única causa do accidente de Angrois, no que un ano antes morreron 80 persoas, fora un despiste que sufrira o maquinista. Pola contra, a instrución xudicial vén de rematar agora e tanto o xuíz como o fiscal propoñen xulgar tamén a un cargo de Adif polas eivas de seguridade que presentaba a liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o sinistro, deficiencias que foron obviadas pola CIAF, que rexeita desde hai anos reabrir a súa investigación técnica como lle vén pedindo a Comisión Europea.

Malia que este xoves a Comisión Europea dixo en público que non está motivado por ningún accidente concreto, todas as fontes consultadas coinciden en que, aínda que o procedemento comunitario de infracción abarca moi diversos ámbitos, e non dubida tanto da seguridade do sistema como do xeito en que diversos organismos estatais a supervisan, o seu discorrer ata agora estivo marcado pola loita insistente das vítimas do sinistro de Angrois por coñecer todas as derivadas do seu caso, con sucesivas consultas e xestións directas ante diversos organismos comunitarios da man da eurodeputada do BNG Ana Miranda, que presentou varias denuncias contra España. De feito, a propia comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, informou hai uns meses ás vítimas, coas que se reuniu en varias ocasións, de que a Comisión estaba a analizar desde o pasado xullo un informe sobre “o estado de aplicación da seguridade ferroviaria en España” que encargara á Axencia Ferroviaria Europea, moi crítica coa actuación española no sinistro de Angrois. Nestes últimos meses, foron varias as reunións de responsables españois e comunitarios para intentar aclarar as dúbidas destes últimos, que agora deciden abrir formalmente o procedemento de infracción. 

Resposta da Comisión Europea informando ás vítimas de Angrois que analizaba desde xullo o informe que encargara á Axencia Ferroviaria Europea sobre o cumprimento por España da normativa ferroviaria CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión Europea volve poñer o foco no funcionamento da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento, que se nega a investigar de novo o sinistro do Alvia como pide Bruxelas tras facer responsable do mesmo ao maquinista

Este non é o primeiro procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra España por incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria. A Comisión xa mantiña desde 2012 contactos informais co Goberno por dúbidas sobre a correcta aplicación en España da directiva europea sobre o sector que databa de 2004, pero en setembro de 2013, dous meses despois do accidente de Angrois, decidiu emitir a denominada carta de emprazamento coa que se inicia formalmente un procedemento de infracción, paso como o dado este mesmo xoves. De xeito paralelo, a Axencia Ferroviaria Europea analizou como España investigara o accidente de Angrois e en 2016, tras varios meses de bloqueo por parte do Goberno do PP, emitiu un informe moi crítico coa CIAF que, sumado a posteriores actuacións de técnicos comunitarios, facilitaron que a instrución xudicial puxese o foco máis alá do maquinista e analizase as eivas de seguridade de Adif.

Entre outras cuestións, a UE consideraba que a CIAF non era independente xa que os seus membros eran nomeados polo Ministerio de Fomento e nas investigacións participaba persoal de Adif e Renfe, empresas con intereses directos na maioría dos sinistros. O Goberno central modificou a composición e funcionamento da CIAF (os seus membros pasaron a ser propostos por Fomento pero aprobados polo Congreso) e en maio de 2016 a Comisión Europea decidiu pechar aquel procedemento de infracción por considerar que así xa se daba cumprimento á esixencia de independencia dos investigadores que esixía a normativa comunitaria, que consideraba tamén xa cumprida noutros ámbitos. Igualmente, as investigacións da CIAF pasaron a distinguir, como esixía a normativa europea, entre causas directas, subxacentes e raíces de cada accidente, fronte á situación anterior en que só concluía coas causas directas.

Pero malia eses cambios xa introducidos, durante todo este tempo a CIAF veuse negando a reabrir a investigación que fixera sobre Angrois. Así o vén reclamando de xeito periódico a comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, que llo esixe a España como estado membro da UE por considerar que, aínda que a CIAF xa funcione de xeito distinto, España aínda non realizou unha investigación técnica de Angrois como esixe a normativa europea. Pero tanto o anterior Goberno central do PP como o actual argumentan que, ao ser a CIAF xa independente, non pode darlle a orde de reabrir aquela investigación ou realizar outra de cero senón só suxerirllo e que ten que ser a propia CIAF a que así o decida. E ata agora a CIAF vén negándose porque, fronte á visión europea, os seus membros consideran que a investigación sobre Angrois foi correcta.

A instrución xudicial vén de rematar con acusación tamén a un cargo de Adif, cuxas eivas de seguridade foron obviadas pola CIAF

A investigación xudicial do accidente de Angrois tamén ten posto o foco en como Adif autorizou a posta en servizo da liña Ourense-Santiago sen analizar correctamente todos os riscos que nela existían. Esas autorizacións de posta en servizo son agora realizadas pola nova Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF), que asumiu as competencias do ministerio á hora de supervisar esas actuacións e cuxos procedementos tamén están agora no foco do proceso comunitario de infracción. Así o di a Comisión Europea, que este xoves apuntou a “deficiencias na forma en que o organismo nacional de investigación [CIAF] analiza e investiga os accidentes e incidentes, así como nas técnicas de supervisión por parte da autoridade nacional responsable da seguridade”, isto é, a AESF.

Estes feitos foron postos novamente sobre a mesa do actual ministro de Fomento, o socialista José Luis Ábalos, polas vítimas de Angrois o pasado setembro. Fomento volveu pedir á CIAF, novamente sen éxito, unha nova investigación. Ao tempo, o ministerio anunciou que está a estudar a creación dun gran órgano independente de investigación de sinistros que agrupe os que actualmente analizan os accidentes ferroviarios, marítimos ou aéreos e dotado de máis medios e autonomía.

Reunión do ministro Ábalos con vítimas de Angrois o pasado setembro, cando avanzou que Fomento traballa para mellorar o funcionamento das comisións de investigación de accidentes Dominio Público Ministerio de Fomento

Fomento asegura que "o sistema ferroviario español é un sistema seguro", que a normativa comunitaria está a ter "problemas de implantación en todos os países" e lembra as medidas que está a impulsar o actual Goberno para melloralo aínda máis

Este xoves, tras coñecerse a apertura do procedemento de infracción, Fomento asegurou que “o sistema ferroviario español é un sistema seguro” e que a normativa ferroviaria europea está a ter “problemas de implantación en todos os países membros”. O ministerio reitera a súa aposta por reforzar os procedementos de seguridade en diversos eidos así como “afondar no proceso de mellora continua das investigacións da CIAF de acordo ás observacións realizadas” e reforzar a estrutura e mellorar os procedementos da AESF. Segundo Fomento, “estas medidas, entre outras, forman parte do informe sobre a mellora da seguridade no transporte e as infraestruturas que presentará o ministro de Fomento ante o Consello de Ministros en datas próximas”.

Agora España ten dous meses para contestar á carta de emprazamento que lle envía a Comisión Europea e coa que se abre o procedemento de infracción e posteriormente o órgano comunitario “podería decidir enviar un ditame motivado”, seguinte chanzo do proceso sancionador. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.