O resultado da votación era previsible, pero o argumentario ampliouse. Este xoves a deputada do BNG Ana Pontón levou á comisión de Infraestruturas do Parlamento unha proposición para rexeitar a operación urbanística pola cal Xunta e Concello de Santiago liquidan un proxecto de vivendas protexidas para xente nova en pleno centro e permiten no seu lugar pisos dunha promotora privada. Para Pontón, a permuta desta parcela por outra para construír pisos protexidos "no extrarradio", a uns 4 quilómetros do centro, supón priorizar o "interese de promotores privados por riba da vivenda pública" e do "acceso da mocidade á vivenda nun lugar privilexiado". Para os populares a operación é intachable e ademais, xustificada. As vivendas protexidas no centro "sáen moito máis caras", aseguran.
"A primeira operación urbanística de Agustín Hernández lembra moito ás actuacións do señor Conde Roa", lamentou Pontón, para que esta promoción de pisos para mozas e mozos, nada en tempos de Fraga, impulsada polo bipartito e adxudicada polo propio Hernández como conselleiro, tería que ser prioritaria. A reclamación do Bloque atopou apoio en AGE, que a través de Antón Sánchez rexeitou que os pisos protexidos sexan "vivendas de segunda para cidadáns de segunda", e tamén do PSdeG, que por medio do deputado e ex alcalde compostelán Xosé Sánchez Bugallo lamentou esta "última saída de pata de banco" do PP compostelán. Esta, di Bugallo, é unha actuación "lamentable" que permitirá a unha construtora privada "especular na única parcela de titularidade pública edificable que queda na cidade histórica" da capital.
Pontón (BNG): "A primeira operación de Hernández lembra moito ás de Conde Roa"
Os argumentos da oposición bateron contra a maioría absoluta do PP, representado polo seu voceiro en materia de vivenda e portavoz municipal no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira. De entrada, Castiñeira desdeña as críticas de Bugallo, a quen lle atribúe que "aínda non asimilou que perdeu as eleccións" en 2011. O resto de grupos, teoriza, non se opoñen a este movemento en concreto. "O que lles doe -proclama- é que o señor Hernández ten unha gran valoración e vai seguir sendo alcalde despois de maio". "É difícil de asumir", pero "é o que hai", asegura.
Castiñeira (PP) acusa a oposición de "querer que Santiago non teña 36 vivendas"
Alén da crítica política xenérica, Castiñeira admite que "posiblemente" houbo "un concurso no seu día" para construír estes pisos que eran "estudios, non vivendas", di. "Pode ser moi respectable meter as vivendas nos cascos históricos, pero saen moito máis caras", afirma, e por iso, o que debera pórse "en primeiro lugar" é "que a xente teña unha vivenda". Grazas á Xunta e ao Concello "o que se consegue é facer 36 vivendas, non estudios" e por iso os populares non atenden á petición de executar o plan tal e como estaba previsto. "O que queren -acusa- é que Santiago non teña 36 vivendas".
O razoamento de Castiñeira é para Pontón unha mostra de que o PP, cando menos neste asunto, xa entrou "nunha fase sideral na que non teñen argumentos", toda vez que resulta "ridículo, dende o punto de vista político, dicir que un estudio non é unha vivenda". Aleń disto, a xuízo da parlamentaria o que fica claro é que "o único que se fai é que a vivenda protexida marche para o extrarradio" nun contexto no que, dende o seu punto de vista, cabe preguntarse se "o que se estará escondendo será o financiamento da campaña do señor Hernández". "Os intereses do PP antepóñense aos xerais, vostedes saberán o que avalan", conclúe.