Unha das primeiras decisión en 2009 materia de vivenda da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o macro departamento no que o primeiro Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo aglutinou as noutrora consellerías de Medio Ambiente, Política Territorial e Vivenda, foi mudar os logotipos dos valos que arrodeaban unha parcela situada a apenas 400 metros da Catedral de Santiago, na avenida de Xoán XXIII. Os emblemas do Executivo da área de Vivenda do Executivo de coalición foron substituídos polos do novo departamento, que Feijóo encomendara a Agustín Hernández. Agora, o Goberno galego disponse a facer alí un xardín "cara ao Xacobeo".
O plan para construír este edificio de vivendas públicas de alugueiro a apenas 400 metros da Catedral de Santiago foi lanzado en tempos de Fraga, impulsado polo Goberno de PSdeG e BNG e adxudicado nunha primeira fase polo Executivo do PP de Feijóo, pero nunca se realizou
Aquela mudanza de imaxes trataba de evidenciar que era o Executivo do PP quen ía acabar de impulsar o proxecto, un edificio de vivendas de promoción pública para xente moza. O plan fora lanzado en tempos do Goberno de Manuel Fraga, co propio Feijóo como conselleiro, e impulsárao a Consellería de Vivenda da coalición de PSdeG e BNG, que o dotara con 3,6 millóns de euros. Con ese orzamento, argumentara a daquela conselleira Teresa Táboas, protexeríase da especulación urbanística un espazo privilexiado ás portas do casco histórico compostelán, que ademais disporía dun novo edificio singular saído dun concurso de arquitectura.
Aquel primeiro concurso quedara deserto e foi o Goberno do PP quen volveu convocalo, chegando a resolvelo e a adxudicar o proxecto para poñer en marcha as obras. Pero os traballos nunca saíron do papel e en 2014 a Xunta e o Concello de Santiago, xa co propio Hernández como alcalde, acordaran cancelar o edificio de vivendas públicas e substituílo por pisos de promoción privada. Os pisos públicos pasaban, segundo aquela decisión, a un terreo de propiedade municipal nun barrio da periferia.
Pero en maio de 2015 mudou a cor política do Concello santiagués. O novo goberno local, de Compostela Aberta, opúxose ao proxecto de vivendas privadas a 400 metros da Catedral mentres, no Parlamento, a Xunta defendía a súa proposta, indicando nunha resposta ao BNG que o que alí ía construír o bipartito eran "apartamentos" e non "vivendas". Mentres, o valo que arrodeaba a parcela pasou uns meses pintado de branco, despois foi cuberto cun graffiti e despois comezou a sufrir os efectos da chuvia, do vento e do paso do tempo.
O convenio ten como destino "reducir o impacto visual" da parcela "cara ao Xacobeo 2021", se ben o Concello asegura que a súa preferencia segue a ser que acabe acollendo "vivendas en réxime de protección para o alugueiro"
Catro anos despois, en 2019, o goberno de Santiago volveu mudar de cor e no seu retorno, o socialista Xosé Sánchez Bugallo dixo ser partidario de que na parcela haxa "vivendas en réxime de protección para o alugueiro". Así o reiterou o pasado mércores, cando asinou coa actual conselleira con competencias en materias de vivenda, Ángeles Vázquez, un convenio para converter a parcela por tempo indefinido nunha pequena zona verde. A Xunta asume as obras de transformación e o Concello, o mantemento.
Segundo a conselleira, ese "axardinamento" é "unha primeira fase" para "reducir o impacto visual" da parcela "cara ao Xacobeo 2021" nunha zona pola que transitan gran número de turistas e peregrinos. Despois, di, o Goberno galego fará "unha valoración técnica e económica" para determinar como a parcela acaban acollendo "vivenda protexida". O tipo de pisos que alí haberá e o horizonte temporal no que isto podería suceder aínda non está determinado. Máis dunha década despois, non obstante, desaparece o valo circundante.