"Ninguén entendería que a Administración teña esta parcela parada", di o Goberno galego tras ter parada máis dunha década a parcela onde agora impulsa un "aloxamento compartido" cuns 70 apartamentos de 30 metros e espazos comúns
En Santiago, nunha parcela que deixou libre a construción da biblioteca pública Ánxel Casal, na avenida de Xoán XXIII, o último Goberno de Manuel Fraga planificou a construción dun edificio de vivendas de promoción pública para alugueiro á mocidade. O seguinte goberno de coalición de PSdeG e BNG, con Teresa Táboas como conselleira de Vivenda (2005-2009), desenvolveu a idea e proxectou 40 pisos de entre 40 e 50 metros cadrados.
Cando Alberto Núñez Feijóo chegou á presidencia da Xunta en 2009, o novo gabinete do PP apresurouse en presentar o proxecto como propio, substituíndo no valo que anunciaba a obra os logotipos do anterior Goberno polos do novo. Mesmo chegou a adxudicalo. Pero,en plena vaga de recortes deu en frealo e en 2014, co Concello de Santiago tamén gobernado polo PP, cancelouno por completo.
Agora, unha década máis tarde, o Goberno de Alfonso Rueda decidiu que xusto nesa parcela sexa onde se levante o primeiro aloxamento compartido para a mocidade que impulse a Xunta. "Vai ser unha iniciativa novidosa", salientaron este martes os conselleiros de Vivenda e Xuventude, María Martínez Allegue e José López Campos, que tentaron distanciarse do anterior proxecto tamén para a mocidade que podía estar en servizo desde hai máis dunha década.
O Goberno de PSdeG e BNG desenvolveu o plan bosquexado polo de Fraga e proxecto un edificio de 40 pisos de entre 40 e 50 metros por 110 euros ao mes para xente moza. O gabinete de Feijóo asumiuno como propio en 2009 e chegou a adxudicalo, pero despois paralizouno
O proxecto paralizado hai unha década prevía pisos de promoción pública de entre 40 e 50 metros en réxime de alugueiro por 110 euros ao mes sen opción de compra para mocidade con rendas baixas. Para cancelalo a Xunta e o goberno local do PP ofreceran todo tipo de argumentos: que era mellor trasladar a vivenda protexida ás aforas da cidade, que ese tipo de pisos nese lugar sairían máis caros ou mesmo que o proxecto "supoñía a construción de pequenos apartamentos, non de vivendas", como chegara a responder oficialmente ao Parlamento. Segundo esa última argumentación, os pisos para mozos e mozas dese tamaño "só dan resposta temporal á demanda de vivenda" e "implicaba excluír dos mesmos a todas as familias con fillos inscritas no Rexistro de Demandantes".
Máis dunha década despois, este martes os actuais conselleiros de Vivenda e Xuventude elixiron o interior da biblioteca Ánxel Casal para expoñer argumentos opostos. A carón do terreo en cuestión, Martínez Allegue e López Campos anunciaron con solemnidade, e como se alí non houbese previsto nada anteriormente, que nese lugar se erguerá "o primeiro" dos "aloxamentos compartidos" temporais que a Xunta quere impulsar para mozos e mozas menores de 36 anos.
Serán agora uns 70 aloxamentos dun mínimo de 30 metros cadrados, con espazos comúns, tamén en réxime de alugueiro por un máximo de 3 anos que se outorgarán en función da renda e outros criterios. Segundo o estipulado na lei de acompañamento dos Orzamentos para 2025, a estancia poderá prorrogarse ata sete anos en certos supostos e nestes espazos tamén poderán residir "unidades de convivencia" se cando menos un dos seus membros ten menos de 36 anos.
As razóns da mudanza década e media despois
Entre os argumentos que a Xunta ofreceu ata agora para suprimir o proxecto destacou que un apartamento e 40 ou 50 metros non é unha vivenda. A actual conselleira de Vivenda admite que existiu " un proxecto" e o de Xuventude agrega que "agora temos unha política de vivenda bastante ben definida"
E, por que agora a Xunta retoma a idea de Fraga e do bipartito de facer alí pisos de alugueiro para a mocidade? Responde dubitativa a conselleira de Vivenda: "Efectivamente había un proxecto para a construción de pisos, non desta modalidade de aloxamentos compartidos, e desbotouse naquel momento pola situación na que se estaba. Agora que temos esta parcela, que temos esa necesidade de emancipación e que temos esa posibilidade realizada agora [na lei de acompañamento dos Orzamentos] que permite estes aloxamentos compartidos con eses espazos comúns, é o que imos facer agora nesa parcela", di Allegue.
Pero a parcela xa a tiña a Xunta, a mocidade sempre tivo necesidade de emancipación, o Goberno galego do PP sempre tivo dende 2009 maioría absoluta para mudar a lei e crear aloxamentos compartidos, e hai dez anos o argumento ofrecido para cancelar o anterior proxecto foi que un apartamento para mozos ou mozas non era unha vivenda. A resposta agora chega de xeito máis extenso do conselleiro de Cultura e Xuventude: "Agora mesmo temos unha política de vivenda bastante ben deseñada".
"Estamos poñendo en marcha distintas iniciativas en materia de vivenda en Compostela e noutras cidades que nos permiten pensar nesta terceira alternativa, unha vía intermedia entre a vivenda tradicional pública en venda e a vivenda en alugueiro. O que pretendemos con este modelo é facer vivendas con espazos comúns que nos permiten que onde antes se podían facer 40 hoxe case esteamos pensando facer o dobre de vivendas, o que nos permitiría en menos tempo poñer máis vivenda no parque de vivenda de Compostela. Creo que é unha decisión acertada", abondou o conselleiro.
Fontes do Goberno galego restan importancia á paralización de máis dunha década: "O importante é que se vai facer"
López Campos mesmo asegurou que o anterior proxecto cancelado era "unha vivenda illada" pero que "agora é unha actuación máis global e máis integrada na cidade" que "tamén vén dar resposta a esa necesidade de autonomía que tamén ten a xente moza, que busca espazos máis versátiles con zonas comúns". Tras o acto publicitario dos conselleiros na biblioteca, fontes do Goberno galego restaron importancia á cancelación hai unha década da iniciativa de Fraga e o bipartito. "Aquilo era outro proxecto", din, mentres que agora "o importante é que se vai facer".
"Temos esta parcela, ninguén entendería que a Administración teña esta parcela parada", engaden as mesmas fontes do Executivo, que a única resposta que dan a que esa parcela deixe de estar parada máis dunha década despois é que "é mérito de Rueda". En 2020 co actual presidente na vicepresidencia da Xunta e con competencias en materia de Turismo, a Xunta do PP acordara co consistorio compostelán, na altura encabezado polo socialista Sánchez Bugallo, converter a parcela en xardín "cara ao Xacobeo 2021" coa finalidade de "reducir o impacto visual" na contorna, moi transitada por peregrinos e turistas.