Pouco máis de doce horas despois de facerse oficial o paquete de medidas da Xunta para frear o coronavirus que incluíu a suspensión xeral das clases en todos os niveis educativos a partir do vindeiro luns, a Consellería de Educación vén de verse obrigada a rectificar. Concretamente, a recuar no punto das instrucións que obrigaba o persoal docente a acudir a colexios e institutos malia non haber alumnado neles e aínda que boa parte do labor a desenvolver puidese realizarse mediante o teletraballo.
A Consellería deixa agora nas mans das direccións dos centros que o profesorado acuda ou non durante a suspensión da actividade lectiva
Despois de que todos os sindicatos que representan o persoal docente se opuxesen abertamente a esta medida e mesmo acudisen á sede da Consellería para tentar -sen éxito e con ameaza de desaloxo- negociar a súa retirada, o departamento que dirixe Carmen Pomar vén de ditar unha nova instrución. Nela, retira a obriga xeral de que o profesorado permaneza nos centros e substitúea por unha indicación ás direccións para que sexan elas as que decidan en cada caso. Así o reclamaran tamén directores de varios centros.
Así, a nova instrución especifica que nos centros de infantil e primaria de menos de seis unidades, "a titorización e a atención ao alumnado" será en todo caso por vía "telemática, telefónica ou doutra índole". Nos demais, tamén será prioritaria esa vía e "a presenza do persoal docente" dependerá do que "determine o equipo directivo" e sempre no caso de que non teñan síntomas de contaxio por coronavirus.
No caso das demais ensinanzas, a instrución é a mesma: traballo telemático agás nas presenzas que "determine o equipo directivo". Tampouco terán obriga de acudiren a colexios e institutos as persoas encadradas en tarefas de reforzo educativo ou outro persoal como os auxiliares de conversa.
A nova instrución matiza as indicacións para os permisos de coidado de familiares, nos que ten preferencia o persoal con menores ou dependentes ao cargo
A nova instrución tamén matiza as indicacións para os permisos para coidado de familiares menores ou maiores con dependencia. O persoal de Educación nesta situación terá "preferencia para obter permisos de conciliación". En calquera caso, indica a Consellería, estas instrucións poden volver variar en función "da evolución da pandemia".
O sindicato maioritario no sector da educación, CIG-Ensino, atribúe esta mudanza á "presión" exercida tras coñeceren a primeira versión das instrucións. Así e todo, lamentan que a Xunta non sexa máis "contundente" e opte por "decretar o peche total dos centros de ensino durante a corentena, que se prevé que sexa dun mínimo de 14 días", se ben as "previsións sobre o pico da enfermidade" fan agardar que vaia "ata despois da Semana Santa".