Ana Miranda será a cabeza de lista do BNG na alianza con ERC e EH-Bildu para as europeas

Ana Miranda, durante un debate na Eurocámara © BNG

O Consello Nacional ratificou este sábado a Ana Miranda como cabeza de lista da formación para as Eleccións europeas do vindeiro mes de maio. Miranda formará parte -nun posto aínda por determinar- da candidatura conxunta que hai unhas semanas acordaron ERC, EH-Bildu e BNG e que tamén foi ratificada polo Consello Nacional. “Unha alianza electoral que porá o foco na defensa da democracia, as liberdades e os dereitos fronte á grave involución democrática que vive o Estado español”, en palabras de Ana Pontón, portavoz nacional da formación nacionalista.

A alianza con ERC e EH-Bildu "porá o foco na defensa da democracia, as liberdades e os dereitos fronte á grave involución democrática que vive o Estado español”

Nesta "coalición instrumental" o Bloque desenvolvería "a súa propia campaña, co seu programa específico e con candidatas e candidatos propias en función exclusiva dos intereses de Galiza". No ano 2009 o BNG formou parte da lista Europa dos Pobos, xunto con ERC, Aralar, EA ou Chunta Aragonesista. No 2014 formou a coalición Os Pobos Deciden con EH-Bildu.

Moi probablemente Oriol Junqueras (aínda en prisión) encabezará a lista conxunta e a número dous será Diana Riba, portavoz da Associació Catalana de Drets Polítics, xunto con outros familiares de presos independentistas.

Ana Miranda (Cuntis, 1971) ocupou xa un escano na Eurocámara entre o 1 de xaneiro de 2012 entre o 9 de xullo de 2013. Regresou ao Parlamento europeo en febreiro deste ano 2018 e seguirá ata o remate da lexislatura. 

Intervención de Ana Pontón este sábado. Detrás, Ana Miranda © BNG

Pontón avanza que, de ser elixida como eurodeputada, o traballo de Miranda "terá un marcado carácter social"

A líder do BNG destacou a importancia do labor político realizado en Europa por Ana Miranda e avanzou que este traballo "terá continuidade" para denunciar o recorte das liberdades no Estado español. Pontón avanza que, de ser elixida como eurodeputada, o traballo de Miranda "terá un marcado carácter social na senda da denuncia da precariedade laboral, a emigración da mocidade galega, o recorte de servizos públicos, da sanidade, a reforma das pensións e a defensa dos dereitos nacionais de Galiza".

Pontón salientou ademais "o amplo apoio do BNG" a Ana Miranda. E detallou parte da súa actividade como parlamentaria: "conseguiu que a Axencia Ferroviaria Europea emitira un informe clave para darlle a volta ao xuízo do Alvia e a inclusión de Galiza no corredor atlántico de mercadorías". E sinalou igualmente "a súa destacada participación na resolución do Parlamento Europeo contra o avance dos fascismos pedindo a ilegalización de Fundación Francisco Franco". 

"Un traballo recoñecido, útil e eficaz”, resumiu Pontón, que sinala que a alianza de forzas soberanistas das tres nacións sen estado "é unha garantía para que o BNG sega defendendo os intereses de Galiza na UE". 

"Xa na pasada lexislatura fomos bastante máis activos que outros eurodeputados que estiveron cinco anos", dixo Miranda

"Xa na pasada lexislatura fomos bastante máis activos que outros eurodeputados que estiveron cinco anos. Creo que non é unha consideración de tempo senón da intensidade e dos temas que se traian. Eu teño unha prioridade social, dos sectores produtivos e da liberdade de expresión, porque esta última temática por desgraza está á orde do día", destacaba Ana Miranda nesta entrevista.

Nas Eleccións europeas de 2014, o BNG obtivo 79.732 votos, sendo a quinta forza en Galicia, co 7,9% dos apoios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.