BNG, ERC e Bildu lanzan en Santiago a súa coalición para as europeas combinando políticas sociais e dereito a decidir

Os cabeza de lista de BNG, ERC e Bildu para as europeas coa portavoz nacional do BNG na presentación da súa candidatura conxunta Agora Repúblicas ás eleccións europeas Dominio Público @Esquerra_ERC

O primeiro acto público conxunto de Agora Repúblicas, nome común da candidatura, apela a “os republicanos de todo o Estado español”

Políticas sociais de esquerda e dereito a decidir apelando a “os republicanos de todo o Estado español” son os eixos comúns que defenderá a coalición para as eleccións europeas do 26 de maio que veñen de conformar BNG, ERC e EH Bildu e que tivo este venres en Santiago o seu primeiro acto público conxunto. Alí, os cabezas de lista das tres formacións, Ana Miranda do BNG, Josu Juaristi de Bildu e Diana Riba de ERC, lembraron aos políticos cataláns presos e, en particular, a figura de Oriol Junqueras, que nas europeas de 2009 encabezou unha candidatura similar a esta, na que queren darlle voz como un candidato máis.

O acto deste venres en Santiago abriuno o escritor Suso de Toro, que vén de integrarse no BNG tras anos de colaboración coa formación e que salientou que “por defender o que vai defender esta candidatura hai persoas presas e exiliadas”. Porén, fronte á “tristeza” desa situación, De Toro defendeu a “alegría da rebelión” dunha candidatura na que “cada forza política soberana vai defender os intereses do seu país, pero tamén vai defender os intereses de todas as persoas fronte ás oligarquías que controlan o Estado”. Fronte ao “reino borbónico opresor”, dixo, a resposta desta candidatura será “Agora Repúblicas”, en referencia ao nome común que engloba aos tres partidos. Nesa liña, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, salientou a continuación que a candidatura situarase “fronte a un españolismo que se nega a aceptar unha realidade viva, que as nacións sen Estado existen”. 

O escritor Suso de Toro na presentación da candidatura conxunta de BNG, ERC e Bildu Dominio Público @Esquerra_ERC

“Por defender o que vai defender esta candidatura hai persoas presas e exiliadas”, di Suso de Toro

Por parte de EH Bildu o seu candidato, Josu Juaristi, salientou que “as tres nacións comparten unha cultura de colaboración fronte ao Estado” que lles nega un “dereito a decidir” que considera “un instrumento democrático de resolución de conflitos”. Juaristi salientou que as tres formacións traballan “para mellorar o día a día da nosa cidadanía” e así o farán en Bruxelas conxuntamente nun “momento involución no Estado español e no conxunto de Europa”.

A seguinte en intervir foi a candidata de ERC, Diana Riba, esposa do ex-conseller encarcerado Raül Romeva, encargada de salientar a figura de Oriol Junqueras como símbolo desta candidatura. “Oriol, como o meu marido Raül, está en prisión desde hai máis dun ano por facer política e os que o encadearon renunciaron a facer política”, dixo. Riba alertou contra o crecemento da extrema dereita en Europa e dixo que a súa “quere ser a candidatura dos verdadeiros europeístas e republicanos de todo o Estado”. “Defendemos que Europa non é o problema senón a solución”, sentenciou.

O acto pechouno a candidata do BNG, Ana Miranda, que puxo como exemplo da importancia de que a súa formación logre un escano en Europa o traballo que ela mesma vén realizando no Parlamento Europeo en temas como a defensa das vítimas do accidente de Angrois ou o saneamento das rías galegas, con importantes avances esta mesma semana. 

Tras o acto, máis un mitin que unha presentación para a prensa, preguntóuselle aos candidatos como van dar voz aos políticos cataláns presos, ao que Riba limitouse a contestar que “cando encadean a un demócrata, sairemos cen a falar por eles”, o que foi seguido dun longo aplauso dos presentes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.