Autónomos, ante a falta de ingresos polo coronavirus: "O que nos dá medo é ter que volver empezar"

Cartel nun comercio coruñés informando das medidas que se deben tomar contra o coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

Pilar Lozano e Fran Usero son os donos de Enérxica, un centro de adestramento de Ferrol. Son autónomos, integrados nunha unión de cooperativas, e as súas preocupacións polo cese de actividade provocado polo coronavirus van, coma as de moitos outros traballadores por conta propia, máis alá das semanas que teñan que manter o seu negocio pechado. “Queremos conservar os nosos clientes na medida do posible. O que nos dá medo é ter que volver empezar”, di Usero.

Autónomos e profesionais que quedan sen ingresos recorrerán aos aforros para pasar as próximas semanas ou meses

Profesionais de diferentes ámbitos que traballan como autónomos ou por conta allea, pero que se ven sen uns ingresos cos que contaban nos próximos meses, prepáranse para botar man de aforros e analizan as medidas gobernamentais. Algúns deles comezaron a facer uso das mesmas. Mohamed Azibou, coñecido como Moha, é o propietario dun afamado negocio de hostalaría en Santiago, que mudou hai dous meses de local e de nome: A Sucursal de Moha. 

Os seus 11 traballadores están afectados por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) e di que quere recuperar ao seu equipo cando a crise polo coronavirus pase. Preocúpalle o estado no que vai chegar a ese momento. “É un mes no que pechamos, con ingresos cero e gastos fixos de alugueiro, luz e auga”, indica e concreta que a cantidade que terá que desembolsar non será inferior a 6.000 euros. “Cando empece, vou empezar por debaixo de cero”, agrega.

Imaxe da campaña dos grupos de apoio mutuo da Coruña a prol do comercio local © GAM A Coruña

A porta "estará aberta a todo o mundo, e benvidos sexan", afirma, pero prevé que "vai ser moi difícil" e teme "dous ou tres meses de ambigüidade". "Non é só a crise. Despois que vai pasar? A xente tamén deixa de ingresar", reflexiona.

Algunhas iniciativas chaman aos veciños a apoiar o comercio local e a volver comprar nos negocios de sempre cando se recupere a actividade

En varias localidades galegas comezan a aparecer chamados a que os clientes apoien o pequeno comercio e volvan facer as súas compras ás tendas locais unha vez terminen as medidas excepcionais para tratar de frear os contaxios. Na Mariña, unha campaña lembra que os peches se fan polo ben social e dilles aos consumidores: "Volverei abrir, espérame". Os grupos de apoio mutuo da Coruña tamén tratan de promover o respaldo a estes negocios cunha mensaxe: "Merca na tenda da esquina. Apoia aos teus veciños".

Os responsables de Enérxica están pensando se devolver metade do pago mensual aos clientes. Moitos deles, explica Usero, son á súa vez autónomos que tamén quedan sen ingresos e é consciente de que, aínda que o deporte é unha actividade importante, en momentos de apuro económico "é prescindible" ir a un centro de adestramento. O seu negocio ten sete anos e este, engade, "era o primeiro ano" no que comezaban "a respirar". Agora sente "moita incerteza", pese a que, polo momento, non teñen "a auga ao pescozo".

Este era "o primeiro ano" no que os donos do centro de adestramento Enérxica comezaban "a respirar" despois de sete co seu negocio aberto

A súa socia indica que, en previsión do que ía ocorrer, foi gardando "na conta da cooperativa cartos" e eles non cobraron as nóminas de febreiro. Os seus gastos fixos mantéñense e calcula que nun mes pechados deixarán de ingresar entre 6.000 e 7.000 euros. Lozano fai tamén un recoñecemento ao persoal da unión de cooperativas na que se integran, Espazo Coop, que está traballando "máis ca nunca" estes días.

A propietaria da libraría Os mundos de Carlota, en Santiago, Nathalie Budiño, destaca que o futuro se lle presenta "complicado", pero ten unha carga menos porque a súa caseira decidiu non lle cobrar o alugueiro de abril e iso é "unha gran axuda". Despois dunha semana coas portas pechadas, di que o que lle preocupa é o que dure esta situación, pero declárase "optimista". Chama a deixar a un lado a visión de negocio e a "remar todos xuntos".

Unha persoa revisa facturas © S.P.

A cultura, un sector sobre o que as medidas de confinamento puxeron a atención na busca de entretemento, tamén afronta semanas de inactividade e cancelación de proxectos. Pablo Pérez Sanmamed é músico. Toca o contrabaixo, compón e dá clases, pero ningunha destas actividades se mantén desde que se declarou o estado de alarma. "Hoxe en día está todo paralizado", afirma e sinala que esta era a época na que ían comezar as contratacións para o verán e os festivais.

