0 Gardados para despois

Adif recorre a imputación do seu ex-xefe de seguridade no caso de Angrois

Redacción | @prazapublica

Adif recorre a imputación do seu ex-director de Seguridade na Circulación, Andrés Cotabitarte, investigado por presuntos delitos de homicidio e lesións no accidente de Angrois. O presidente do ente ferroviario, Juan Bravo, confirmouno este xoves nunha visita a Vigo e xustifica o recurso ao considerar que "nin xurídica nin tecnicamente era aplicable no momento do accidente a normativa europea que esixiría unha avaliación de riscos distinta da que se fixo", ademais de aclarar o xestor que aínda que se aplicase ese regulamento ao que se fai referencia no auto xudicial, a análise de riscos que se efectuou respectaba esta norma comunitaria.

Adif cre que "nin xurídica nin tecnicamente era aplicable no momento do accidente a normativa europea que esixiría unha avaliación de riscos distinta da que se fixo"

Alén disto, Adif alega tamén que "non existe consenso" entre peritos, xuristas, as partes que comparecen e as distintas autoridades de seguridade europea sobre se a normativa "é aplicable ou non". Por iso, discrepa de que poida ser "evidente", como di o xuíz, "o incumprimento" desta normativa, xa que a súa "vixencia e aplicabilidade é sumamente difusa". E por todo, decide recorrer a decisión de citar como investigado a Cortabitarte, cargo da empresa pública que non avaliou o risco da curva da Grandeira malia autorizar previamente que se desconectase o sistema de freado automático nos trens. Foi citado como presunto responsable de 80 delitos de homicidio e lesións por impurdencia. 

No sinistro da curva de Angrois o maquinista do tren Alvia, Francisco José Garzón, tamén imputado polos mesmos delitos, despistouse e descarrilou ao non frear a tempo antes da primeira curva de entrada a Santiago sen que houbese activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu despiste, o que xeraba un elevado risco de accidente. Logo de que o segundo xuíz instrutor que ten a causa, Andrés Lago Louro, tentase pechala e xulgar só o maquinista, a Audiencia Provincial da Coruña ordenoulle o pasado maio reabrila e analizar mellor se Adif tratara como debía o risco existente na curva. Logo de recibir varias peritaxes, o instrutor considerou “evidenciado” que esa “análise integral do risco” era “necesaria” e “non se fixo” e atribúe a Cortabitarte esa responsabilidade como director de Seguridade. Por iso, a través dun auto do pasado 10 de marzo citouno a declarar no xulgado de Santiago.

"Non é Adif quen autoriza a posta en servizo dunha liña, senón a Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento"

Juan Bravo presidente de Adif, afirmou este xoves que este organismo recorreu o auto de imputación porque era a súa "obriga" e lembrou que Cortabitarte é "traballador de Adif" e que foi "responsable de seguridade no momento previo ao accidente". "Desde Adif recorremos o auto porque entendemos que era a nosa obriga", insistiu. 

No recurso arguméntase, entre outras cousas, que "non é Adif quen autoriza a posta en servizo dunha liña, senón a Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento", e engade que "non corresponde á Dirección de Seguridade na Circulación realizar unha avaliación integral dos riscos nin ostentar a responsabilidade global da xestión da seguridade".

Cortabitarte tamén presentou recurso á súa imputación e responsabilizou outros departamentos de Fomento

O propio imputado, Andrés Cotabitarte, tamén presentou un recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña a través do seu avogado no que solicita que non se produza a súa comparecencia prevista para o vindeiro 4 de abril mentres non se resolva esta apelación, na que se argumenta tamén que o director de Seguridade non era responsable das actuacións que lle atribúe o xuíz instrutor, Andrés Lago Louro.

Segundo a argumentación de Cortabitarte, non era responsabilidade súa avaliar a seguridade da liña nin autorizar a súa apertura, senón da consultora pública Ineco e da Dirección de Ferrocarrís de Fomento, respectivamente

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.