Ana Miranda: “En Bruxelas hai políticos de todas as cores e podían ser outros os que collesen o tema de Angrois, pero ninguén máis o fixo”

Ana Miranda no seu escano do Parlamento Europeo © BNG

A eurodeputada do BNG que está a actuar de representante das vítimas en Bruxelas valora a decisión da Comisión Europea de abrir un procedemento de infracción contra España por non aplicar ben a normativa de seguridade ferroviaria

A Comisión Europea vén de abrir outro procedemento de infracción contra España por “non cumprir os requisitos da lexislación da UE sobre seguridade ferroviaria”, proceso derivado da fiscalización constante que diversos entes comunitarios manteñen sobre o sistema ferroviario español desde que ocorreu o accidente de Angrois, con 80 mortos, o 24 de xullo de 2013. Nestes anos a plataforma de vítimas do sinistro e a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que está a actuar de representante de feito delas en Bruxelas, desenvolveron un constante traballo de presión, con reunións e denuncias ao máis alto nivel, para que as institucións comunitarias non esquecesen a súa situación. Agora a decisión europea chega mes e medio despois de que o xuíz instrutor da causa penal dese por rematada a investigación e propuxese xulgar polo sinistro non só ao maquinista do tren, que se despistou e non freou a tempo antes da curva de Angrois, senón tamén a un cargo de Adif por non habilitar as medidas de seguridade adecuadas para evitalo.

O procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea non analiza o caso concreto do accidente de Angrois, nin sequera se a rede ferroviaria española é segura, senón o xeito en que diversos organismos estatais supervisan esa seguridade e investigan os sinistros. Por que é tan relevante esta decisión para o caso dese accidente? 

“Claro que ningún procedemento de infracción da UE vai sobre un caso pasado, pero se facemos contas, se non se cumpre coa lexislación en 2019, tampouco se cumpría en 2013”

A carta de emprazamento que emite agora a Comisión, que o Estado ten dous meses para responder, vai máis alá dos organismos de investigación. O procedemento de infracción vai sobre o cumprimento por parte de España das normativas de seguridade ferroviaria en xeral. Din a Comisión e o Estado que non vai dun caso concreto? Pero se non fora pola presión que fixemos co caso de Angrois non sairía nada nin do caso concreto nin dos casos xerais. O procedemento de infracción é consecuencia directa de ir en 2015 coas vítimas a Bruxelas, de continuar traballando na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, do seguimento e reunións coa comisaria de Transporte, de volver coas vítimas a Bruxelas, da presión política. Claro que ningún procedemento de infracción vai sobre un caso pasado. Os procedementos de infracción analizan a situación actual. Pero se facemos contas, se non se cumpre coa lexislación en 2019, tampouco se cumpría en 2013. 

Ana Miranda nunha das súas reunións sobre Angrois coa comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc CC-BY-NC-SA BNG

En que medida as denuncias contra España que presentaron vostede e as vítimas a raíz do accidente de Angrois están detrás deste procedemento ou é máis ben froito de que tras o sinistro a propia Comisión puxo o foco en España?

“Síntome orgullosa do procedemento de infracción pero non porque se culpe a España; prefiro que se cumpra a lei que as multas”

Todas as miradas se puxeron en España, pero se non houbese esta presión e esta implicación e non a tomasen en serio en Europa, non tería ido todo tan lonxe. Porque despois das presións políticas que tiveron de Fomento durante o Goberno anterior, e que supoño que terían estes días tamén, era tan inevitable e tan evidente, que en Bruxelas me chegaron a dicir que non se podía parar. Síntome orgullosa dese procedemento de infracción pero non porque se culpe a España. Non é por iso. É para que nunca máis haxa un accidente tan tráxico. Para que cumpramos a lei e non se siga dicindo que España é diferente. Para que fagamos as cousas ben. Para que deamos paz ás vítimas. Prefiro que se cumpra a lei que as multas.

Tras o accidente, o daquela secretario de Estado e despois ministro Rafael Catalá e o presidente Feijóo alertaban do dano que podía facer ao sector falar mal da alta velocidade española. Hai algún interese escuro doutros socios comunitarios detrás desta decisión da Comisión Europea que volve poñer en dúbida ao sector?

Creo que non, que realmente o que houbo foi unha ocultación de que o accidente non fora só polo maquinista, como dixo o Goberno central [do PP, que gobernaba en 2013, con Ana Pastor á fronte de Fomento], que tivo unha responsabilidade directa na posta en marcha do tren, igual que o ex-ministro José Blanco que autorizou a posta en marcha da liña sen unha avaliación dos riscos. Se teñen algo de decencia, Blanco e Pastor deberían estar dimitindo dos seus cargos públicos.

