Oriol Junqueras quere acudir ás eleccións europeas liderando unha lista de coalición con tres formacións independentistas de esquerda. ERC, BNG e EH-Bildu encarreiraron nos últimos días o pacto para unha candidatura conxunta o próximo 26 de maio, da que tratarán de pechar os detalles a semana que vén. O preacordo alcanzado deixa fóra o espazo de Carles Puigdemont, malia que este se ofreceu para presentarse como número dous de Junqueras.
O BNG repetiría a fórmula de 2009, cando Junqueras liderou unha coalición na que o líder de ERC e Miranda compartiran escano
O Bloque repetiría así a fórmula xunto a Esquerra que xa levara a cabo en 2009 --tamén con Aralar, EA ou Chunta Aragonesista--, cando Junqueras liderou a coalición Europa dos Pobos e a eurodeputada Ana Miranda compartiu o escano co agora líder encarcerado. Respecto d'Os Pobos Deciden, última aposta á Eurocámara en 2014, ERC sería a novidade dun acordo no que xa estaban BNG e EH-Bildu.
Neste caso, foi Junqueras o ideólogo da fórmula e quen, desde o pasado mes de xullo, impulsa o diálogo entre as tres forzas. Segundo explican fontes dos partidos, neste momento o acordo está "canalizado politicamente, a falta da negociación técnica que o peche". Delegacións das tres formacións reuniranse a finais da próxima semana en Galicia co encargo de poñerlle o ramo ao pacto. Esas conversas deben resolver, entre outras cousas, a composición da lista, o financiamento da campaña ou o propio nome da coalición.
O BNG prefire manter a discreción mentres se manteñen as conversas que se resolverán "axiña"
No BNG prefiren manter a discreción neste proceso negociador vixente que confían en que se resolva "axiña" e do que agardan unha candidatura forte e con grandes posibilidades de obter unha importante representación no Parlamento Europeo.
Nas conversas, ERC puxo como liña vermella que nin Puigdemont nin o seu espazo se sumasen á lista, aínda que o ex-president tratou até o final de unirse á fórmula. Coñecedor de que as negociacións estaban avanzadas, o líder de JxCat manobrou a semana pasada ofrecéndose como número dous de Junqueras nunha candidatura de coalición entre JxCat (ou a Crida) e ERC. Pola súa banda, EH-Bildu non vía con malos ollos a inclusión dos postconvergents, baixo a idea expresada polo seu líder Arnaldo Otegi a favor da unidade de todos os independentistas do Estado, aínda que finalmente acabaron aceptando a condición de Esquerra.
ERC vetou a Puigdemont e Bildu intentou incorporar o PNV, que rexeitou a posibilidade
Durante o proceso de deseño da lista, os independentistas vascos tamén convidaron o PNV a unirse á candidatura, algo que estes rexeitaron. Ademais a formación Sortu, que controla a coalición de EH-Bildu, ten profundos vínculos coa CUP, polo que preferían esperar a que os anticapitalistas decidisen se acudían ou non ás europeas para poder integralos.
Pero, aínda que a CUP non decidiu aínda, ERC apremou para pechar a candidatura axiña, pensando en evitar que Puigdemont fixese novos xestos que interferisen na alianza a tres. Os vascos, pola súa banda, prefiren non dar por pechado nada ata que as súas bases falen.
O diario Gara avanzou este domingo que EH-Bildu someterá o acordo final ao que se chegue á súa asemblea do próximo 14 de decembro. Fontes da formación prognostican que "haberá debate", porque cada sector do partido ten diferentes afinidades en Catalunya. Respecto dos membros da lista, en todas as formacións as opcións están abertas. Os vascos pechan as súas primarias este domingo, ás que se presentaron o ex-eurodiputado Josu Juaristi, que é favorito, e a dirixente de Eusko Alkartasuna Lorena López de Lacalle.
