Eleccións con coronavirus: entre a campaña reducida e a suspensión total

Electorado agardando para votar nun colexio electoral de Lugo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Merixo

A crise do coronavirus está a derivar en Galicia -e tamén en Euskadi- nun debate inevitable sobre a conveniencia de manter ou non o proceso electoral xa en marcha, que debería culminar o vindeiro 5 de abril cos comicios ao Parlamento de Galicia. Ou, o que é o mesmo, coa chamada a máis de dous millóns de persoas para iren votar a 2.408 locais electorais, nos que se atopan 3.952 mesas cos seus correspondentes membros e representantes dos partidos políticos. Todo, mentres as autoridades sanitarias reiteran a necesidade de limitar movementos e contactos.

Nin a lei electoral xeral nin a galega contemplan a posibilidade de frear un proceso electoral en marcha

O propio presidente da Xunta e candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, admitía esta semana que, "evidentemente", a posibilidade dun adiamento dos comicios "está na axenda". A súa preferencia, agregaba pouco despois, sería que o proceso electoral se celebrase segundo o previsto. Cuestión que xa no inicio da semana semellaba pouco compatible cos "criterios de saúde pública" que se están a impoñer para tentar frear a epidemia. Pero o propio Goberno galego admitía, ao tempo, a carencia absoluta de competencias para tomar unha decisión que sería inédita e que, concordan os partidos políticos, non ten ningunha previsión nas leis.

Deste xeito, todas as forzas políticas están a reformular os seus actos de precampaña e campaña, suprimindo os actos máis multitudinarios preparados para antes duns comicios que non está nada claro que cheguen a celebrarse o 5A. Neste contexto, como explica en Praza.gal Carlos Amoedo na súa condición de profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, a cuestión que as autoridades teñen sobre a mesa é "o problema de como parar un proceso electoral en marcha", toda vez que nin a lei electoral xeral nin a galega prevén "nada ao respecto" alén de "suspender unha votación puntual nalgunha mesa por causa de forza maior".

Actos de precampaña nos que as principais forzas políticas xuntaron persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia nas últimas semanas CC-BY-SA PP | PSdeG | BNG | GeC

O profesor Amoedo sinala o estado de alarma como recurso máis viable para un posible adiamento

Neste contexto, explica Amoedo, a canle legal máis viable pasaría polo Goberno central, concretamente polo "uso das potestades extraordinarias que habilitan os estados excepcionais previstos polo artigo 116 da Constitución, desenvolvidos dende 1981 na lei de estados de alarma, excepción e cerco. Deste xeito, ilustra, o Consello de Ministros podería activar o mecanismo de "declarar o estado de alarma por causa de crise sanitaria do coronavirus" e dilatar dúas semanas os prazos electorais. "En función da duración da epidemia, ese prazo de suspensión sería prorrogado con autorización expresa do Congreso", sinala.

Esta solución, considera, sería "máis pertinente" que utilizar as medidas extraordinarias contempladas na lei de saúde pública. E con mellor encaixe legal, agrega, que modificar a lei electoral pola vía rápida mediante un Real Decreto-Lei, xa que "o prohibe expresamente a Constitución no seu artigo 86.1".

Xuntanza de líderes dos principais partidos

Con este pano de fondo e en ausencia de mecanismos legais específicos para adiar as eleccións, nos partidos políticos imponse a cautela e os actos preelectorais continúan, sen grandes recintos nin presenzas masivas, á espera de acontecementos. Todo semella indicar que, de chegar, a decisión do adiamento estaría sobre a mesa da xuntanza organizada para o vindeiro luns dende a Presidencia da Xunta e á que están convocados "os principais partidos galegos" a apenas catro días do comezo oficial da campaña electoral, fixado para o día 20.

Os partidos continúan con actos preelectorais, pero desbotando os grandes recintos

Tras reclamalo nos últimos días líderes como a nacionalista Ana Pontón ou o socialista Gonzalo Caballero, este encontro celebrarase despois de que, o sábado, o propio Feijóo intercambie impresións sobre a crise sanitaria nunha videoconferencia convocada polo Goberno central, á que Pedro Sánchez convocou a todas as presidencias autonómicas. As candidaturas da esquerda din concordar en que nesta situación deben primar os criterios de "saúde pública" na decisión que se tome, que sexa cal for tamén debe ter en conta que a cidadanía poida "expresarse con normalidade" nas urnas, di Pontón.

Comisión interdepartamental que aborda na Xunta as medidas sobre o coronavirus CC-BY-SA Xunta

As decisións a tomar estarán sobre a mesa do encontro cos partidos convocado dende a Presidencia da Xunta para despois da videoconferencia que Pedro Sánchez manterá coas presidencias de todas as autonomías

Dende o PSdeG, Caballero tamén insta a priorizar a saúde, se ben matiza que xa se desenvolveron outros comicios en situacións extraordinarias, como as xerais de 2004 inmediatamente despois do 11M. Pola banda de Galicia en Común, o seu candidato á Presidencia, Antón Gómez-Reino, comparecía este xoves en rolda de prensa xunto a Martiño Noriega e Eva Solla, para subliñar que é "fundamental garantir a saúde da cidadanía nos días que quedan e no proceso electoral" e por iso, di, "estamos á disposición" do Goberno.

Ás dúbidas xurídicas e á incerteza sobre o efecto político que manter ou non as eleccións no 5 de abril puidera causar, engádese outra variable. Igual que a convocatoria electoral en Euskadi precipitou o adianto da cita coas urnas en Galicia, nas forzas políticas esténdese o convencemento que a decisión sobre adiar ou non as eleccións irá inevitablemente ligada en ambos territorios aínda que, cando menos de momento, a incidencia do coronavirus entre a poboación vasca estea a ser moito maior que entre a galega. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.