As vítimas do accidente de Angrois seguen obtendo en Bruxelas o alivio que non dan atopado nas autoridades españolas. Vinte e catro horas despois de que a Comisión de Peticións da Eurocámara accedese a dirixirse á Comisión Europea, o 'goberno' da UE, para reclamar o informe "independente" sobre o sinistro que España non realizou, a Axencia Ferroviaria Europea (ERA) recibiu por terceira vez á Plataforma Víctimas Alvia 04155 e, ademais de volver escoitar as súas demandas, amosou a súa disposición a colaborar na investigación xudicial reaberta por orde da Audiencia da Coruña se o xuíz instrutor, Andrés Lago Louro, o considera oportuno.
As vítimas aplauden a "total disposición" do ente comunitario, que as recibiu por terceira vez
Acompañadas novamente pola voceira do BNG ante as institucións comunitarias, Ana Miranda, as vítimas saíron reconfortadas do encontro co director da ERA, Josef Doppelbauer. Atoparon, di Jesús Domínguez, "total disposición" a declarar e realizar achegas á investigación que se segue en Santiago. Percíbese, agrega Teresa Gómez-Limón, que o persoal da Axencia é "profesional e independente" e, como amosou no informe sobre o accidente divulgado o pasado verán, "actúa por profesionalidade e non por presión dos gobernos". "Confiamos na súa sensibilidade", resume.
Nun contexto no que valora que a ERA amose a "empatía" que non practicaron os responsables españois tamén Miranda aplaude a actitude de Doppelbauer e mais do responsable de seguridade da ERA, Christopher Carr, así como a súa "dispoñibilidade para asistir ante os tribunais se así o solicita o xuíz". Esa comparecencia, coida, sería "moi importante" nun proceso xudicial que ten o seu seguinte fito esta mesma semana, cando o día 27 venza o prazo o outorgado polo xuíz para que os peritos acheguen un informe "consensuado" sobre a valoración dos riscos da vía.
Miranda (BNG) avanza a súa intención de pedir que a Comisión Europea abra "un novo procedemento de infracción" a España polas causas do accidente e a valoración de riscos da liña Ourense-Santiago
Mentres isto sucede Miranda avanza que a intención do Bloque é ir "un paso máis alá" no ámbito político. Primeiro, dirixíndose á Comisión Europea para que atenda "o mandato dunha nova investigación sobre a traxedia" que ditou a Eurocámara. Despois, sinala, a formación pedirá "abrir un novo procedemento de infracción" ao Reino de España "polas causas do accidente". Trátase, explica, de que as pescudas das autoridades comunitarias vaian alén das xa realizadas, as que referendaron que o informe sobre o sinistro non fora independente, e se centren na avaliación dos riscos da liña Ourense-Santiago e nas causas do descarrilamento no que faleceron 80 persoas ás portas de Compostela.
Estes serán os pasos a dar nun contexto no que a Axencia Ferroviaria Europea avanza a súa intención de manter, "ao longo do próximo semestre", un novo encontro con Miranda e as vítimas. Nesa cuarta xuntanza analizaranse "as accións emprendidas polo Estado español despois do mandato explícito do Parlamento Europeo de volver investigar as causas" do accidente, avanzan.