O Bloque debate entre a súa militancia unha proposta para conformar unha coalición entre "as forzas nacionalistas das tres nacións sen estado do Estado español"
O BNG xa anunciou hai quince días que abrira o debate entre a súa militancia, á que propuxo "unha coalición electoral en torno a forzas nacionalistas das tres nacións sen estado do Estado español: Galiza, Euskal Herria e Catalunya" e unha fórmula de coalición "instrumental" na que o Bloque desenvolvería "a súa propia campaña, co seu programa específico e con candidatas e candidatos propias en función exclusiva dos intereses de Galiza". Agás sorpresa, Ana Miranda repetiría como cabeza de lista tras unha dilatada e recoñecida traxectoria na Eurocámara.
Por parte de ERC, ademais de Junqueras como cabeza de lista, o partido xa ten en mente unha persoa para que forme tándem co líder. Fontes da formación resérvanse aínda o nome da elixida, á espera de que ela acepte, pero avanzan que será unha muller, tal e como acordou este sábado a asemblea de mulleres de Esquerra, que esixiu ao partido listas cremalleira para o próximo 26 de maio. A candidata cumpriría ademais a condición de poder facer campaña en Catalunya, é dicir, non estar en prisión nin no exterior. Mentres, os dous eurodeputados republicanos, Josep Maria Terricabras e Jordi Solé, estarían dispostos a seguir.
Revalidar os votos e mellorar os escanos de 2014
Aínda que a composición da lista aínda non se tratou nas negociacións, ERC prevé colocar dous dos seus candidatos en postos de saída, os mesmos que conseguiu en 2014, e mesmo considera que podería aspirar a meter un terceiro na Eurocámara. Por parte de EH Bildu a idea é revalidar o seu actual escano e, como nas anteriores, o BNG aspira a, como mínimo, obter unha representante que se repartise medio mandato con outro.
Os partidos confían en sueprar o millón de votos que sumaron as candidaturas separadas en 2014
Nos cálculos de todas as fontes consultadas contémplase a posibilidade de superar o millón de votos que sumaron as súas candidaturas separadas en 2014, e conseguir agora máis escanos que daquela, cando entre L'Esquerra pel Dret a Decidir (ERC) e Os Pobos Deciden (Bildu e BNG) obtiveron 3 en total. Naquela cita, o Bloque obtivera máis de 80.000 votos en Galicia nuns comicios no que o PP caera en 200.000 votos e a esquerda superara amplamente a dereita tras a irrupción de Podemos e a resistencia de AGE.
Para EH-Bildu, ademais, o entendemento das esquerdas independentistas nas eleccións europeas podería ser o primeiro paso dun bloque unitario nas xerais, tal e como propón Otegi.
ERC preferiu, polo momento, deixar o debate sobre futuras fórmulas fóra da mesa de negociación para a candidatura europea. Os republicanos pola súa banda len este acordo como unha vitoria porque lles garante acudir ás europeas cunha coalición ampla e, sobre todo, permítelles desprenderse dos seus rivais de JxCat. De formalizarse o preacordo alcanzado, a lista de ERC-Bildu-BNG illaría a Puigdemont, que debería agora optar por acudir ás europeas en solitario ou facerlle as beiras ao PNV para concorrer xuntos, como fixeron en 2014, malia que as relacións entre eles deterioráronse.
Catro citas para un quebracabezas complexo
O entendemento entre o tres formacións cociñouse con gran cautela debido ao antecedente as últimas eleccións europeas, cando tamén se tentou unha fórmula de unidade entre ERC e EH Bildu que acabou fracasando. Segundo explican fontes dos partidos, catro reunións foron claves para o diálogo, sucedidas desde que Junqueras trasladou a varios dirixentes a súa idea este verán. A primeira ocorreu en Santiago de Compostela o 25 de xullo, Día da Patria, cando coincidiron dirixentes do tres partidos e se emprazaron a falar.
A partir dese momento, Otegi visitou a Junqueras en Lledoners o 10 de setembro e a portavoz do BNG, Ana Pontón, xunto á eurodeputada Ana Miranda tamén acudiron á cadea. Coincidindo coa concentración polo ano de prisión de Junqueras, o 1 de novembro produciuse a terceira reunión, cando delegacións dos tres partidos reuníronse de novo en Catalunya. A última cita tivo lugar o pasado domingo en San Sebastián, co gallo das consultas populares impulsadas pola entidade independentista vasca Gure Esku Dago. O líder de Bildu publicou unha fotografía con varios membros e dirixentes de ERC que desatou as especulacións.