Os "aloxamentos compartidos" da Xunta, 30 metros e porta aberta a non limitalos á mocidade

Os conselleiros de Vivenda e Xuventude, María Martínez Allegue e José López Campos, visitando o terreo que acollerá un dos aloxamentos compartidos en Vigo, o pasado abril CC-BY-SA Xunta

Vivenda aproveita o trámite dos Orzamentos de 2026 para fixar na lei características dos edificios coma os que xa impulsa en Santiago, Vigo e Lugo, onde permitirá "unidades habitacionais" dunha única estancia de 26 metros máis 4 de baño xunto a espazos comúns en complexos semellantes a unha residencia

Aproveitando o trámite dos Orzamentos de 2025 a Xunta lanzou os seus "aloxamentos compartidos", unha modalidade de vivenda protexida "transitoria" para mocidade e familias. Neste ano lanzou os tres primeiros proxectos, un en Santiago cuns 70 aloxamentos no mesmo terreo onde o Goberno de Feijóo cancelara 40 pisos para xente moza, outro en Vigo con 80 espazos e un terceiros con 50 en Lugo.

Con eses tres edificios na fase final da súa contratación -o de Santiago chegou a estar adxudicado, pero o proceso está paralizado por un recurso contra a adxudicación-, o Goberno galego volve aproveitar a tramitación das contas públicas, agora as de 2026, para reformar outra volta a lei de vivenda e concretar máis detalles sobre este tipo de aloxamentos. Dende as súas dimensións e características, con apartamentos dende 30 metros cadrados, ata a poboación á que van destinados, aspecto sobre o que a norma semella deixar a porta aberta a ir alén da mocidade -a efectos da norma, a xente moza é a menor de 36 anos-.

O presidente da Xunta e a conselleira de Vivenda, visitando unha parcela onde se construirán vivendas de promoción pública en Vigo, o pasado 21 de outubro CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

De entrada, a lei pasa de contemplar a existencia de "aloxamentos protexidos" como espazos destinados "a satisfacer con carácter estable as necesidades de habitación das persoas no que as instalacións e os servizos son comúns" a fixar a figura do "aloxamento compartido", unha "edificación residencial" de promoción pública ou privada "destinada a resolver a necesidade de residencia de persoas ou unidades de convivencia". "Deberán dispoñer de espazos de uso común que complementen o seu desfrute", sinala o texto a trámite no Parlamento.

Os detalles como superficies e outras condicións pasan do artigo que regula especificamente os aloxamentos compartidos para mocidade promovidos pola Xunta a outro xeral, que os contempla como vivenda protexida de promoción pública ou privada

A nova redacción da lei establece que estes aloxamentos compartidos "poderán ser cualificados como actuacións protexidas en materia de vivenda" -de promoción pública ou privada-. Como bosquexara hai un ano, especifica que cada "unidade habitacional de uso privativo", que legalmente será considerada "vivenda", terá que contar cunha superficie útil que "non poderá ser inferior a 30 metros cadrados". A esas unidades engádense "espazos do edificio de uso comunitario", aparcamentos para coches ou bicicletas e rochos.

Se hai un ano estes detalles ían incluídos nun artigo especificamente titulado "aloxamentos compartidos para a mocidade" (o 89 bis), agora quedan nun artigo independente (o 89). Deste xeito, a lei deixa a porta aberta a ampliar a poboación destinataria a esta modalidade de aloxamento alén dos proxectos que, como seguirá dicindo a lei, poida impulsar o Instituto Galego da Vivenda e Solo "coa finalidade de facilitar a emancipación da mocidade" e vocación "transitoria" -unha permanencia máxima xeral de tres anos que poden prorrogarse anualmente ata sete "en atención ás circunstancias económicas e laborais das persoas usuarias".

Tamén fóra do artigo dedicado á mocidade queda unha nova disposición adicional que determina as "condicións de habitabilidade" destes aloxamentos, que en gran medida supón plasmar na lei os requisitos marcados por Vivenda nos contratos dos proxectos xa en marcha. Así, por exemplo, explica que cada aloxamento debe ter zonas de "estar", "cociñar", "comer", "durmir" e "aseo", se ben "a zona para comer deberá integrarse nun único espazo coa zona para cociñar ou coa zona de estar" e que se "permiten aloxamentos dunha única estancia na que se integren as zonas para estar-comer-cociñar e durmir" nun único cuarto, só co aseo por separado.

"A zona para comer deberá integrarse nun único espazo coa zona para cociñar ou coa zona de estar"

A táboa de superficies anexa á lei ratifica que estes proxectos poderán ser semellantes a residencias, con aloxamentos de estancia única" dende 26 metros cadrados con 4 para o baño. Legalmente, non obstante, tamén hai lugar para apartamentos un chisco máis grandes; por exemplo, cun dormitorio separado e 28 metros máis os 4 do baño ou con dous dormitorios e algo menos de 40 metros cadrados en conxunto.

No que atinxe aos "espazos de uso común", son zonas para lavado e secado de roupa, "zonas de uso flexible" con "aseos próximos" e "un ou máis cuartos de limpeza". A reforma legal tamén completa equipamentos habituais en residencias xuvenís ou de estudantes, tales como "comedores comunitarios" ou "cociñas comunitarias".

Os orzamentos de Vivenda para 2026

A nova regulamentación dos aloxamentos compartidos chega anexa a uns Orzamentos Xerais de 2026 que aumentan a partida de vivenda case un 25%, ata os 255,90 millóns de euros. Neles volven destacar relevantes achegas de fondos europeos, coma os 36 millóns que cofinancian o total de 89 previstos para construír vivendas públicas en réxime de alugueiro social.

A partida xeral de vivenda nas contas públicas sobe un 25% e o IGVS chega aos 270 millóns de euros nun contexto no que a nova empresa pública Vipugal  "estima construír 2.350 vivendas no período 2026-2028"

Os fondos europeos, pero tamén un aumento dos fondos propios -na liña de inverter década e media de parálise practicamente total na materia-, permiten que o Instituto Galego da Vivenda e Solo volva incrementar os seus ingresos para 2026 e chegue aos 269 millóns. Son 48 máis que no ano previo. 

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, integra estas partidas nun montante total de 350 millóns de euros para "políticas de vivenda", contando entre outras as que manexa a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), cun orzamento de 77 millóns -40 transferidos dende o IGVS- co "estima construír 2.350 vivendas no período 2026-2028", din as súas contas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.