Segunda rectificación oficial da Xunta nas indicacións ao profesorado do ensino público fronte á alerta sanitaria do coronavirus. Pouco antes da media noite do domingo ao luns, o Goberno galego publicou o DOG extraordinario con novas medidas fronte á epidemia tanto para persoal público como para algúns sectores privados. Entre elas, xeneraliza o teletraballo para o groso do seu plantel e no caso dos centros de ensino, recúa definitivamente na orde de que o persoal de colexios e institutos tivese que acudir aos centros mentres non haxa clase.
Finalmente, Educación indica que "permaneza en réxime de quendas" un membro do equipo directivo de cada centro de 10h a 13h
Tras dar a orde xeral de que o profesorado acudise aos centros e despois rectificala, indicando que a presenza ou non dependería da decisión de cada dirección, finalmente establece unha caste de garda só para persoal directivo. Concretamente, indica a resolución, "nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades", terá que "permanecer en réxime de quendas só unha persoa do equipo directivo" e unicamente de 10 da mañá a unha da tarde [a resolución completa para o persoal público pódese consultar aquí].
Para o sindicato maioritario do sector, a CIG-Ensino, esta é unha nova "rectificación" tras "unha cadea de decisións contraditorias" que, din, batían coas directrices do estado de alarma para frear os contaxios do virus. A nova directriz, para a central sindical, é tamén unha "irresponsabilidade" aínda que sexa "menor, polo volume de persoas afectadas". "A Xunta aplica unha sorte de servizos mínimos que non ten razón de ser" e que implica que "preto de 3.000 docentes teñan que acudir por quendas a un posto de traballo no que non hai ningún tipo de actividade" e a que puidese haber, podería ser desenvolvida a través de internet, din.
Novas directrices para centros sociais
Tamén tiveron que agardar ata a noite do domingo ao luns os centros que atenden as persoas sen fogar ou que se atopan noutro tipo de dificultades socioeconómicas, tanto os públicos como os dependentes de entidades sociais. Tras recibiren o pasado venres a orde xeral de pechar, o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzara a intención de que permanecesen abertos, se ben avanzando indicacións que xeraron confusión no sector -indicara, por exemplo, horarios "ininterrompidos" para centros que nunca os teñen-.
Tras a confusión inicial, a Xunta aclara tamén que centros para persoas sen fogar poden abrir
Finalmente, o DOG aclara o xeito de procederen. Sempre baixo as directrices das precaucións sanitarias xerais -como as distancias entre persoas-, "as cociñas económicas e comedores sociais deberán manter o seu funcionamento habitual", pero limitando o aforo a un terzo e "reforzando a subministración de comida para o consumo fóra do centro". Os centros de atención social continuada, moitos deles dependentes de entidades sen ánimo de lucro, "manterán a súa actividade" pero con eses límites de aforamento e nos centros de día de inclusión social só poden manter "os servizos de mantemento da hixiene e de calor e café".
Aclaracións para negocios privados
Unha vez declarado o estado de alarma e ante o aluvión de dúbidas tamén dende o sector privado, a Xunta tamén especifica no DOG algúns dos negocios que continúan "incluídos dentro das excepcións" aos peches para frear os contaxios. Así, ademais das tendas de alimentación -que poden manter horario ininterrompido- e outras xa coñecidas, tamén poden abrir ópticas, poden funcionar os servizos de camións-tenda de venda de comida a domicilio e as lonxas teñen permitido operar como a cotío. Tamén poden seguir abertos os seguintes negocios privados:
- Actividades sanitarias e servizos sociais, como clínicas odontolóxicas
- Actividades financeiras e seguros
- Servizos científicos e técnicos
- Actividades administrativas e auxiliares
- Establecementos residenciais con coidados sanitarios
- Servizos sociais sen aloxamento
- Reparación de ordenadores e artigos de uso doméstico
- Lavado e limpeza de pezas téxtiles e de pel
- Pombas fúnebres
- Fisioterapia
- Reparación e mantemento
- Servizos veterinarios
En calquera caso e ante a dúbida, a Xunta subliña que "as actividades suspendidas son unicamente aquelas que se recollen no Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo e nas recollidas no Real Decreto de declaración do Estado de Alarma.