A UE volve desmentir a Adif e certifica que incumpriu a súa obriga de analizar o risco de Angrois

Resposta da Axencia Ferroviaria Europea ás vítimas de Angrois desmentindo a Adif CC-BY-SA Praza Pública

En xullo do pasado ano a Axencia Ferroviaria Europea (ERA, nas súas siglas en inglés) emitiu un duro informe criticando a investigación oficial realizada polo Ministerio de Fomento sobre o accidente de tren de Angrois por non ser independente e centrarse só no maquinista como único responsable do sinistro. Agora, as vítimas do tren Alvia veñen de entregar no xulgado de Santiago que investiga as responsabilidades penais unha carta do xefe de seguridade da axencia comunitaria na que volve tombar outra das teses de Adif, a empresa pública xestora da rede ferroviaria estatal, e asegura que a normativa europea obrigaba a realizar unha análise da seguridade da liña que non se fixo e que tería evitado o descarrilamento. Un escrito que chega ao xulgado un día antes de que este martes estea citado a comparecer, como investigado (antigo imputado), o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, como responsable de non avaliar e previr adecuadamente aquel risco.

A Axencia Ferroviaria Europea desmonta a argumentación de que a normativa non o esixía, como defende a empresa pública, cuxo ex-director de seguridade está citado no xulgado como imputado este martes

En resposta á imputación de Cortabitarte, Adif asegurou ante o xuíz que a normativa europea era confusa e que non era obrigatorio realizar a análise de riscos por cuxa inexistencia é responsabilizado e imputado o seu ex-alto directivo. A plataforma de vítimas de Angrois preguntou en outubro do ano pasado ao xefe de seguridade da axencia europea, Christopher Carr, se era ou non obrigatoria esa análise, e o 17 de novembro obtivo a súa resposta afirmativa que agora entregan no xulgado: “Sobre a cuestión de se se debera realizar unha avaliación do risco para a nova liña, podo confirmar plenamente que a lexislación da UE si o require”, di o responsable comunitario.

Na resposta do responsable de seguridade ferroviaria da UE, que remitiu tanto ás vítimas como aos seus superiores, tamén se di que “o risco de descarrilamento durante a marcha e especificamente en curvas foi coñecido polos enxeñeiros ferroviarios desde que se construíron os ferrocarrís por primeira vez, xa que teñen o risco de non controlar a velocidade”. Unha afirmación que contradí a argumentación de Adif de que no ferrocarril "unha curva nunca é un punto de perigo". E engade que no caso da curva de Angrois “o risco foi identificado” pero non atallado senón só “exportado ao condutor” por parte de Adif.

En xullo a axencia europea desacreditara a investigación oficial de Fomento, o que para as vítimas foi fundamental para que a instrución xudicial virase e deixase de considerar o maquinista como único responsable

Esta é a segunda vez que a axencia europea ataca tan directamente a Adif e Fomento. O pasado xullo xa desacreditara a investigación oficial realizada polo ministerio que culpara só ao maquinista e que logo influiría en varias peritaxes da causa penal. Aquel informe dos técnicos comunitarios atacando a Fomento foi fundamental, consideran as vítimas, para que a instrución xudicial da causa penal virase e deixase de considerar o maquinista como único responsable do sinistro.

Este martes, ás 10.30 horas, está citado no xulgado de Santiago Andrés Cortabitarte, quen como director de Seguridade de Adif cando se puxo en servizo a liña estaba obrigado, segundo di agora o xuíz avalado por varios peritos, a analizar o risco da curva de Angrois e palialo. Pola contra, Cortabitarte autorizou que se reducise a seguridade e que os trens Alvia circulasen pola liña de AVE Ourense-Santiago desde un ano antes do accidente co sistema de control constante da velocidade (ERTMS) desconectado e facendo responsable único de frear a tempo antes da curva ao maquinista de cada tren.

Vítimas de Angrois en Bruxelas con responsables da Axencia Ferroviaria Europea, entre eles o xefe de seguridade, Christopher Carr, segundo pola dereita Dominio Público Plataforma de Vítimas de Angrois

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.