O músico Pablo Sanmamed teme que a situación sexa semellante á de hai dez anos e destaca que neste sector "xa hai bastante precariedade"

"Non se sabe que vai pasar. Se tiñas algo pechado, xa veremos se o mantés. Se non, é volver empezar", expón. No seu sector súmase que "xa hai bastante precariedade laboral" e non todo o mundo ten agora o recurso aos aforros. Teme volver ver o panorama de hai dez anos. "Incerteza? Claro. É un sector no que xa se veu na anterior crise. Isto do coronavirus é unha desgraza, pero o que pode vir despois pode ser terrible", asegura.

El ten a súa formación propia, Pablo Sanmamed Trío, e participa noutras como Banda Crebinsky. Estaba a traballar nunha composición para unha compañía de teatro, pero ese encargo está "paralizado". Calcula que, "no mellor dos casos", se isto se prolonga ata maio, suporalle un impacto económico de entre 2.500 e 3.000 euros. "A realidade é que cando isto acabe haberá que traballar do que sexa", adianta.

Sanmamed pide aproveitar estas semanas para volver pensar nas prioridades e que iso se note no comportamento e no sentido do voto porque, denuncia, producíronse recortes en sanidade. "O guai sería que todos fixésemos unha reflexión gorda e a ver se empezamos a pensar como especie", conclúe.

Pablo Sanmamed Trío durante unha actuación © Jerry Noia

Tamén cre que esta é unha oportunidade para que "a xente decida cales son as cousas importantes" Carlos Coira, un dos tres propietarios da librería Trama, en Lugo, que ve a situación como "unha distopía", que se ten que amañar "socialmente, non individualmente".

Algunhas librerías, como Trama, en Lugo, apostan polas vendas a través de Internet e lembran que o pequeno comercio usa tamén esta canle

No caso de seu negocio, están a apostar polo seu sitio web e as vendas a través de Internet facilitando os envíos e os pagos. Atenden tamén por teléfono, explica Coira, que sinala que a única empregada que teñen estará afectada por un ERTE "se non perde ningún dereito". "Aforrar a Seguridade Social é unha táboa de salvación porque de repente cortas os ingresos radicalmente", asegura.

As librerías son negocios que viven "ao día" e se pechan "é o abismo". Coas vendas en liña están logrando nestes primeiros días entre o 10 e o 15 por cento do que ingresaban un día normal, pero confía en que, se a situación se alonga, a xente vaia coñecendo máis que os pequenos comercios tamén envían a domicilio e aumenten as vendas. Con todo, agradece que algúns clientes lles digan que garden os seus pedidos e que os irán recoller cando volvan abrir. "A xente segue aí", destaca.

Para non ter a impresión de empezar "de cero" cando volvan abrir, pensan facer vídeos con recomendacións de lecturas

O peche, indica, está coincidindo co mes de marzo, cuxa segunda quincena vén sendo nos últimos anos "a peor" para eles. Para "non pechar radicalmente" están pensando en facer vídeos para as redes sociais con recomendacións de lectura. Deste modo, di, non empezarán "de cero" cando abran as portas de novo.

Aeroporto de Santiago de Compostela Dominio Público Aena

Aínda que non é autónoma, Tamara Macenlle, que foi coordinadora de voos en diferentes compañías no aeroporto de Santiago, tamén vai deixar de percibir uns ingresos cos que contaba nos próximos meses. Despois de tres anos encadeando contratos temporais, recibiu a finais de febreiro a noticia de que pasaría a ser indefinida na empresa que traballa para Ryanair nas instalacións compostelás.

A crise freou o contrato indefinido que estaba a punto de asinar unha traballadora do aeroporto de Santiago

"O meu xefe dixérame que ía empezar en abril de forma indefinida, cuns ingresos un pouco maiores, con vacacións e con plenos dereitos", explica, pero a suspensión dos voos e os ERTE que se están aplicando no equipo deixaron o seu contrato paralizado. "Agora atópome a mediados de marzo sabendo que non me van contratar. Teño paro, pero para catro meses", relata.

A preocupación avanza ata o momento no que se comece a recuperar a actividade. Aínda que a empresa desista do contrato indefinido, podería contar con ela de novo de forma temporal, pero a partir de setembro, "no caso de que efectivamente precisen persoal e non recorten frecuencias". "O paro supón menos ingresos e despois terei que tirar de aforros e a ver como queda de afectada a compañía. Eu non entro en ningún ERTE, así que non hai medida económica que se aplique a min", reflexiona.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.