O BNG anunciou este xoves que o vindeiro luns presentará ante a Secretaría Xeral da Comisión Europea unha denuncia contra o Estado español por incumprimento do dereito comunitario na súa investigación do accidente de tren de Angrois, que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos e 144 feridos ás portas de Santiago. Logo de obter a pasada semana a confirmación oficial por parte da Axencia Ferroviaria Europea de que o Ministerio de Fomento non investigou o sinistro de xeito independente cando culpou del exclusivamente ao maquinista, os nacionalistas empregarán ese informe como proba de cargo na súa denuncia contra España co obxectivo, dixo a súa voceira en Bruxelas, Ana Miranda, de que baixo a ameaza dunha sanción europea se realice unha investigación realmente independente.
Empregará o informe da Axencia Ferroviaria Europea que di que non se analizou o accidente de xeito independente para, baixo a ameaza dunha sanción, obrigar ao Goberno a realizar unha nova investigación
En concreto, o BNG denunciará que España incumpriu os artigos 21 e 22 da Directiva 2004/49/CE, de 29 de abril de 2004, sobre a seguridade dos ferrocarrís comunitarios. No primeiro deles se establece que cada estado membro da UE disporá dun organismo de investigación de accidentes “independente na súa organización, estrutura xurídica e capacidade decisoria” de calquera administración reguladora dos servizos ferroviarios, como en España o é o Ministerio de Fomento. A Axencia Ferroviaria Europea constatou que, no caso do accidente de Santiago, a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) non foi independente de Fomento e das súas empresas públicas Adif, Renfe e Ineco. A directiva tamén establece que “se informará periodicamente da investigación e dos seus avances”, entre outros, “ás vítimas e os seus parentes” e “se lles brindará, sempre que sexa factible, a oportunidade de expor as súas opinións e puntos de vista durante a investigación e a posibilidade de facer observacións”. Segundo a Axencia Ferroviaria Europa, as vítimas non foron atendidas pola CIAF, algo que esta nega argumentando que ten un correo electrónico ao que calquera cidadán pode escribir.
A Comisión Europea xa abrira un procedemento de infracción pola lentitude de España na transposición da antedita directiva de 2004 á lexislación estatal. Despois da investigación do accidente de Angrois, Fomento, entre outros cambios, modificou a composición e funcionamento da CIAF para facela máis independente. Constatada esa adaptación da normativa española á comunitaria unha década despois, a Comisión Europea pechou a principios deste ano o seu procedemento de infracción. Pero segundo explicou este xoves Ana Miranda, aínda que agora España xa cumpra con esa directiva, pode prosperar igualmente unha nova denuncia polo seu incumprimento de feito durante un período de tempo, neste caso durante a investigación de Angrois, como constata a Axencia Ferroviaria Europea. A voceira nacionalista asegurou que hai antecedentes, noutras materias como o saneamento, en que a Comisión Europea abriu novos procedementos sancionadores por incumprimentos temporais logo de pechar outros por demoras na adaptación da normativa.
O BNG pedirá novamente unha investigación parlamenteria, a dimisión da ministra e a renovación da CIAF
De xeito paralelo á denuncia en Bruxelas, o BNG anunciou este xoves, por boca da súa voceira nacional, Ana Pontón, que pedirán unha reunión da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, o seu máximo órgano de goberno fora do período de sesións, para que se debata unha nova petición de comisión de investigación parlamentaria, logo de que a maioría absoluta do PP rexeitara xa catro peticións similares e impedise sequera o debate de outras solicitudes. Pontón tamén volveu pedir a dimisión da ministra de Fomento, Ana Pastor, á que considera responsable dos impedimentos postos polo Goberno ás investigacións técnica, xudicial e política do sinistro. Do mesmo xeito, a líder do BNG pediu que se cese a todos os membros actuais da CIAF para que esta poida realizar unha investigación realmente independente e argumentou que a renovación dese organismo o ano pasado foi insuficiente e debe volver ser constituído.
Pontón recoñeceu o traballo de Ana Miranda, cuxa actuación en Bruxelas menosprezou o secretario xeral do PP galego
Pontón tamén quixo “recoñecer o importante traballo que fixo nestes últimos meses Ana Miranda” en Bruxelas, axudando ás vítimas nas súas xestións ante as institucións comunitarias. Unhas xestións que esta mesma semana foron menosprezadas polo secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, nunha intervención en V Televisión na que a cualificou como simple asesora de EH-Bildu no Parlamento Europeo e pediu respecto para todas as vítimas. Miranda presentouse ás europeas de 2014 como número 2 nunha coalición formada por EH-Bildu, BNG e outras forzas nacionalistas cun pacto polo que o escano que obtiveron será ocupado de xeito rotatorio polos representantes de cada formación. Mentres non chega ese momento, Miranda actúa como voceira do BNG en Bruxelas cunha proxección mediática moi superior que a que acadan co seu traballo os eurodeputados galegos de PP e PSOE.