Este xoves a Xunta anunciou unha batería de restricións para frear a propagación do coronavirus, o mesmo que o Goberno central, concellos ou universidades. Ensino, eventos públicos, residencias e centros de día son algúns dos ámbitos afectados máis directamente polas medidas. Velaquí un feixe de preguntas e respostas sobre algunhas delas. Todas as instrucións están publicadas no Diario Oficial de Galicia.
Ensino
Este venres están abertos os colexios?
Este venres os centros permanecerán abertos, como unha medida de apoio "aos pais e nais teñen dificultades para organizarse" e deixar os fillos e fillas noutros lugares. Porén, a Xunta pídelles que na medida do posible se absteñan de levalos
Canto tempo durará a suspensión das clases?
A suspensión, que afecta a todos os niveis educativos, dende os 3 anos ata o ensino universitario, comeza este luns e ten unha duración de 14 días. Con todo, dende o Goberno galego xa se advertiu que a medida se poderá prorrogar nese momento, en momento da situación existente nese momento.
O persoal dos centros de ensino debe acudir ao traballo?
Finalmente, a pesar de que nun primeiro momento se indicara que tanto o persoal docente coma o non docente debería acudir aos centros educativos, este venres a Xunta deu novas instrucións, de xeito que para a titorización e atención ao alumnado polos medios non presenciais só deberá estar presente "o persoal docente que determine o equipo directivo sempre que non presente sintomatoloxía".
Pechan todos os servizos das universidades?
Suspéndense todas as activas docentes presenciais, e cada universidade foi confirmando o peche doutros espazos, como bibliotecas ou instalacións deportivas. Mantéñense as actividades de xestión e de investigación e tamén permanecen abertas as residencias, aínda que se suspenden nelas os servizo comúns.
Que pasa coas probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos?
Os exames, cuxa realización estaba prevista para este sábado, quedan suspendidas. A Comisión Interuniversitaria de Galicia vén de aprobar o adiamento e indica que a nova data será comunicada "unha semana antes da realización das probas".
Servizos sociais e sanitarios
Pechan todos os servizos de atención a persoas maiores?
A Xunta acordou "a suspensión de toda a actividade" nos centros sociocomunitarios que dependen directamente da administración autonómica, uns 14 en toda Galicia. Tamén "dos centros de día, sexan de maiores, de menores, de protección de menores ou de discapacidade". Os distintos concellos están a adoptar medidas semellantes nos que depende da súa xestión.
Seguen abertas as residencias?
Si, completamente. Suspéndense, iso si, as actividades que supoñan o acceso de persoas externas a estes centros. Así mesmo, impóñense restricións nas residencias, permitíndose unicamente visitas dunha soa persoa. Ademais, prohíbese o acceso aos centros de persoas con síntomas respiratorios, febre ou patoloxías cardíacas ou respiratorias previas.
Que restricións se impoñen nos centros hospitalarios?
Os acompañantes do paciente durante a estadía no centro limítanse a unha persoa. Ademais, promoverase a e-consulta e a consulta telefónica para evitar no posible presenza nestes espazos de colectivos vulnerables ao coronavirus.
Eventos deportivos e culturais e transporte
Que tipo de eventos deben suspenderse?
Quedan suspendidos en Galicia os espectáculos públicos e recreativos con máis de 500 persoas en espazos pechados. En caso de estar por debaixo deste límite poderán celebrarse sempre que non se supere un terzo do aforo autorizado. Recoméndase a suspensión da celebración de actividades colectivas ao aire libre e en todo caso, suspéndense aquelas que concentren a máis de 500 persoas.
Suspéndense todas as actividades culturais?
No caso das promovidas por entidades privadas a decisión depende de cada unha, atendendo ás restricións de aforo fixadas. Con todo, a decisión maioritaria está sendo a da suspensión ou o aprazamento, tanto por unha cuestión de prevención como pola dificultade creada para o desprazamento dalgúns dos participantes dende outros territorios
Que pasa coas actividades deportivas? Suspendidas ou a porta pechada?
O Goberno galego acordou realizar a porta pechada os grandes eventos deportivos profesionais e non profesionais, nacionais e internacionais, que supoñan unha grande afluencia de afeccionados. Con todo, aínda que a xunta non obriga á suspensión ou ao aprazamento, si que os recomenda. En calquera caso, nos últimos días a maior parte das competicións anunciaron a suspensión de partidos de fútbol, baloncesto e demais deportes en todos os niveis, ou de carreiras populares.
Pechan todas as bibliotecas?
A Xunta só determinou o peche dos museos e arquivos que dependen da administración autonómica. No caso das bibliotecas, poderán permanecer abertas, limitando a súa capacidade ata un terzo do máximo permitido co fin de posibilitar a separación dos usuarios e dificultar a transmisión do virus. No que respecta ás bibliotecas municipais, a decisión depende de cada concello e de momento cidades como A Coruña están anunciando igualmente o peche das instalacións a partir deste venres e durante dúas semanas. O Goberno galego non impón o seu peche, pero limita a súa capacidade "ata un terzo do máximo permitido" para posibilitar "a separación dos usuarios e dificultar a transmisión do virus".
Hai restricións no transporte público?
O transporte público continúa funcionando con normalidade, pero a Xunta desaconsella o uso do transporte público regular, do transporte urbano e das súas infraestruturas ás persoas que presenten síntomas, ás mulleres embarazadas e a todas as persoas "especialmente vulnerables ás infeccións respiratorias ou con persoas destas características na súa contorna próxima".
Funcionamento da administración
Pechan os rexistros?
A Xunta mantén abertas as Oficinas de rexistro e atención á cidadanía. Porén, extremaranse as medidas de limpeza e disporase dunha distancia de cando menos un metro co público, evitándoase o contacto físico. Tamén se controlará, na medida do posible, a afluencia de público co fin de evitar aglomeracións nas zonas de espera. Asi mesmo, promove a tramitación telemática dos procedementos "en todos os casos que sexa posible", evitando a presenza física do público nas oficinas e rexistros.
Que pasa cos procedementos administrativos en marcha?
O Goberno galego sinala que se adoptarán "as medidas de ampliación de prazos que sexan precisas nos procedementos en tramitación" para posibilitar o seu cumprimento polos cidadáns.
O persoal público pode facer teletraballo ou flexibilizar a súa xornada?
Os empregados públicos que teñan ao seu cargo menores ou persoas dependentes e que poidan verse afectados por un hipotético peche de centros educativos ou de maiores poden adoptar medidas especiais de flexibilidade da xornada laboral. O teletraballo fica, de momento, como unha medida de aplicación excepcional, pero a Xunta indica que "se nalgún momento as recomendacións sanitarias o aconsellasen" poderase adoptar "para preservar a saúde da persoas dos distintos centros".
Recomendacións xerais
Que hai que facer no caso de sentir síntomas?
A Xunta recomenda ás persoas que inicien síntomas respiratorios e/ou febre que permanezan no seu domicilio, sen acudiren ao seu lugar de traballo nin aos centros sanitarios, sempre que a súa situación clínica o permita. No caso de atoparse peor, poden chamar aos números 061 ou 900400116.
Que precaucións hai que tomar coas persoas maiores?
O Gorberno galego recomenda o coidado domiciliario dos maiores. E recomenda a todas as persoas maiores ou con estados de inmunosupresión que limiten as saídas do seu fogar ou residencia e que en calquera caso eviten lugares concorridos.