O pequeno comercio prepárase para unha caída do consumo tras o confinamento e apela á conciencia cidadá

Carteis chamando a consumir no comercio local pegados no escaparate dunha tenda, nunha imaxe de arquivo © Asociación de Comerciantes Zona Aberta

O comercio local prevé unha caída do consumo unha vez se retiren as medidas de confinamento, debida á perda de ingresos e ao temor dos cidadáns a quedar sen traballo, e chama aos consumidores a que fagan unha aposta consciente polos negocios de barrio, que acumulan xa existencias nos almacéns e, no caso dos de alimentación, que seguen abertos, notan a preferencia dos consumidores por superficies máis grandes.

Ante este escenario, algúns concellos comezaron a aprobar medidas para tratar de atenuar os efectos sobre o tecido comercial. En Lugo púxose en marcha unha campaña co lema “botámoste de menos...e queremos verte moi pronto” e eximiuse do pago do alugueiro municipal a empresas e comerciantes do mercado e a praza de abastos. Todas as cidades galegas avanzaron que haberá adiamentos nos pagos de impostos e taxas.

A Federación de Comercio teme que as existencias acumuladas para a tempada de verán non se dean vendido cando se recupere a normalidade

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López, destacou que o sector galego estaba xa “nunha situación crítica”, polo que o futuro vai ser “pouco agradable”. O aumento do paro e a incerteza, indicou, provocarán que o consumo “se retraia moito”. No caso dos negocios de roupa e calzado os artigos para a primavera e o verán xa están nos almacéns e o temor é que “para cando se dea aberto” xa teña pasado boa parte da tempada, engadiu. 

Unha rúa comercial do centro de Lugo, con pequeno comercio e instalacións de grandes cadeas © Turgalicia

Moitas pequenas tendas de alimentación tamén están a notar os efectos da crise sanitaria e teñen menos vendas pese a que figuran entre as actividades esenciais que seguen a traballar. “A xente prefire as grandes superficies e os supermercados porque compra os artigos de primeira necesidade e outros nunha soa viaxe”, reflexionou Seijas. Hai, engadiu, problemas de “subministración" nalgúns casos. “Non cabe dúbida de que está afectando”, dixo.

Os comerciantes destacan que, aínda que as tendas de alimentación seguen abertas, notan descensos dos ingresos porque os consumidores optan polos supermercados

Aínda que nin o pequeno comercio nin as superficies de maior tamaño ofrecen datos de facturación destas últimas semanas, os representantes do primeiro coinciden en que as compras concéntranse nos supermercados.

O responsable do Centro Comercial Aberto Ourense Centro, Luis Rivera, asegurou que os postos da praza de abastos notaron unha gran caída nas vendas. “Baixan todos os días ás 6:00 da mañá. Están coma tolos para vender medio quilo de mandarinas”, expuxo e destacou que moitos destes negocios dan servizo aos que viven no casco vello da cidade, “que non son precisamente os máis novos”.

Ante a incerteza sobre o momento e as condicións nas que rematarán as medidas de confinamento, os comerciantes ourensáns estanse “preparando para mañá, para o que é o máis perentorio, e para mandar unha serie de propostas” ao Concello e á Deputación. O máis urxente, dixo, son medidas para axudar a pagar os alugueiros e os gastos fixos. 

Os negocios locais reclaman medidas para afrontar os gastos fixos, como o do alugueiro

“Pensar no que vai ocorrer dentro dun mes ou tres meses é ciencia ficción, hai que atender o día a día. Podo intuír que será complicadísimo porque a volta será gradual e o consumo caerá estrepitosamente”, indicou. O punto positivo na súa cidade, agregou, é que “hai moito funcionario e eles van manter o seu poder adquisitivo”.

Comercios na rúa Real da Coruña CC-BY-NC-ND underthemoonjp

O responsable da asociación Comercio Punto Compostela, José Antonio Seijas, sinalou que o impacto económico é, polo momento, “imposible de calcular”, pero as cifras van ser “moi serias”. Considerou que o problema das tendas pequenas é “máis grave que o da hostalaría” e que estes negocios son “os grandes damnificados”. Os bares e restaurantes, argumentou, non traballan cunhas existencias coma as das tendas de produtos de moda. “Nós temos os almacéns cheos de mercadoría, e non é a dun día, é a de seis meses. O do comercio vai ser dramático”, afirmou.

Neste sentido, indicou que os negocios de roupa e calzado están preparados para abrir con produtos para o verán. “O material témolo. O único que nos falta é a quen venderllo”, manifestou. “A vida segue, pero de que maneira vai seguir para nós? Non o sabemos”, lamentou.

Apostan por campañas para promocionar o pequeno comercio e lembran que é "xerador de riqueza" e "ambiente" en vilas e cidades

As asociacións de comerciantes coinciden en pedir aos consumidores que teñan en conta o papel e a situación do comercio de barrio e que opten por estes negocios cando a situación se normalice. “Se o pequeno comercio cerra, e estase a ver estes días, as cidades están mortas. Para que as vilas poidan seguir tendo luz e ambiente, témonos que convencer de que o pequeno comercio é xerador de riqueza”, resumiu José María Seijas López. A federación, engadiu, xa mantivo contactos coa Consellería de Economía, á que lle pediu “unha gram promoción” unha vez se levante o estado de alarma. 

Os comerciantes reclaman tamén apoios aos concellos, que comezaron a anunciar medidas que lles afectan a estes negocios. Lugo concretou varias liñas, entre as que están axudas de 5 millóns de euros para autónomos, pequenas empresas e familias. Ademais, complementará as contías que perciban as persoas afectadas por un ERTE e os autónomos con prestación por cese se actividade ata o 100 por cento do seu salario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.