No primeiro trimestre de 2019 chegaran a Santiago 11.244 peregrinos, segundo a estatística oficial. Máis de 7.400 deles retiraran a súa Compostela durante o mes de marzo, inicio dun ano que rematou con case 350.000 peregrinos, un récord histórico que a Xunta se propuña superar en 2020, pórtico do Xacobeo 2021. O 55% das 347.578 que fixeron o Camiño nese ano eran visitantes internacionais, destacando especialmente as procedentes de Italia (máis de 28.000), Alemaña (máis de 26.000) e Estados Unidos (máis de 20.000).
A maioría das voces expertas coinciden en que o levantamento do confinamento será gradual e implicará manter durante un tempo aínda indefinido restricións nas viaxes e nas concentracións de persoas, base dun sector que rolda o 10% da economía galega
Estas cifras e esperanzas gobernamentais nelas bateron neste inicio de 2020, como todas as demais, coa pandemia do coronavirus, que conxelou indefinidamente un sector, o turístico, que o Goberno galego quería converter en bandeira da lexislatura á calor do Ano Santo. A estatística da Oficina do Peregrino reflicte dende mediados de marzo a lenda Esta mañá chegaron 0 peregrinos e, así e todo, a Xunta segue aferrándose a un Xacobeo incerto mentres as empresas do sector, grandes e pequena, piden apoio nun escenario inédito.
As primeiras medidas da emerxencia sanitaria e do estado de alarma bateron directamente nun sector que, segundo datos de Turismo de Galicia, supuxo durante o pasado ano un 11,3% da poboación activa e arredor de 123.000 empregos. A maioría, no eido da restauración e asalariados. A Consellería de Cultura e Turismo traballa con cifras que indican que o 10,4% do Produto Interior Bruto do país está ligado ao turismo. Isto é, unha décima parte da riqueza do país.
Este é o pano de fondo no que Administracións e empresas din estar dispostas a adaptárense ás circunstancias tras a pandemia. O que o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, definiu a pasada semana como "nova normalidade" ata que exista unha vacina para a covid-19. O novo escenario que, segundo coinciden a maior parte das voces expertas, pasará por un levantamento gradual do confinamento e, máis alá del, polo mantemento de limitacións nas viaxes e nas concentracións de persoas. Pola base do turismo.
A aposta post-pandemia da Xunta continuará a ser o Xacobeo 2021 e, malia ás incertezas sobre as viaxes, di ver no Camiño un "motor de recuperación económica tras a crise sanitaria"
Neste contexto, a Xunta di prever investir "máis de 25 millóns de euros para, entre outras medidas, deseñar accións de promoción unha vez remate a crise". Tamén, segundo avanzou o conselleiro Román Rodríguez nunha xuntanza extraordinaria do Consello Galego de Turismo celebrada este martes a través de internet, para elaborar "un plan de seguridade sanitaria no eido turístico" que "permita reforzar a confianza neste sector unha vez rematen as restricións". "O futuro desta actividade debe pasar por garantir a máxima seguridade e saúde dos viaxeiros e facer de Galicia un destino 100% seguro", sinala o Executivo.
Nesta liña, algunhas das institucións presentes na xuntanza, como a Deputación de Pontevedra a través da súa presidenta, Carmela Silva, propuxeron medidas para infundir "confianza" en potenciais visitantes, como "un selo de confianza que poida estenderse a museos, praias ou piscinas", un modelo de "turismo verde e saudable" dirixido especialmente ao "turista de proximidade". Neste sentido, sinalou Silva, mentres agarda polos resultados "dun estudo para analizar o impacto da COVID-19 na provincia" neste eido, a Deputación pontevedresa ver conveniente tamén "facer un esforzo por crear paquetes turísticos entre Galicia e Portugal".
Mentres estas medidas se concretan, a Xunta xa avanza que a súa aposta post-pandemia continuará a ser o Xacobeo. Así, o Goberno galego di estar convencido da "importancia do Camiño como motor de recuperación económica tras a crise sanitaria" e por iso pediu ao Goberno central unha convocatoria extraordinaria do Consello Xacobeo -que xunta o Estado coas autonomías polas que pasa o Camiño- a través de internet para "abordar o impacto da crise do coronavirus no Camiño". Todo, nun contexto de fronteiras pechadas, limitacións das viaxes e hixiene reforzada.
Axudas para reabrir
Estes anuncios, dende os máis xenéricos aos máis concretos, son en xeral ben recibidos pola representación do sector. É o caso do Clúster Turismo de Galicia a asociación empresarial intimamente ligada á Xunta que agrupa diferentes compañías do sector e que, tras a xuntanza do Consello de Turismo, subliñaba a necesidade de "medidas áxiles e eficaces" por parte de "todas as administracións" en materia estritamente económica, pero tamén para "planificar a saída das restricións".
A asociación que agrupa a hostalería de Lugo calcula unha caída de entre un 30% e un 40% da facturación anual pola pandemia
Neste sentido pronunciábase tamén esta semana a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL), que manexa estimacións dunha caída de facturación de entre o 30% e o 40% para este ano por mor da pandemia nuns negocios estreitisimamente ligados ao turismo. "O 93,02% dos hostaleiros afirma que tivo que cesar totalmente a actividade" e unha escasa proporción, inferior ao 3%, "mantivo servizos de entrega a domicilio", indica.
"As autoridades deben acompañar a reapertura dos locais sen limitación cunha mensaxe inequívoca de que a cidadanía pode volver frecuentalos sen medo"
Con estas primeiras cifras na man, a APEHL dirixiuse xa formalmente á Xunta, á Deputación de Lugo e mais aos 67 concellos da provincia para expoñer un catálogo de reivindicacións que van comezan por pediren "eliminar o requisito de manter o emprego durante un período de 6 meses" dende a reapertura de empresas que aplicasen ERTE por causa de forza maior. "Pasado o estado de alarma, as reestruturacións de persoal serán unha medida dolorosa, pero inevitable en moitas empresas", afirman. Os ERTE, consideran, tamén deberan poder prolongarse nas mesmas condicións alén do estado de alarma.
Nesta liña, e ante a posibilidade de que a reapertura traia consigo restricións iniciais como límites ao aforamento máximo dos locais, a APEHL reclama "que esta fase de transición se inclúa dentro do estado de alarma" para poderen continuar acolléndose ás medidas de apoio e, deste xeito, que "a fin do estado de alarma e a reapertura da hostalería sen restricións se produzan simultaneamente". "As autoridades deben acompañar a reapertura dos locais sen limitación cunha mensaxe inequívoca de que a cidadanía pode volver frecuentalos", resumen, nun contexto no que insisten na necesidade de que non haxa "mensaxes contraditorias" e se impulsen as "precaucións que resulten necesarias" para paliar o "medo ao contaxio".