Máis preguntas e respostas sobre as restricións e peches para frear o coronavirus que atinxen a Galicia

O estado de alarma está vixente dende as cero horas do 15 de marzo. Na fotografía, unha rúa baleira do centro de Lugo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Praza Pública

Este venres a Xunta declarou a emerxencia de interese galego por razóns sanitarias, ao abeiro da lei de emerxencias do ano 2007. Esta decisión implica pechar múltiples lugares públicos que poden ser focos de contaxio do coronavirus e engádense ás restricións que xa foran adoptadas, como as dirixidas ás visitas nos hospitais ou centros de maiores. Da suspensión das clases ao peche dos bares, son múltiples as medidas para tentar conter os contaxios, ás que se agregaron as determinadas polo Goberno de España coa declaración de estado de alarma. Velaquí un feixe de preguntas e respostas sobre as principais medidas. Todas as instrucións están publicadas no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado. Tamén haberá unha nova edición do DOG na tarde deste domingo.

Desprazamentos

Onde podo ir malia á orde de "limitación de liberdade de circulación"?

O Real Decreto que activa o Estado establece oito excepcións á orde expresa de quedar na casa. Indícase que se "poderá circular polas vías de uso público" para ir mercar comida, medicamentos e outros produtos de primeira necesidade, repostar nunha gasolineira ou ir a un centro sanitario. Tamén para ir traballar e regresar á casa ou acudir a outro lugar para prestar asistencia a persoas maiores, menores ou con algún tipo de dependencia. Igualmente, está permitido desprazarse a "entidades financeiras e de seguros" e, en xeral, por "causa de forza maior". Agrega como excepción "calquera outra actividade de análoga natureza", pero sempre "individualmente" agás persoas que precisen acompañamento.

Comercio

Pechan os supermercados?

Todas as tendas de alimentación poden permanecer abertas con normalidade, tamén as áreas dos centros comerciais dedicadas á venda de alimentos

Non. A declaración de emerxencia de interese galego por razóns sanitarias que aprobou a Xunta deixa fóra da orde de peche todos os establecementos dedicados á alimentación, tanto os supermercados como tendas especializadas, caso de panadarías, carnizarías, peixarías ou froitarías. Nos centros comerciais pode continuar aberta só a área de alimentación. Ademais, este sábado o presidente da Xunta asegurou que todos os establecementos de alimentación terán "liberdade horaria", isto é, poderán estender o seu horario todo o tempo que as empresas determinen.

Aviso de peche polo coronavirus nun local hostaleiro da Coruña, este 14 de marzo CC-BY-NC-SA Praza Pública

Todos os demais negocios teñen que estar pechados?

Non. A resolución da Xunta tamén estipula outras excepcións para o comercio. É o caso dos negocios que venden tabaco, equipamento tecnolóxico como ordenadores ou telefonía, artigos culturais, cosmética e hixiene ou produtos do agro. Podes consultar aquí a listaxe completa. A declaración de estado de alarma, que prevalece sobre as decisións da Xunta, cita expresamente os seguintes locais, ademais do sector de alimentación: "establecementos farmacéuticos, médicos, ópticas e produtos ortopédicos, produtos hixiénicos, salóns de peiteado, prensa e papelaría, combustible para a automoción, estancos, equipos tecnolóxicos e de telecomunicacións, alimentos para animais de compañía, comercio por internet, telefónico ou correspondencia, tinturarías e lavandarías"

Hostalería

Teñen que pechar todos os bares?

Si. A orde de peche atinxe a todos os bares ao seren considerados focos de potenciais contaxios. O mesmo se aplica a discotecas, furanchos ou pubs. Só poden prestar servizo de envío de comida a domicilio ou de recollida no propio local, pero sempre garantindo que a permanencia da clientela sexa "a estritamente necesaria" para recoller o encargo, "evitando aglomeracións" e con "distancia de seguridade" cara ao persoal.

E os hoteis?

Non. Os hoteis poden continuar abertos e tamén os bares e restaurantes do seu interior, pero só para daren servizo á clientela do propio local e mais ao persoal. Os albergues de peregrinos da rede pública da Xunta si pechan polas mesmas dúas semanas -prorrogables-.

Cultura, deporte e lecer

Podo ir ao cine ou ao museo?

Non. Tras a declaración de emerxencia sanitaria teñen que cesar a súa actividade cinemas, teatros, auditorios, museos, bibliotecas, circos e calquera outro recinto semellante.

Podo ir ao ximnasio?

Non. O peche para frear os contaxios tamén afecta a todas as instalacións deportivas, sexa para uso individual ou para a celebración de competicións, que quedan suspendidas. Podes consultar aquí todas as instalacións restrinxidas.

Aula baleira nun centro escolar galego, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Ensino

Están abertos os colexios?

Non. Dende o luns está activa a suspensión do período lectivo. Só estiveron abertos o venres como media provisional para a adaptación das familias.

Canto tempo durará a suspensión das clases?

A suspensión das clases comeza o luns en todos os niveis educativos e prolongarase durante un mínimo de 14 días

A suspensión, que afecta a todos os niveis educativos, dende os 3 anos ata o ensino universitario, ten unha duración inicial de 14 días. Con todo, dende o Goberno galego xa se advertiu que a medida se poderá prorrogar nese momento, en momento da situación existente nese momento.

O persoal dos centros de ensino debe acudir ao traballo?