Cre que un ministro, fose o socialista José Blanco que inaugurou a liña en 2011 ou a popular Ana Pastor que puxo en servizo nela os trens Alvia híbridos en 2012 e estaba no cargo cando ocorreu o accidente, debe saber de sistemas de seguridade ferroviaria?

“Un ministro non se mete nunha cuestión tan particular como a seguridade ferroviaria, pero a responsabilidade máxima é del”

Ten que haber un mecanismo a nivel ministerial para informarse de que unha posta en marcha dunha liña como se fixo esta implicaba isto. Evidentemente un ministro non se mete nunha cuestión tan particular, pero a responsabilidade máxima é del. Estamos falando de 80 vidas, e dunhas repercusións psicolóxicas en moita xente. O outro día falaba con un que aínda ten medo de subir en ascensores. Sobre todo é a falta de verdade.

Vítimas de Angrois e Ana Miranda nunha reunión con responsables da Axencia Ferroviaria Europea CC-BY-NC-SA BNG

Está vostede a aproveitarse da dor das vítimas no seu propio beneficio político ou para debilitar os seus rivais?

“En Bruxelas hai políticos de todas as cores e podían ser outros os que collesen o tema do accidente de Angrois, pero ninguén máis o fixo”

Para nada. E elas sábeno, iso é o máis importante. Se me aproveitara das vítimas, que é o argumento máis terrible que pode dicir alguén que non queira saber a verdade, eu non estaría dedicando a isto tantos anos da miña vida política, prometendo a miña toma de posesión do escano con vítimas ao lado que viñeron a título persoal e dicindo que o asumía para chegar ao final do accidente do Alvia. Onte o meu correo explotaba de agradecementos desde A Coruña ata Madrid. Eu dígolles que isto non é unha cuestión miña, que é deles, que eu o que fixen foi poñer o oído e traballar con eles, só poñerme diante cando se necesitaba presión política. E en ocasións a Comisión non trata igual a unha parte implicada como as vítimas que a un mediador institucional, como é un deputado. Eu son unha mediadora. É máis, se me aproveitara deles, gustaríame que mo dixeran porque me poñería nun segundo lugar. Pero ao contrario, anímanme a que siga. Porque en Bruxelas hai políticos de todas as cores, e podían ser outros os que collesen este dosier, pero ninguén máis o fixo porque todo o mundo pensou que ía perderse e eu pensei sempre que se ía gañar, porque as vítimas tiñan razón e o maquinista non era o culpable. Eu sei que teño razón e vou ir ata o final. 

Na plataforma de vítimas hai feridos e familiares de falecidos de toda España e de moi diversas tendencias políticas, e vostede é representante dunha formación de esquerda soberanista que nas eleccións europeas de maio aspira a repetir no escano en coalición con Bildu e ERC. Provoca iso algún conflito?

“Coas vítimas non falo de política partidaria, o meu non é partidario senón unha persoa buscando a verdade, se non, non tería dedicado tanto tempo a isto”

Non o sei porque eu con eles non falo de política partidaria. Eu con eles só falo do dosier do Alvia, das responsabilidades políticas e da súa dor tratando de empatizar con eles. Nunca houbo ningún conflito porque creo que eles chegaron á conclusión de que o meu non é unha cuestión partidaria senón que era unha persoa buscando a verdade. Se non, non tería dedicado tanto tempo a isto. 

Vítimas de Angrois con Ana Miranda e Ana Pontón na sede da Comisión Europea Dominio Público Praza Pública

Que expectativa de resultados ten de cara ás eleccións de maio e cales serán as súas liñas de actuación se sae reelixida?

“O escano do BNG en Bruxelas resultou útil, como demostra o tema do Alvia, ou o do saneamento das rías, e agardamos uns bos resultados nas eleccións” 

Agardamos uns resultados bos, francamente. Creo que estamos nun bo momento, con moito ánimo con Ana Pontón á cabeza pilotando este proxecto e cun escano que creo que resultou útil para o pobo galego pero tamén para outras causas, como demostra o tema do Alvia, os refuxiados, ou o saneamento das rías. Imos seguir traballando neses temas, cos sectores produtivos e levando alí a distintas voces galegas a defender os seus intereses.

Xosé Manuel Beiras vén de suxerir que Anova concorra ás eleccións europeas de maio co BNG. Que opina?

Diso opinou xa Ana Pontón e eu prefiro absterme desta cuestión. Hoxe [polo venres] presentamos a coalición [con ERC e Bildu] e imos con compañeiros bos de camiño cos que podemos construír unha Europa dos pobos real pero con autonomía nesa coalición. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.