"Vivenda libre" promovida por unha construtora privada na privilexiada parcela que, a 400 metros da Catedral de Santiago, na avenida de Xoán XXIII, ía acoller un edificio de pisos protexidos de aluguer para xente moza. A cambio, a construción de 36 pisos de promoción pública, pero a uns catro quilómetros do centro. A operación urbanística anunciada polo alcalde compostelán e bendecida pola súa sucesora na Consellería de Infraestruturas que implica botar por terra o proxecto de alugueiros que el mesmo adxudicou como conselleiro ergueu, case dende o primeiro momento, suspicacias na capital de Galicia. Dentro e fóra da casa consistorial medran as voces que ven neste movemento unha priorización do "negocio" sobre a política social de vivenda. Mentres, quen é o terceiro rexedor da cidade no que vai de mandato opta polo comodín do bipartito.
"A primeira operación urbanística na que intervén Agustín Hernández recorda, tanto na forma como no fondo, propostas do pasado do señor Conde Roa", di o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela, para quen fica demostrado que o cambio de "cara dos alcaldes" non implica mudanza na "política do PP". Para o aspirante do Bloque á Alcaldía compostelá resulta "evidente" que "o valor desa parcela", protexida da especulación durante décadas, "é moi superior ao custo" das vivendas sociais que "din que van executar" no barrio periférico de Lamas de Abade. "Isto é un bo negocio para un promotor privavdo, mais non é política de promoción da vivenda pública", algo que si era o proxecto de "vivenda pública para xente nova en réxime de alugueiro cun máximo de 10 anos, precisamente sen opción de compra para evitar movementos especulativos", lembra.
Cela (BNG): "Isto é un bo negocio para un promotor privado, non política de vivenda pública"
Mentres o BNG local censura que os conservadores regresen ao modelo de emprazar os pisos protexidos o máis lonxe posible dos centros das cidades dende o PSdeG o seu voceiro, Francisco Reyes, ve tamén evidente a procura do negocio e a intención política da medida. Mentres o propio alcalde, subliña, anuncia a revisión do Plan Especial do Casco Histórico alegando, entre outros motivos, a necesidade de asentar poboación na zona monumental, "mandamos a mocidade e os pobres fóra" mentres "os que teñen cartos, lles ofrecemos vivendas luxo" en pleno centro. En Xoán XXIII moveranse montantes económicos de ata 500.000 euros, asegura Reyes, que ve constatado o "fracaso da política social" do rexedor.
Reyes (PSdeG) "Mandamos a mocidade fóra e a quen ten cartos, ofrecémoslles vivendas de luxo"
Tamén Compostela Aberta saíu ao paso da liquidación do proxecto de Xoán XXIII. Para a plataforma, que traballa na elaboración dunha "candidatura cidadá" para as municipais, é "inxustificable" o "regalo" dunha "parcela nun lugar privilexiado" que, di, é representación da "política de expulsar aos barrios periféricos" as persoas que optan a unha vivenda protexida. "A crise non pode seguir empregándose como xustificación para a privatización de solo público", subliñan, nun contexto no que advirten de que a medida contradí tamén o "espírito" da vixente lei do solo e tamén da súa reforma, que o PP está a tramitar. Nesa lexislación, lembran, a vivenda protexida está encamiñada a "favorecer a cohesión social e evitar a segregación territorial dos cidadáns e cidadás por razón do seu nivel de renda".
Hernández culpa o bipartito da supresión das vivendas, que a súa propia consellería chegou a adxudicar
Mentres lle choven as críticas Hernández ve "evidente" que "poderíamos adoptar a decisión de facer vivenda pública en Xoán XXIII", como decidiran o goberno de Fraga, o do bipartito e tamén o de Feijóo nun contrato adxudicado pola súa propia Consellería. Pero "para facer iso necesítaríamos achegar recursos" que "non temos" pola "política que fixo o Goberno onde estaba o señor Cela", resolve, máis de media década despois do retorno do PP a San Caetano.