A pesar de que nun primeiro momento se indicara que tanto o persoal docente coma o non docente debería acudir aos centros educativos, a Xunta deu en ditar novas instrucións para o ensino público, segundo as cales a presenza ou non do profesorado dependería da dirección. Este sábado, Feijóo variou outra volta a postura do Goberno e indicou que a instrución xeral pasa a ser que o persoal docente non acuda. O DOG aclarou as novas disposicións o domingo: ten que estar de garda de 10h a 13h un membro de cada equipo directivo.

Pechan todos os servizos das universidades?

Suspéndense todas as activas docentes presenciais, e cada universidade foi confirmando o peche doutros espazos, como bibliotecas ou instalacións deportivas. Mantéñense as actividades de xestión e de investigación e tamén permanecen abertas as residencias, aínda que se suspenden nelas os servizo comúns.

Que pasa coas probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos?

Os exames estaban previstos para o sábado, día 14, e quedan suspendidos. A Comisión Interuniversitaria de Galicia indica que a nova data será comunicada "unha semana antes da realización das probas".

Servizos sociais e sanitarios

Pechan todos os servizos de atención a persoas maiores?

A Xunta acordou "a suspensión de toda a actividade" nos centros sociocomunitarios que dependen directamente da administración autonómica, uns 14 en toda Galicia. Tamén "dos centros de día, sexan de maiores, de menores, de protección de menores ou de discapacidade". Os distintos concellos están a adoptar medidas semellantes nos que depende da súa xestión. Feijóo tamén indicou o sábado que finalmente quedarán abertos centros como comedores sociais ou albergues para persoas sen fogar, se ben estas instalacións tamén están pendentes da publicación no DOG.

Vista do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e da súa contorna © Sergas

As residencias de maiores seguen abertas, pero limítanse as visitas

Seguen abertas as residencias?

Si, completamente. Suspéndense, iso si, as actividades que supoñan o acceso de persoas externas a estes centros. Así mesmo, impóñense restricións nas residencias e as visitas están prohibidas agás en casos xustificados e autorizados por cada dirección.

Que restricións se impoñen nos centros hospitalarios?

Os acompañantes do paciente durante a estadía no centro limítanse a unha persoa. Ademais, promoverase a e-consulta e a consulta telefónica para evitar no posible presenza nestes espazos de colectivos vulnerables ao coronavirus.

Transporte

Hai restricións no transporte público?

O transporte público continúa funcionando, pero con oferta reducida e o uso desaconsellado do transporte público regular, do transporte urbano e das súas infraestruturas ás persoas que presenten síntomas, ás mulleres embarazadas e a todas as persoas "especialmente vulnerables ás infeccións respiratorias ou con persoas destas características na súa contorna próxima".

Así e todo, a declaración da emerxencia sanitaria faculta a Xunta para establecer confinamentos ou restricións de movementos. Máis aínda, a declaración de estado de alarma por parte do Goberno de España abre a porta tamén a limitar movementos en zonas concretas, especialmente nas máis afectadas polo virus, e reduce nun 50% a oferta de billetes. Ademais, varias cidades galegas reducen a frecuencia dos seus autobuses. 

Parque infantil pechado polo Concello de Lugo como medida de prevención fronte ao coronavirus © Concello de Lugo

Funcionamento da administración

Pechan os rexistros?

A Xunta mantén abertas as Oficinas de rexistro e atención á cidadanía. Porén, extremaranse as medidas de limpeza e disporase dunha distancia de cando menos un metro co público, evitándose o contacto físico. Tamén se controlará, na medida do posible, a afluencia de público co fin de evitar aglomeracións nas zonas de espera. Asi mesmo, promove a tramitación telemática dos procedementos "en todos os casos que sexa posible", evitando a presenza física do público nas oficinas e rexistros.

Que pasa cos procedementos administrativos en marcha?

O estado de alarma implica a "interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público". Ese cómputo volverá estar en marcha no momento en que finalice o estado de alarma.

O persoal público pode facer teletraballo ou flexibilizar a súa xornada?

Os empregados públicos que teñan ao seu cargo menores ou persoas dependentes e que poidan verse afectados por un hipotético peche de centros educativos ou de maiores poden adoptar medidas especiais de flexibilidade da xornada laboral. Inicialmente, en Galicia o teletraballo ía ficar como unha medida de aplicación excepcional, pero a Xunta xeneralizouno dende o domingo.

Recomendacións xerais

Que hai que facer no caso de sentir síntomas?

A Xunta recomenda ás persoas que inicien síntomas respiratorios e/ou febre que permanezan no seu domicilio, sen acudiren ao seu lugar de traballo nin aos centros sanitarios, sempre que a súa situación clínica o permita. O Sergas habilitou o sitio web coronavirus.sergas.gal  con información xeral sobre a epidemia, que tamén se pode solicitar no teléfono 900 400 116, se ben Sanidade insiste na necesidade de utilizalo "con responsabilidade", toda vez que xa sufríu varios colapsos. Só no caso de emerxencia, cómpre chamar ao 061.

Que precaucións hai que tomar coas persoas maiores?

O Goberno galego recomenda o coidado domiciliario dos maiores. E recomenda a todas as persoas maiores ou con estados de inmunosupresión que limiten as saídas do seu fogar ou residencia e que en calquera caso eviten lugares concorridos. Sanidade reitera a petición de "illamento social" para o conxunto da poboación, tanto para a máis vulnerable como para a que, con menos riscos para a saúde, é igualmente potencial foco de contaxio.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.