Unha das primeiras decisións de Agustín Hernández como alcalde de Santiago en substitución de Ángel Currás foi a liquidación do proxecto de vivendas de promoción pública para a mocidade ubicadas na céntrica avenida de Xoán XXIII, a uns 400 metros da Catedral, que foran concibidas polo Goberno Fraga, impulsada polo bipartito e adxudicadas por el mesmo como conselleiro de Infraestruturas. O pacto entre Hernández e a súa sucesora na Consellería, Ethel Vázquez, implicaba erguer nesa privilexiada parcela un edificio de vivendas de promoción privada, e a construción, a cambio, de pisos protexidos nos arrabaldes da cidade. O novo goberno local rexeitou seguir adiante co proxecto pero, no entanto, a Xunta segue a xustificalo, argumentando para tal fin que un apartamento non é unha vivenda.
En setembro de 2015 os deputados do BNG Ana Pontón e Cosme Pombo rexistraron no Parlamento unha pregunta na que instaban a Consellería de Infraestruturas a aclarar o seu "proxecto" para a parcela de Xoán XXIII e "as súas previsións a respecto do proxecto de construción de 40 vivendas protexidas" nese espazo. Dado que o actual equipo de goberno da cidade, de Compostela Aberta, ditaminou -co apoio do PSdeG e do propio Bloque- que "a decisión non vai ir adiante", os parlamentarios avogaban nese escrito por "recuperar o proxecto" de "31 estudos e nove apartamentos de dous cuartos" destinados á mocidade en réxime de alugueiro. A medida, argumentaban, sería "positiva" para "evitar a especulación" e asentar novos habitantes no centro histórico da capital galega.
A Consellería sentencia que "o proxecto do bipartito" -foi iniciado con Fraga e adxudicado cando Hernández era consellleiro- supuña "a construción de apartamentos, non de vivendas"
Hai poucos días o Parlamento recibiu a resposta ás preguntas de Pontón e Pombo, na que a Consellería segue dando por bo o acordo da etapa de Hernández aínda que o Concello xa o desbotase. A "permuta" decidida en 2014, di a Consellería "permite rendibilizar ao máximo os recursos públicos dispoñibles" e trae consigo un "beneficio social indubidable" fronte ao que denomina como "proxecto do Goberno bipartito", aínda que nacese con Fraga e fose adxudicado polo propio Hernández. Ese plan, di o Executivo "supoñía a construción de pequenos apartamentos, non de vivendas". Esta rechamante diferenciación, engade, "implicaba excluír dos mesmos a todas as familias con fillos inscritas no Rexistro de Demandantes" de vivenda protexida.
A Xunta recortou o orzamento para a construción de vivenda pública máis dun 90% dende 2009
Con independencia de que a definición de "apartamento" sexa, tanto lingüística como arquitectonicamente, o dunha "vivenda" cunhas determinadas características -en canto a dimensións e outros aspectos-, o Goberno bota man desa liña argumental para concluír, asemade, que "os pequenos apartamentos contemplados no proxecto do bipartito" só "dan resposta temporal á demanda de vivenda", xa que "a realidade demostra que a demanda é para vivendas de maior superficie" as cales, en calquera caso, aínda non comezaron a ser impulsadas.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda realiza estas valoracións nun contexto no que, no seu primeiro ano con esta denominación -ata a última crise de Goberno o Instituto Galego de Vivenda e Solo dependía da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas-, mantén o orzamento para a a construción de vivendas de promoción pública en niveis mínimos. Así, nos orzamentos de 2016 esta partida ascendeu a 4 millóns de euros, apenas medio millón máis que en 2015, polo que o recorte acumulado dende 2009, tal e como amosa o gráfico por baixo destas liñas, supera o 92%.