O organismo salienta que a súa función é garantir as liberdades públicas durante o proceso electoral, pero que este xa está condicionado polas medidas de protección da saúde
A Xunta Electoral de Galicia vén de facer público un acordo no que salienta que a súa función é garantir as liberdades públicas durante o proceso electoral, pero que este está condicionado polas medidas de protección da saúde e a decisión sobre a súa celebración compete a outros “órganos”, que no identifica, aos que pide que respecten os principios constitucionais e estatutarios, dean audiencia a todos os suxeitos afectados e pide “consenso das candidaturas” para as decisións que se tomen en función da crise sanitaria.
O acordo da Xunta Electoral sinala que o proceso electoral “debe desenvolverse no pleno exercicio dos dereitos fundamentais garantidos na Constitución e no Estatuto” e engade que “as medidas de protección da saúde do corpo electoral condicionan o normal funcionamento do sistema e son presuposto para a súa efectividade”. O comunicado indica que “as consecuencias que poida ter a crise sanitaria sobre a celebración das eleccións deben ser valoradas polos órganos que teñen atribuídas as competencias sobre o normal desenvolvemento do proceso electoral e o seu control coa perspectiva última de garantir a vontade o pobo galego manifestada a través das eleccións”, pero non identifica eses “órganos”.
A Xunta electoral sinala que “as decisións a adoptar nesta situación deben respectar os principios constitucionais e estatutarios de seguridade xurídica, de responsabilidade e de interdición da arbitrariedade dos poderes públicos, polo que deben coidar a necesaria audiencia e participación de todos os suxeitos afectados”.
"Son os mecanismos propios do Estado de dereito e o consenso das candidaturas concorrentes os que deben orientar as decisións", di a Xunta Electoral
“Esta Xunta Electoral garante, no seo das súas competencias, o normal desenvolvemento do proceso electoral convocado, e entende que, ante a ausencia dunha regulación expresa que autorice calquera aprazamento deste, son os mecanismos propios do Estado de dereito e o consenso das candidaturas concorrentes os que deben orientar as decisións que veñan impostas, se for o caso, polo devir da crise sanitaria”, conclúe.